Artigo de “Campo Galego” :

Cinco problemas do monte galego que destapa a traxedia de Portugal

A impunidade existente na forestación de terras agrarias é levada de novo polos grupos da oposición ó Parlamento de Galicia. Pídense tamén medidas nas franxas de monte arredor dos núcleos rurais e políticas contra o monocultivo de eucalipto.

 
 
 
 

Cinco problemas do monte galego que destapa a traxedia de PortugalO Plan Forestal de Galicia presentarase previsiblemente para a semana.

O tráxico lume forestal que está a vivir Portugal, con máis de 60 mortos e unhas 40.000 hectáreas arrasadas, abriu un debate en Galicia sobre as medidas a adoptar para previr catástrofes incendiarias. Os grupos da oposición apuntaron hoxe na comisión de Agricultura do Parlamento varios frontes de traballo, se ben non houbo consenso e ningunha iniciativa saíu adiante.

Espérase ao Plan Forestal, que se presentará previsiblemente na próxima semana, como punto de partida para traballar nun novo monte galego. As principais cuestións de prevención que quedan sobre a mesa son as seguintes.

1) Impunidade na forestación de terras agrarias

As terras de cultivo e os prados viñan actuando de cortalumes naturais fronte ós incendios. Se se sustitúen por plantacións forestais, que rematan por rodear os núcleos de poboación, foméntase a continuidade da masa forestal, sen fragmentacións que eviten a expansión dos lumes. Os grupos da oposición lembraron hoxe no Parlamento que en Galicia hai máis de 30.000 hectáreas agrarias forestadas de xeito ilegal, a maioría con eucaliptos.

Desde o grupo popular foron contundentes en asegurar que estaban en contra da forestación de terras agrarias, pero a oposición entende que non se está a facer nada para frear esa situación, prohibida pola Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012): “Non fan nada para evitalo. Pódese ver en calquera concello de Galicia”, cuestionouse desde o grupo de En Marea.

2) Franxas de xestión da biomasa no entorno dos núcleos rurais

A normativa obriga a manter despexados de mato 50 metros no entorno de núcleos de poboación, vivendas ou edificios illados. Piñeiros e eucaliptos deben gardar ademais unha distancia de 30 metros. Un dos problemas que se viviu en Portugal foi que o monte chegaba á porta das casas, polo que varias aldeas quedaron arrasadas polo lume.

“En Galicia temos milleiros de núcleos de poboación sen unha franxa de seguridade. A lei di que se o propietario non se encarga de limpala a responsabilidade é dos Concellos, pero os Concellos non teñen capacidade para afrontar ese problema. Non é función dos Concellos, é función da Consellería”, defendeu hoxe no Parlamento o deputado do Bloque Xosé Luis Rivas ‘Mini’.

A mesma postura expresou onte a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que advertiu de que os Concellos non contaban nin con medios técnicos nin con persoal para acometer eses traballos.

3) Distancias do arborado a vías de comunicación

A Lei de Montes obriga a que as novas repoboacións de piñeiros e eucaliptos manteñan unha distancia de 10 metros a estradas convencionais. En pistas forestais, a distancia redúcese en xeral a catro metros. Velar polo respeto a esas distancias garantiría unha mellora progresiva do actual escenario, co monte pegado en moitos puntos ás vías de comunicación, sen a penas retranqueo.

Outra cuestión que queda aberta é se, en determinadas zonas, compriría actuar para afastar o arborado xa existente das vías de comunicación.

“Cando veño a Santiago desde Boimorto, cruzo por moitas estradas provinciais que discurren entre fileiras de árbores. Non medran na cuneta porque pola cuneta pisan os tractores. Se me pilla un lume aí no medio, estou perdido” -reflexiona o deputado do Bloque Xosé Luis Rivas ‘Mini’-. “Estamos vendidos e a Administración non reacciona”.

4) Monocultivos

O grupo En Marea pediu hoxe medidas que eviten a continuidade de grandes masas de eucalipto, xa que considera que esta especie facilita a propagación dos incendios a unha maior velocidade. “Deberían racharse os monocultivos cada 5 hectáreas”, suxiren a efectos de crear nos montes un mosaico no que se combinen eucaliptos ou piñeiros con frondosas e terras agrarias, espazos nos que o lume ou se detén ou avanza con menor rapidez.

Desde o grupo popular, declararon que estaban en contra de presentar o eucalipto como a personificación do mal, pero coincidiron na necesidade de medidas contra o monocultivo. “O monocultivo si é un problema”, recoñeceron.

5) Asociacionismo forestal

A maioría do sector forestal coincide nun mesmo diagnóstico sobre os lumes de Portugal. Máis que dun problema do eucalipto ou do piñeiro, tratouse dun problema de abandono e de falta de xestión, que levou a unha excesiva acumulación de biomasa no monte.

Como vía para encarar esa situación de abandono, extensible a boa parte do monte galego, o sector avoga pola potenciación do asociacionismo forestal, se ben a figura implementada pola Xunta para promovelo está a naufragar.

Existen só media ducia de Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) constituídas en Galicia. Esa situación é considerada un retroceso pola oposición. “Só nos últimos meses do Goberno Bipartito había 45 Unidades de Xestión Forestal (Uxfor) en perspectiva”, recriminou o deputado do Bloque Xosé Luis Rivas ‘Mini’, que pediu que a Xunta asuma o fracaso das Sofor e busque novas vías de promover o asociacionismo.

 

http://www.campogalego.com/forestal/cinco-problemas-monte-galego-que-destapa-traxedia-de-portugal/

Deixa unha resposta