Cronoloxía

MONTE COMUNAL DO ROSAL: SÍNTESE HISTÓRICA.

 

O proceso histórico do monte comunal -ou baldío- da parroquia do Rosal, como os demais do seu entorno, non tivo, ate o proceso desamortizador de Madoz, interferencias notábeis no seu devir. É co inicio dese período, por mediados do século XIX cando a presión que comezan a exercer sobre el, tanto a administración do estado, -coa posibilidade de venda a particulares- como a dos propios intentos individuais de apropiárense de partes integrantes do mesmo, derivan na súa defensa baseada sempre na imperioso necesidade que deles teñen o “común dos veciños”.

Xa en 1885, o recente creado concello do Rosal vese na obriga de abrir expedientes contra algúns individuos por apropiárense de bouzas no comunal, xustificándose o seu inmemorial aproveitamento.

En 1862 ante o empuxe do intento desamortizador, os rexedores municipais acordan a súa non inclusión no catalogo de montes a allear, solicitando diante a Deputación de Pontevedra o correspondente expediente de excepción de vendas. Esta circunstancia deu lugar a que anos mais tarde se realizase o primeiro deslinde dos montes veciñais do Concello, executando a instancias da corporación municipal en 1889, catalóganse 2.128 hectáreas en todo o concello.

En base a ese documento pódese afirmar a escasa masa forestal que daquela soportaba a monte -199 ha., menos do 10% do total- contra a frote presión agrícola-gandeira -40 casetas para gardar gando dentro do perímetro do monte-. Notábel presentase o aproveitamento hidráulico dos seus cursos de auga, con 54 muíños fariñeiros e 4 serras dentro da súa area. No expediente faise un expreso recoñecemento da dependencia exclusiva que os veciños teñen do monte para poderen desenvolver a economía agraria da que se sustenta.

No obstante ao anterior, xa nos derradeiros anos do século XIX, se aprecia un intento de repoboamento forestal, disposición de partidas orzamentarias do concello, que se ben recoñece o monte como propiedade do común dos veciños tamén o entende como de administración municipal, e procede a realización de cortas de madeira e outras intervencións pola súa contra.

Co inicio, xa en pleno século XX, dunha política estatal claramente forestalista, en 1917 aprobase a realización do deslinde oficial dos montes do concello, cumpríndose en parte de 1921 a 1925. Pero non seria ate 1938, en plena guerra civil, cando se procede a repoboación sistemática do monte, relegando os usos ate ese momento tradicionais a un plano secundario. Eses primeiros repoboamentos fanse no monte TORROSO con  , realizándose por “ prestación persoal” dos veciños.

En 1942, asínase por parte das autoridades municipais, un consorcio co Patrimonio Forestal do Estado –por un período de 50 anos- da parte aínda non forestada dos montes que converten as case 1.900 hectáreas de monte baixo que había no ano 1890, en plantacións de Pinus pinaster, Pinus radiata e Eucalyptus globulus…..

 

( Cartel do Ministerio de Agricultura -Patrimonio Forestal del Estado- Consorcio con Diputación Provincial.)

Cartel do Ministerio de Agricultura
Cartel do antiguo Ministerio de Agricultura

 

…….Unicamente se respectan para uso gandeiro as elevadas pendentes da beiramar, por mor da gran dependencia económica que dela teñen os veciños do lugar. O concello seguiu mantendo en administración directa a parte arborada que había ate o momento. Todas estas modificacións nos aproveitamentos comunais deron como resultado a practica desaparición da ganderia extensiva tradicional das aldeas da parroquia, salvo no referido ao gando cabalar ceibo que de xeito inmemorial ocupa estes montes e do xa referido aproveitamento caprino das ladeiras do mar.

O deslinde iniciado en 1917 restablecese, dando lugar a dous montes de uso público, cos números 500 e 501, o primeiro todo el propiedade dos veciños da parroquia do Rosal, mentres o segundo compartido co resto das parroquias do concello. O deslinde do monte LOUSADO, NIÑO DO CORVO e outros, nº 501 foi aprobado en 1958, mentres que diversas vicisitudes impediron a aprobación do deslinde do monte CAMPO DO COUTO, TORROSO e outros, nº 500 ate o ano 1969.

En 1982 iniciase como en moitos outros lugares o proceso de recuperación da propiedade comunal por parte dos veciños, ao amparo das novas leis de montes. En Outubro de 1984 o Xurado Provincial de Montes clasifica como monte veciñal en man común da parroquia do Rosal 1.557 hectáreas, facéndose cargo do mesmo unha Xunta Rectora provisional, ate que en 1990 se constitúe definitivamente a Comunidade de Montes do Rosal.

En 1992 o vello consorcio asinado coa administración transformase en convenio coa Xunta de Galiza, por un período de 25 anos, sendo aumentado ate as 870 hectáreas seguindo as restantes administradas directamente pola Comunidade.