Lei 7/2012 de Montes de Galicia

LEI 7/2012, do 28 de Xunio, de montes de Galicia.

I. DIsposIcIóns xeraIs presIDencIa Da xunta De GalIcIa

Exposición de motivos
O monte, como recolle unha antiquísima tradición, foi a base que permitiu o sustento das sociedades antigas e posibilitou o tránsito á moderna sociedade dos nosos días, en que os bosques desempeñan un papel fundamental, tanto desde o punto de vista económico –coa madeira como principal aproveitamento nas sociedades postindustriais– como ambiental –depósito de carbono e verdadeiro pulmón do mundo actual– e tamén social e cultural –en canto espazo de expansión e lugar de encontro e esparexemento–.
No ámbito forestal, Galicia ocupa, no conxunto do territorio nacional, un lugar esencial.
É, sen lugar a dúbidas, a maior potencia forestal de España e unha das más importantes de
Europa. A súa superficie forestal arborada representa o 48 % da totalidade da Comunidade Autónoma, superando as 1.400.000 hectáreas e cunha alta produción de madeira, próxima ao 45 % da produción nacional. Esta é a razón pola cal o incremento da masa arborada en cantidade e calidade constitúe un obxectivo básico, non só do sector forestal en particular, senón da sociedade galega do século XXI no seu conxunto, garantindo o aproveitamento continuado dos recursos forestais, especificamente da madeira, que segue a ser, nestes momentos, o segundo produto deficitario na Unión Europea –tras o enerxético–, o que pode supoñer unha vía de ordenación territorial que posibilite un freo ao abandono sistemático das explotacións do rural de Galicia e permita, a través do desenvolvemento de explotacións e industrias forestais, a fixación da poboación, co cal se evitaría o despoboamento e a crise demográfica que atenazan o mundo rural galego.
A configuración do monte galego estivo en continuo proceso de cambio desde comezos do século pasado. Co devir histórico, a realidade dos nosos montes variou moito; desde unha relativamente escasa importancia da superficie arborada e unha gran porción do monte dedicada a aproveitamentos gandeiros e mesmo cultivos agrícolas, a un monte como o actual, onde os terreos volveron ter un uso forestal prioritario, ata acadar as dúas terceiras partes da superficie da Comunidade Autónoma, con fortes incrementos da superficie arborada, e onde a madeira se configura como un recurso endóxeno de primeira magnitude.
Para aquilatar a importancia actual do sector forestal na economía galega, non sempre adecuadamente ponderada, é necesario indicar que a contratación de servizos externos que realizan os propietarios e os xestores forestais dá emprego estable en Galicia, directo e indirecto, a un colectivo superior ás 15.000 persoas, formado por cuadrillas propias no monte, persoal técnico e administrativo das asociacións profesionais, viveiristas, consultoras de enxeñaría, empresas de traballos silvícolas, empresas de aproveitamentos forestais e transportistas especializados. A facturación dos propietarios forestais galegos supera os 300 millóns de euros anuais entre produtos madeireiros e non madeireiros.
Pola súa parte, a facturación conxunta da industria de transformación da madeira supera na nosa Comunidade Autónoma os 1.600 millóns de euros anuais, proporciona emprego directo a máis de 22.700 traballadores e constitúe o sector industrial que maior emprego xera na comunidade, cun 12 % da poboación laboral activa. A industria de primeira transformación produce o 60 % da produción nacional de taboleiros, o 40 % da madeira de serradoiro e o 20 % da pasta de papel, o que totaliza o 3,5 % do PIB da Comunidade Autónoma.
Pero a importancia do sector forestal non reside só nas cifras macroeconómicas, claros expoñentes da súa importancia, senón que, como xa indicamos, desempeña unha función básica na fixación da poboación no rural. En comarcas como as de Lugo, A Fonsagrada, A Terra Chá, Bergantiños, Fisterra, A Limia ou Verín, a forestal figura entre as tres primeiras actividades industriais por emprego xerado, pois o 70 % destas empresas aséntase en poboacións de menos de 5.000 habitantes. En consecuencia, un dos obxectivos prioritarios desta nova norma é colaborar e impulsar a organización do territorio galego, equilibrando os usos do solo, permitindo un adecuado aproveitamento dos recursos e, ao mesmo tempo, colaborando no mantemento das explotacións agrarias existentes, axilizando a súa posibilidade de crecemento e consolidación como factor básico que minimice, na medida do posible, o abandono do rural e consiga frear o envellecemento demográfico e o despoboamento, posibilitando a fixación da poboación. Esta lei xorde nun momento en que o abandono agrario segue a tendencia ao incremento da superficie forestal. Neste contexto, e co obxectivo de consolidar e mellorar as superficies forestais, é importante acadar o equilibrio de usos, eliminando en gran parte o risco de desaparición e, con iso, a imposibilidade de realizar un adecuado aproveitamento racional e multifuncional.
O monte, ademais da importancia económica e social referenciada en Galicia, ten unha función medioambiental que se recoñece e acrecenta progresivamente. A relación da sociedade galega co monte evolucionou considerablemente desde o último terzo do século pasado, xerando unha nova configuración baseada na esixencia do desenvolvemento sustentable e do aproveitamento racional dos recursos forestais. Así, os bosques aparecen como un elemento básico da estratexia ambiental como reservorios e depósitos de fixación de carbono, que chegan a fixar hoxe máis de 42 millóns de toneladas, o que os converte en piares fundamentais para o cumprimento dos compromisos adquiridos no protocolo de Quioto.
Ademais, unha parte significativa dos montes galegos, predominantemente veciñais en man común, están incluídos na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos, o que revela a importancia dos bosques galegos no mantemento da riqueza e da biodiversidade da nosa flora e da nosa fauna, así como o papel tan importante que os montes desempeñan na protección do solo, da paisaxe, dos sistemas hidrolóxicos e de todos os ecosistemas que as formacións arbóreas albergan. Con este fin, regúlase na Lei de montes de Galicia unha serie de actuacións tendentes a previr e reducir a degradación do monte e a fomentar a súa restauración, dirixidas a paliar a sobreexplotación de determinados recursos, condicionando e preservando a masa forestal ante as actividades de índole extractiva, as urbanizacións, as áreas industriais e os trazados de grandes infraestruturas, e afondando no concepto de xestión sustentable e, especialmente, no manexo forestal responsable.
O monte é, ademais, un espazo que determina a paisaxe e a identidade da nosa comunidade, ao tempo que ten un compoñente social de recreo, de lugar de encontro, lúdico e de gozo dos cidadáns. A lei trata de compatibilizar a funcionalidade medioambiental, social e estética do monte, cuxos beneficios intanxibles son aproveitados por toda a sociedade, e uns lexítimos beneficios directos que corresponden aos seus titulares. De aí que a lei persiga, como un dos seus obxectivos fundamentais, adaptar a realidade forestal galega ás esixencias, cada vez maiores, dunha sociedade, madura e moderna, como a de Galicia, que debe cohonestarse cos dereitos á percepción de rendas, froitos e utilidades dos propietarios forestais e dos silvicultores.
Dado que a gran maioría dos montes e terreos forestais galegos son de propiedade privada, entre os cales cabe incluír a figura tipicamente galega dos montes veciñais en man común, esta lei diríxese ao conxunto do sector, á sociedade e, moi especialmente, a todos os propietarios de montes de Galicia. Son eles os que teñen, en primeira instancia, os dereitos e as obrigas que cómpre ter en conta como garantía para que os montes se perpetúen no tempo, mellorando no posible as súas condicións. Neste sentido, constitúen eixes fundamentais da lei a loita contra o abandono do rural, posibilitando calquera uso produtivo legal do territorio, que poida manter ou incrementar a actividade no rural e inverter a súa tendencia ao despoboamento; a eliminación dos conflitos de usos, un dos motivos fundamentais dos incendios forestais, que constitúen unha lacra para o desenvolvemento rural; e tamén a fixación dun regulamento que facilite e apoie a actividade das empresas e dos axentes do sector forestal.
A aplicación e o desenvolvemento desta norma perseguen facilitarlles aos propietarios de montes o manexo sustentable dos recursos, achegando solucións para a consecución de terreos con posibilidade dunha adecuada xestión técnica e tratando de superar as limitacións do minifundio a través de sociedades de fomento forestal ou doutros instrumentos que permitan unha adecuada xestión en común do monte. Para tal fin estrutúrase un marco xurídico que simplifica os medios necesarios para o seu cumprimento, permite unha maior axilidade ao conxunto do sector con novos instrumentos de ordenación e de xestión forestal e simplifica, así mesmo, o procedemento de autorización. Todo isto coa necesaria seguridade xurídica, tanto para os propietarios como para aqueles que operen no sector, ordenando os aproveitamentos forestais con criterios técnicos, de tal xeito que permita optimizar as distintas actividades forestais sen menoscabo dos dereitos dos propietarios e dos intereses colectivos da sociedade.
Cómpre manifestar que esta lei, de aplicación a todo o monte ou terreo forestal da Comunidade Autónoma, non desenvolve en detalle o réxime xurídico dos montes veciñais en man común. Esta figura, transcendental para Galicia, cunha competencia autonómica definida estatutariamente, procede que manteña, como ata agora, unha singularidade normativa específica acorde co seu réxime xurídico.
Por outra banda, e co obxecto de que esta norma legal quede perfectamente integrada coa normativa estatal básica de aplicación, óptase pola reprodución de artigos da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, de maneira que se lles permita aos destinatarios da norma unha visión de conxunto que non os obrigue a empregar textos distintos para coñecer a regulación aplicable.
A Lei de montes de Galicia estrutúrase nun título preliminar, doce títulos, cun total de cento corenta e sete artigos, catro disposicións adicionais, catorce transitorias, unha derrogatoria e seis derradeiras, e conclúe con dous anexos, nos cales, respectivamente, se relacionan as especies forestais de crecemento lento para determinados efectos desta lei e as distancias mínimas que deben cumprir as repoboacións forestais.
O título preliminar ocúpase de determinar os principios e obxectivos da política forestal, de fixar conceptos básicos para efectos de salvagardar os dereitos dos cidadáns e de reforzar a transparencia na actuación das administracións públicas.
No título I a lei regula a ordenación das competencias das administracións públicas. Inclúe a institución do Consello Forestal de Galicia, deslinda os seus ámbitos de actuación e fixa nitidamente as súas atribucións para efectos de proscribir ulteriores problemas competenciais, e establece, de acordo coa normativa estatutaria e no ámbito das súas competencias, con pleno respecto ás estatais, a función protagónica e prevalente que neste ámbito desempeña a Administración autonómica.
Seguidamente, no título II articúlase, dun xeito clarificador, a clasificación dos montes en función da súa titularidade e do seu réxime xurídico, diferenciando os montes públicos dos privados, e os montes protectores. Cómpre salientar o establecemento dun réxime xurídico detallado das distintas tipoloxías de montes, con especial preocupación pola regulación dos montes públicos, nos cales se diferencian os demaniais e os patrimoniais. É de destacar a especial preocupación polo procedemento do deslindamento, sobre a base dunha simplificación da súa tramitación e execución, incorporando os modernos medios dispoñibles para a súa realización. Tamén é importante neste título a regulación da propiedade forestal, facendo especial salvagarda dos dereitos dos propietarios de montes, en moitas lexislacións preteridos, cando non sistematicamente ignorados e, ás veces, eliminados. Nesta lei, entroncando cunha rica e xa dilatada tradición na normativa forestal española, o propietario do monte aparece, ocupando o lugar que lle corresponde, como un dos eixes fundamentais da política forestal autonómica. Por outra parte, e para efectos de crear propiedades forestais viables, redúcense as posibilidades segregatorias e de parcelación e poténcianse as concentracións forestais de natureza pública, así como as privadas vinculadas ás sociedades de fomento forestal.
O título III da lei céntrase na planificación e na ordenación forestal, distinguíndose e diferenciándose de forma nítida ambos os dous aspectos, que ocupan cadanseu capítulo deste título. En materia de planificación, articúlanse, baixo o criterio da simplificación e da redución, os instrumentos de planificación que se coidan necesarios para efectos de articular unha política forestal que satisfaga as necesidades da nosa comunidade, e que se cifran no Plan forestal de Galicia, o cal se dota de eficacia vinculante, e nos plans de ordenación de recursos forestais, dos cales se regula, de forma exhaustiva, a súa tramitación e contido. Seguidamente, e en materia de ordenación, regúlanse as instrucións xerais para a ordenación dos montes e os instrumentos de ordenación e de xestión forestal, cuxo contido e estrutura se axustan ás necesidades dos propietarios, simplificándose ao máximo no caso de titulares de predios forestais de escasas dimensións, para efectos de compatibilizar unha economía da xestión coa necesidade de ordenación do monte en Galicia. Para tal fin regúlanse as figuras dos proxectos de ordenación e os de nova creación, documentos simples e documentos compartidos de xestión. Trátase de potenciar, como dixemos, a figura do propietario e do empresario forestal, de forma que as esixencias administrativas non constitúan, en ningún caso, un óbice, senón unha axuda á produción e á explotación forestal.
O título IV regula os aproveitamentos forestais, distinguindo os non madeireiros, entre os cales destacan, pola súa importancia e incidencia social, económica e medioambiental, o pastoreo e o aproveitamento cinexético, dos madeireiros, nos cales, pola súa vez, se diferencian os que se efectúan en montes públicos e os de montes privados. Obsérvase preocupación especial polo tema do pastoreo, cunha regulación pormenorizada e detallada que reforza o papel do propietario dos terreos, como titular dos dereitos de pastoreo, que é un aproveitamento que constitúe un importante recurso forestal cando se realiza en terreos forestais. É de destacar que nos aproveitamentos madeireiros se opta, como regra xeral, por un réxime de comunicacións, seguindo a liña establecida pola Directiva de servizos.
No título V as infraestruturas forestais regúlanse tratando de cohonestar a normativa forestal coa urbanística.
No título VI a lei céntrase na cadea monte-industria, o que subliña a importancia que a administración lle concede, para o cal se crea unha Mesa da Madeira así como o Rexistro de Empresas do Sector Forestal. Regúlase o comercio responsable de produtos forestais, así como a certificación forestal, que a Comunidade Autónoma de Galicia trata de fomentar, por entender que a sustentabilidade do monte, en todos os seus ámbitos –medioambiental, social e económico–, constitúe un principio básico de actuación na súa política forestal e fundamento para garantir a rastrexabilidade dos produtos forestais galegos.
Factor clave en toda política pública, da cal a forestal, loxicamente, non podía ser allea, constitúeno a educación, a divulgación e a investigación, que no título VII son obxecto de preocupación do lexislador, particularmente en canto á transferencia dos seus resultados aos axentes do sector forestal, procurando a xeración de sinerxías neste ámbito.
O título VIII trata dos recursos xenéticos forestais, que son regulados nesta lei sobre a base das directrices e dos tratados internacionais e baixo o principio da cooperación interinstitucional.
O título IX trata das pragas, das enfermidades forestais e da defensa fitosanitaria. Aquí a Administración forestal autonómica asume unha función primordial e central, para efectos de realizar todas as actuacións de prevención e protección contra axentes nocivos, impoñendo obrigas específicas aos titulares de montes e aos xestores dos servizos forestais co fin de proscribir e limitar no posible a xénese, propagación e extensión daquelas.
O título X, sobre fomento forestal, inclúe na súa regulación as sociedades de fomento forestal, que se configuran como entidades mercantís, con forma de sociedade limitada, que agrupan dereitos de uso e aproveitamento de parcelas forestais e que se consideran como piares fundamentais para o futuro desenvolvemento forestal da Comunidade Autónoma. Neste título aparecen regulados os contratos de xestión pública, que substitúen definitivamente fórmulas xa obsoletas como os consorcios e os convenios, baixo os principios de publicidade, transparencia e concorrencia, así como de estabilidade, fundamental en ámbitos como o forestal, onde as actividades de explotación adoitan estenderse durante anos en ciclos prolongados.
O título XI, de artigo único, unifica o sistema de rexistros forestais e procede á súa determinación e sistematización.
O último título, o XII, ocúpase do réxime sancionador. Pretende xuntar na súa regulación o rigor co infractor e a proporcionalidade debida entre a infracción cometida e a sanción imputada. Articula para iso os mecanismos que garantan tanto a eficacia da actuación administrativa como as preceptivas garantías do administrado de salvagarda dos seus dereitos.
Seguidamente, a lei regula en catro disposicións adicionais o defecto de licenza municipal, o réxime de mecenado nesta materia, os bosques como sumidoiros de carbono e a rexeneración de masas arbóreas preexistentes.
O réxime transitorio derivado da promulgación da nova lei esténdese en catorce disposicións, que abranguen os terreos suxeitos a algún réxime de servidume ou afección de dereito público, as servidumes en montes demaniais, o relativo ás ordenanzas e disposicións municipais, a adaptación dos plans xerais de ordenación municipal, o relativo ás cortas en solos urbanizables, os aproveitamentos forestais en canto non se aprobe o instrumento de ordenación ou de xestión obrigatorio, o regulamento do fondo de melloras, o réxime transitorio das solicitudes de axudas, subvencións e beneficios fiscais, o réxime dos montes que na actualidade dispoñen dun convenio ou consorcio coa administración, os procedementos en tramitación e adecuación das distancias previstas para repoboacións forestais, a inscrición no Catálogo de montes de utilidade pública, as concentracións parcelarias en tramitación, a revisión dos esbozos de montes veciñais en man común e, por último, as avinzas entre montes veciñais en man común.
A seguir, derróganse as disposicións legais de igual ou inferior rango, os usos e os costumes e todas aquelas que contradín o disposto nesta norma.
Das seis disposicións derradeiras, cabe destacar a primeira, pola que se modifica a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Nela simplifícanse e incardínanse os distintos niveis de planeamento; redefínense as redes e faixas de xestión da biomasa, clarificando as responsabilidades directas e subsidiarias e integrándoas nos correspondentes plans de distrito ou municipais; e tamén se modifican as distancias arredor das vivendas ou instalacións para os efectos da obriga de xestión preventiva da biomasa. A segunda modifica o artigo 25 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, co fin de adaptar os preceptos dispostos nesta norma coa citada lei. E a terceira modifica a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, no relativo ás tarifas correspondentes ao grupo de ovino, caprino e outros ruminantes.
As tres disposicións seguintes facultan a consellaría competente en materia de montes para a modificación dos anexos, conceden habilitación normativa ao Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei e establecen a entrada en vigor aos vinte días seguintes á súa publicación.
Ao final da norma xúntanse dous anexos, o primeiro relativo ás especies que se consideran de crecemento lento para determinados efectos desta lei, e o fundamental, o segundo, que regula as distancias das repoboacións forestais a parcelas forestais, a terreos rústicos de especial protección agropecuaria ou a zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos sen esta clasificación, aos distintos tipos de vías e pistas forestais principais, ao ferrocarril, ás infraestruturas de tendidos eléctricos, aos leitos fluviais, a vivendas e construcións legalizadas, ao solo urbano, núcleos rurais e solo urbanizable delimitado e a instalacións preexistentes en que se desenvolvan actividades perigosas, de forma que se proporciona, por vez primeira, ao administrado un cadro detallado e simplificado que pretende acabar dunha vez coa dispersa normativa na materia e coa ausencia dun marco regulador unitario e regulado nunha única disposición.
O anteproxecto de lei foi sometido ao preceptivo ditame do Consello Económico e Social.
Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de montes de Galicia.
TíTULO PRELImINAR
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta lei ten por obxecto establecer o marco normativo dos montes ou terreos forestais existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co establecido na Constitución española, no Estatuto de autonomía de Galicia e na Lei estatal 43/2003, do 21 de novembro, de montes.
2. A lei será aplicable a todos os montes ou terreos forestais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Os montes veciñais en man común rexeranse polo disposto na súa normativa específica, nesta lei, na lexislación de dereito civil de Galicia e no costume.
Artigo 2. Concepto de monte ou terreo forestal
1. Para os efectos desta lei, enténdese por monte ou terreo forestal todo terreo en que vexetan especies forestais arbóreas, arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou que procedan de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir funcións ambientais, protectoras, produtoras, culturais, paisaxísticas, sociais ou recreativas.
Teñen tamén a consideración de monte ou terreo forestal:
a) Os terreos ermos, os rochedos e os areais.
b) As construcións e as infraestruturas destinadas a servizo do monte en que se locali-
zan, así como os equipamentos e as infraestruturas de uso sociorrecreativo.
c) Os terreos de antigo uso agrícola e con polo menos dez anos continuados de aban-
dono, sempre que adquirisen sinais inequívocos do seu carácter forestal, cando formen parte de superficies continuas de polo menos 5 hectáreas, agás que se trate de terreos que estean incluídos con ese fin nun banco de terras ou instrumento semellante.
d) Todo terreo que, sen reunir as características descritas anteriormente, se adscriba coa finalidade de ser repoboado ou transformado á actividade forestal, de conformidade coa normativa aplicable.
e) Os enclaves forestais en terreos agrícolas coa superficie mínima de 5 hectáreas, a non ser que se compoñan os ditos enclaves de masas de especies forestais de frondosas do anexo 1 cunha idade media de polo menos dez anos, diminuíndose, para estes casos, a dita superficie mínima ata 1 hectárea.
2. Non teñen a consideración de monte ou terreo forestal:
a) O solo urbano e o solo de núcleo rural.
b) O solo urbanizable delimitado, coas excepcións sinaladas na disposición transitoria
quinta.
c) Os terreos de dominio público, agás os que integran o dominio público forestal.
d) Os terreos rústicos de protección ordinaria destinados a cultivo agrícola.
e) Os terreos rústicos de especial protección agropecuaria, sen prexuízo do establecido
no artigo 61 desta lei.
3. En solos rústicos de especial protección, os aproveitamentos forestais rexeranse polo disposto nesta lei en todo aquilo en que non se lles aplique a súa normativa específica.
Artigo 3. Principios da lei
Esta lei inspírase nos seguintes principios:
a) A xestión sustentable do monte conforme a súa multifuncionalidade ambiental, eco-
nómica, social, cultural e patrimonial.
b) A planificación forestal no marco da ordenación do territorio.
c) A creación de emprego e o desenvolvemento do medio rural.
d) A conservación, a protección e a restauración dos ecosistemas forestais e da biodi-
versidade.
e) A integración na política forestal dos obxectivos da acción internacional sobre protec-
ción do medio ambiente, especialmente en materia de desertificación, cambio climático e biodiversidade.
f) A colaboración e a cooperación das diferentes administracións públicas na elabora-
ción e na execución das súas políticas forestais.
g) O desenvolvemento socioeconómico e a fixación da poboación no medio rural.
h) O fomento da ordenación das producións forestais, do valor engadido das súas trans-
formacións e dos seus sectores económicos asociados.
i) A participación dos sectores sociais e económicos implicados na política forestal, a
colaboración con estes no desenvolvemento da súa actividade e o interese social da actividade realizada polos silvicultores e produtores galegos.
j) A conservación e o fomento de actividades agrosilvopastorís e as actividades non
madeireiras.
k) O interese estratéxico e social dos montes veciñais e a colaboración coas comunida-
des veciñais.
l) A adaptación dos montes ao cambio climático, fomentando unha xestión encamiñada
á resiliencia e resistencia dos montes a aquel.
Artigo 4. Dereitos das persoas propietarias dos montes
É un dereito das persoas propietarias a xestión e o aproveitamento dos montes e terreos forestais dos que sexan titulares, e desenvolverase de acordo co previsto nesta lei e na normativa que a desenvolva.
Artigo 5. Función social dos montes
1. Os terreos forestais galegos constitúen un recurso estratéxico que deberá contribuír ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia, xerando rendas e emprego na Comunidade Autónoma mediante un aproveitamento sustentable dos seus recursos e servizos.
2. Os montes desenvolven unha función social relevante, nos termos do artigo 4 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.
3. A consellaría competente en materia forestal promoverá a dispoñibilidade de montes ou terreos forestais para fins sociais, educativos, ambientais e recreativos, compatibilizados coa súa potencialidade e utilización forestal.
4. A conservación, a expansión e o aproveitamento das masas forestais, segundo os criterios de xestión forestal sustentable e o disposto nesta lei, son de interese público, sen prexuízo do réxime da propiedade.
Artigo 6. Obxectivos
Son obxectivos desta lei:
1. A regulación do labor das persoas propietarias e titulares dos montes na execución das actuacións silvícolas e no desenvolvemento da xestión sustentable dos montes galegos, facilitando a súa procura.
2. A compatibilización dos diferentes usos e aproveitamentos forestais, adaptándose ás medidas de salvagarda precisas para defender os ecosistemas forestais contra os incendios, as pragas e enfermidades e o seu uso indebido.
3. O desenvolvemento da investigación forestal, básica e aplicada, co fin de mellorar as técnicas e prácticas forestais, así como a calidade das producións.
4. A creación de riqueza e emprego, o desenvolvemento do medio rural e a posta en marcha de modalidades de reorganización de propiedades forestais que permitan atinxir unha clarificación e seguridade na tenza da propiedade, así como a dimensión necesaria para levar a cabo unha xestión forestal viable e sustentable, e o fomento de iniciativas de xestión forestal conxunta.
5. A promoción de agrupacións de persoas propietarias e titulares dos montes para xestionar, aproveitar e comercializar en común os seus recursos forestais de xeito sustentable.
6. O fomento do asociacionismo forestal.
7. O fomento da produción de madeira en calidade, diversidade e cantidade, atendendo criterios de diversificación da produción, sustentabilidade e rendibilidade.
8. A colaboración dos sectores implicados na produción, transformación e comercialización dos recursos forestais, consolidando a cadea monte-industria.
9. O fomento dunha industria da transformación da madeira e doutros produtos forestais que procure a maximización dos valores engadidos, incluíndo a diversificación na produción e favorecendo tanto a primeira como a segunda transformación, tratando de acadar un equilibrio entre a produción forestal e a demanda.
10. A articulación da ordenación forestal coa ordenación do territorio.
11. A adecuación da política forestal galega aos obxectivos da acción internacional sobre protección do medio ambiente, especialmente en materia de cambio climático e biodiversidade.
12. A coordinación e a colaboración das diferentes administracións públicas na elaboración e na execución das políticas forestais.
13. O fomento do coñecemento, valoración e respecto do monte galego por parte da cidadanía e da súa participación no proceso de elaboración de normas con incidencia forestal, nos termos establecidos no ordenamento xurídico vixente.
14. A delimitación das competencias das distintas administracións que interveñen no ámbito forestal.
15. O fomento e o desenvolvemento das actividades multifuncionais do monte.
16. A prevención e a defensa dos montes fronte ás catástrofes naturais, aos incendios forestais e ás pragas e doenzas.
17. A conservación do medio e da cultura forestal.
Artigo 7. Potestade normativa
A potestade de ditar normas relativas á xestión e aos aproveitamentos forestais, incluíndo os pastos, á marxe das competencias do Estado definidas constitucionalmente, corresponde única e exclusivamente ao Consello da Xunta e ás consellarías competentes por razón da materia, en virtude do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia.
Artigo 8. Definicións
Para os efectos desta lei, defínense os seguintes termos:
1. Administración ou órgano forestal: órgano da Comunidade Autónoma, con rango de dirección xeral ou secretaría xeral, con competencias en materia de montes.
2. Aproveitamento de pastos ou pastoreo: aproveitamento polo gando, en réxime extensivo e en terreos forestais, dos pasteiros implantados ou mellorados, así como da vexetación, principalmente arbustiva, presente no monte.
3. Aproveitamentos forestais: en xeral, todos os aproveitamentos que teñen como base territorial o monte e, en especial, os madeireiros e leñosos, incluída a biomasa forestal, e os non madeireiros, como a cortiza, os pastos, a caza, os froitos, os fungos, as plantas aromáticas e medicinais, os produtos apícolas e os demais produtos e servizos característicos dos montes.
4. Axente forestal, axente facultativo medioambiental: persoa funcionaria dependente dun órgano superior ou de dirección da Administración xeral da Xunta de Galicia, da correspondente escala do corpo de funcionarios e funcionarias, que, no exercicio das súas funcións, terá a condición de axente da autoridade e que, de acordo coa lexislación aplicable de carácter xeral e específico, ten encomendadas, entre outras, as funcións de xestión pública forestal e as de policía e custodia dos bens xurídicos de natureza forestal, sen prexuízo das súas funcións como policía xudicial en sentido xenérico que lle atribúe o punto 6 do artigo 283 da Lei de axuizamento criminal.
5. Biomasa forestal: aqueles produtos forestais procedentes de cortas, podas, rozas e outras actividades silvícolas realizadas en masas forestais.
6. Cambio de uso forestal: toda actuación material ou acto administrativo que fai que o monte perda o seu carácter de tal, deixando de ser monte ou terreo forestal.
7. Certificación forestal: procedemento voluntario polo cal un terceiro independente proporciona unha garantía escrita tanto de que a xestión forestal é conforme con criterios de sustentabilidade como de que se realiza un seguimento fiable desde a orixe dos produtos forestais.
8. Corta: operación silvícola de apeo das árbores.
9. Corta de policía: cortas de mellora que afectan só o arboredo seco, enfermo ou danado.
10. Couto redondo: superficie forestal continua, entendendo que a dita continuidade non se verá interrompida por límites naturais (ríos, lagos, encoros etc.), artificiais (vías de comunicación etc.) nin administrativos (concellos, provincias etc.).
11. Cultivo enerxético forestal: toda biomasa de orixe forestal, procedente do aproveitamento principal de masas forestais, que teña a súa orixe en actividades de cultivo, colleita e, en caso necesario, procesamento das materias primas recollidas e cuxo destino final sexa o enerxético. Esta biomasa procederá daquelas masas forestais que teñan expresamente como obxecto principal a produción enerxética e que estean incluídas no Rexistro de Cultivos Enerxéticos Forestais de Galicia.
12. Enclave forestal: porción de terreo de natureza forestal de superficie suficiente para ter tal consideración de acordo con esta lei, illado nun contorno de terreos agrícolas.
13. Especie forestal: especie arbórea, arbustiva, de matogueira ou herbácea que non é característica de forma exclusiva do cultivo agrícola.
14. Due diligence: obrigas establecidas para os operadores nos mercados da madeira e produtos de madeira, no marco do Regulamento (UE) n.º 995/2010 do Parlamento europeo e do Consello, do 20 de outubro de 2010.
15. Forestación: repoboación, mediante sementeira ou plantación, dun terreo que era agrícola ou estaba dedicado a outros usos non forestais.
16. Forestal: todo aquilo relativo aos montes.
17. Incendio forestal: o lume que se estende sen control sobre combustibles forestais situados no monte.
18. Instrumentos de ordenación ou de xestión forestal: baixo esta denominación inclúense os proxectos de ordenación de montes, os plans técnicos, os documentos simples de xestión, os documentos compartidos de xestión e outras figuras equivalentes, como os modelos silvícolas que serven para facer unha planificación da xestión sustentable, co fin de que sexa socialmente beneficiosa, economicamente viable e medioambientalmente responsable.
19. modificación substancial da cuberta vexetal: a transformación da vexetación arbórea que implique a súa desaparición, a aradura dos terreos forestais e todas aquelas modificacións que impliquen efectos similares.
20. monte ordenado: o que dispón de instrumento de ordenación ou de xestión forestal vixente.
21. Montes periurbanos: montes próximos a zonas urbanas e habilitados para o uso sociorrecreativo en canto a accesibilidade, existencia de infraestruturas e, en xeral, accións e dotacións que aumenten a súa capacidade de acollida para reducir a presión da poboación sobre o resto de ecosistemas forestais.
22. Parroquia de alta actividade incendiaria: aquelas parroquias incluídas en zonas declaradas como de alto risco que, polo número de incendios forestais reiterados ou pola súa gran virulencia, precisen medidas extraordinarias de prevención de incendios e de protección dos montes fronte aos impactos producidos por eles.
23. Persoa silvicultora: aquela que realiza operacións de coidado e tratamento das masas forestais.
24. Persoal técnico competente en materia forestal: as actuais persoas tituladas en enxeñaría de montes ou enxeñaría técnica forestal e os titulados universitarios de grao ou posgrao en materia forestal que substitúan os anteriores.
25. Pista forestal principal: aquela pista forestal, pública ou privada, con firme ou non, que discorre polo monte para o seu acceso e para a execución de traballos ou servizos agroforestais, e que ten máis de 5 metros de largo e dispón de cunetas.
26. Plan de aproveitamento: documento que describe e xustifica o obxecto do aproveitamento dos recursos forestais e especifica a organización e os medios que se empregarán, incluídas a colleita, a extracción e a saca no caso da madeira.
27. Rareo: diminución da densidade do arboredo da cal non se obtén aproveitamento comercial.
28. Reforestación: reintrodución de especies forestais, mediante sementeira ou plantación, en terreos que estiveron poboados forestalmente ata épocas recentes, pero que quedaron rasos por mor de cortas, incendios, vendavais, pragas, enfermidades ou outros motivos.
29. Repoboación forestal: introdución de especies forestais arbóreas ou arbustivas nun terreo mediante sementeira ou plantación. Pode ser forestación ou reforestación.
30. Restauración hidrolóxico-forestal: proceso resultante da execución dos plans, traballos e accións necesarios para a conservación, defensa e recuperación da estabilidade e fertilidade dos solos forestais, a regulación de escorrementos, a consolidación de abas, a contención de sedimentos e a defensa do solo contra a erosión.
31. Rexeneración forestal: renovación dunha masa arborada por procedementos naturais ou artificiais.
32. Rexión de procedencia: para unha especie ou unha subespecie determinadas, a zona ou o grupo de zonas suxeitas a condicións ecolóxicas suficientemente uniformes en que se encontran fontes de sementes ou mouteiras que presentan características fenotípicas ou xenéticas semellantes, tendo en conta límites de altitude, cando proceda.
33. Sendeiros: camiños non asfaltados de largura igual ou inferior a 2 metros.
34. Tratamentos silvícolas: aquelas actuacións forestais que tratan da conservación, mellora, aproveitamento ou rexeneración natural das masas arboradas ou, de ser o caso, da restauración.
35. Vías de saca: trocha de carácter temporal, que non ten a consideración de pista forestal, habilitada como consecuencia de actuación imprescindible para a extracción ou o arrastre da madeira desde o lugar de apeo ata o cargadoiro ou a pista forestal.
36. Xestión forestal: o conxunto de actividades de índole técnica e material relativas á conservación, mellora e aproveitamento do monte.
37. Xestión forestal sustentable: a organización, a administración e o uso dos montes de forma e coa intensidade que permitan manter a súa biodiversidade, produtividade, vitalidade, potencialidade e capacidade de rexeneración, para atender, agora e no futuro, as funcións ecolóxicas, económicas e sociais relevantes no ámbito local, nacional e global, e sen producir danos a outros ecosistemas.
38. Xestor de biomasa forestal: persoa física ou xurídica, comunidades de montes veciñais en man común ou mancomunidades de montes veciñais en man común que, logo da acreditación da Administración forestal, realicen accións de recolla, transporte, almacenaxe ou procesamento de biomasa forestal, para a súa valoración como aproveitamento enerxético, compostaxe ou outros sistemas de apreciación distintos da trituración ou do depósito no vertedoiro.
TíTULO I
competencias das administracións públicas
Artigo 9. Competencias do Consello da Xunta
Ao Consello da Xunta atribúenselle as seguintes competencias en materia forestal:
1. A afectación ao dominio público dos montes non catalogados de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A desafectación do dominio público dos montes de titularidade pública da Comunidade Autónoma de Galicia cando desaparezan as causas que motivaron a súa afectación.
3. A declaración de perda da condición de utilidade pública dun monte ou parte dun monte, e a conseguinte exclusión do catálogo, por declaración de prevalencia doutro interese público debidamente motivada, no caso de disparidade de criterios entre órganos administrativos competentes.
4. A autorización dos cambios de uso forestal a outros usos non agrarios naqueles terreos forestais onde se producise un incendio forestal, durante trinta anos desde que este se produciu.
5. A aprobación das modificacións da cualificación urbanística de terreos afectados por incendios forestais nun período de trinta anos contados desde que estes se produciron, no marco do artigo 50.1 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.
Artigo 10. Atribucións da consellaría competente en materia de montes
A consellaría competente nas materias obxecto desta lei terá as atribucións que esta e a normativa que a desenvolva lle outorguen, así como as establecidas no resto do ordenamento xurídico vixente. En todo caso, será a competente para propoñer ao Consello da Xunta a política forestal e a regulación da actividade forestal na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 11. Competencias da Administración local
As entidades locais, no marco da lexislación básica do Estado e da lexislación da Comunidade Autónoma de Galicia, exercen as competencias seguintes:
a) A xestión dos montes da súa titularidade non incluídos no Catálogo de montes de
utilidade pública.
b) A disposición do rendemento económico dos aproveitamentos forestais de todos os
montes da súa titularidade, sen prexuízo do disposto nesta lei en relación co fondo de melloras de montes catalogados ou, se for o caso, do disposto na normativa da Comunidade Autónoma.
c) A emisión de informe preceptivo no procedemento de elaboración dos instrumentos de ordenación forestal relativos aos montes da súa titularidade incluídos no Catálogo de montes de utilidade pública.
d) A xestión dos montes catalogados da súa titularidade, cando así o soliciten, de acordo
co establecido no artigo 34.2.
e) A emisión doutros informes preceptivos establecidos nesta lei relativos aos montes
da súa titularidade.
Artigo 12. Consello Forestal de Galicia
1. O Consello Forestal de Galicia, como órgano de carácter consultivo e de asesoramento da Administración autonómica en materia forestal, constituirá a canle de participación da sociedade galega co fin de potenciar a xestión sustentable e fomentar o desenvolvemento do monte galego.
2. Neste órgano estarán presentes os representantes da propiedade, da Administración local, das organizacións empresariais, da investigación e das demais organizacións, asociacións de persoas propietarias, titulares de montes e produtoras e entidades relacionadas co ámbito forestal.
3. O Consello Forestal de Galicia desenvolverá, entre outras, as seguintes funcións:
a) Coñecer e ser consultado pola administración sobre as propostas de normativas fo-
restais e de planificación territorial forestal.
b) Propoñer ás administracións públicas as medidas que considere necesarias para
cumprir os principios desta lei.
c) Analizar medidas e propostas acerca da percepción social do monte.
d) Fomentar o diálogo, a participación e a colaboración entre todas as administracións públicas, institucións, asociacións de persoas propietarias e titulares e comunidades de montes veciñais e demais axentes sociais, económicos e de defensa medioambiental implicados no sector forestal e no uso sustentable dos montes galegos, propiciando o intercambio de información entre todos os integrantes do consello verbo dos temas que sexan obxecto de debate no sector forestal.
e) Impulsar a realización de informes, estudos, seminarios, xornadas, actos ou foros
sobre o monte galego, por iniciativa do propio consello.
4. O Consello Forestal de Galicia previsto neste artigo será obxecto de desenvolvemento regulamentario por medio de decreto.
TíTULO II
Clasificación e réxime xurídico dos montes. A propiedade forestal
CAPíTULO I
Disposicións xerais
Artigo 13. Clasificación dos montes pola súa titularidade
1. Os montes, por razón da súa titularidade, poden ser públicos ou privados.
2. Son montes públicos os pertencentes ás administracións públicas e a outras entidades de dereito público.
3. Son montes privados aqueles en que o dominio pertence a persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, xa sexa de forma colectiva, individualmente ou en réxime de copropiedade.
4. Os montes veciñais en man común son montes privados, de natureza xermánica, que pertencen colectivamente, e sen atribución de cotas, ás respectivas comunidades veciñais titulares. Están suxeitos ás limitacións de indivisibilidade, inalienabilidade, imprescritibilidade e inembargabilidade.
CAPíTULO II
Clasificación dos montes
Sección 1ª Montes públicos
Artigo 14. Clasificación dos montes públicos
Pola súa natureza xurídica, os montes públicos poden ser de dominio público –ou demaniais– e patrimoniais.
Artigo 15. Montes de dominio público
Son de dominio público ou demaniais e integran o dominio público forestal:
a) Os montes públicos declarados de utilidade pública e incluídos no Catálogo de montes de utilidade pública, así como os que se inclúan nel, de acordo co artigo 27 desta lei.
b) Os montes comunais, pertencentes ás entidades locais, en canto o seu aproveita-
mento corresponda ao común dos veciños.
c) Aqueloutros montes públicos que, non estando incluídos no Catálogo de montes de
utilidade pública, fosen afectados a un uso ou servizo público.
Artigo 16. Montes patrimoniais
Son aqueles montes de titularidade pública que non son demaniais.
Sección 2ª Montes privados
Artigo 17. Clasificación dos montes privados
Pola súa natureza, os montes privados poden ser: de particulares; os chamados de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo; e veciñais en man común.
Artigo 18. Montes de particulares
Son montes privados de particulares aqueles cuxa titularidade pertence a persoas físicas ou xurídicas de dereito privado.
Artigo 19. Montes denominados de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo
1. Son montes abertais, de voces, de varas, de vocerío ou de fabeo os conservados pro indiviso cuxas persoas copropietarias, sen prexuízo de realizaren en común aproveitamentos secundarios, tiñan ou manteñen o costume de se reuniren para repartir entre eles porcións determinadas de monte ou senras para o seu aproveitamento privativo, asignacións que se fan en tantos lotes como partícipes principais veñen determinados polos títulos ou polo uso inmemorial, e cuxa adxudicación se decide pola sorte, tamén sen prexuízo da subdivisión das senras así asignadas conforme as adquisicións hereditarias ou contractuais. De ser o caso, a división das devanditas terras e a consecuente extinción da copropiedade faranse de acordo co costume, e, non existindo este, faranse de acordo coa presunción de igualdade de cotas referida no parágrafo segundo do artigo 393 do Código civil.
2. Estes montes, de acordo coa súa natureza, son susceptibles de división ou segregación, pero sempre que as parcelas de monte resultantes reúnan a extensión mínima establecida no artigo 69 desta lei.
Artigo 20. Montes veciñais en man común
Son montes veciñais en man común os montes privados de natureza xermánica que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan ás comunidades veciñais na súa calidade de grupos sociais, e non como entidades administrativas, e que se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, polos membros daquelas na súa condición de veciños.
Os montes veciñais en man común son bens indivisibles, inalienables, imprescritibles e inembargables.
As comunidades de montes veciñais en man común terán plena capacidade xurídica para a realización de actos ou negocios xurídicos vinculados á xestión e defensa dos recursos do seu monte.
Sección 3ª Montes protectores
Artigo 21. Concepto
1. Poderán ser declarados como montes protectores de Galicia aqueles montes ou terreos forestais públicos de natureza patrimonial ou privados que cumpran algunha das condicións que para os montes públicos establece o artigo 27 desta lei.
2. A consellaría competente, por instancia do seu titular, poderá declarar como protectores os montes descritos no punto 1 deste artigo, oída a entidade local onde se atopen.
Excepcionalmente, e logo da audiencia previa da persoa propietaria, oída a entidade local onde radiquen, poderán declararse de oficio cando se cumpra algunha das condicións establecidas no número 1, alíneas a), b), j) ou l), do artigo 27 desta lei.
3. A desclasificación dun monte protector, ou de parte deste, e a súa subseguinte exclusión do Rexistro de Montes Protectores de Galicia serán realizadas pola Administración forestal, logo da audiencia da persoa titular.
4. O procedemento que se deberá seguir para a declaración e a desclasificación desenvolverase regulamentariamente.
Artigo 22. Xestión de montes protectores
1. A xestión dos montes protectores corresponde ás persoas titulares, que deberán presentar un proxecto de ordenación forestal concordante cos criterios que motivaron a súa declaración, que debe ser aprobado pola Administración forestal.
2. No caso de declaración de oficio, a Administración forestal modificará ou elaborará o proxecto de ordenación forestal de aplicación, oído o seu titular, sempre que este non o faga nos prazos establecidos.
3. As limitacións que se establezan na xestión dos montes declarados protectores en razón das funcións que cumpren poderán ser compensadas pola Administración forestal.
4. En ningún caso se incluirán no punto anterior aquelas limitacións de uso vinculadas á conservación do potencial produtivo e dos valores intrínsecos do monte protector.
CAPíTULO III
Réxime xurídico dos montes públicos
Sección 1ª Dos montes de dominio público
Artigo 23. Montes de dominio público
Os montes de dominio público son inalienables, imprescritibles e inembargables, e non están afectos a ningún tributo que grave a súa titularidade.
Artigo 24. Afectación ao dominio público
1. A afectación ao dominio público dos montes non catalogados de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia producirase por acordo específico do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de montes, de conformidade co establecido na normativa patrimonial da Comunidade Autónoma, logo de instruír o correspondente procedemento.
2. A afectación ao dominio público dos restantes montes públicos non catalogados será tramitada pola súa administración titular e requirirá, en todo caso, o informe favorable da Administración forestal.
Artigo 25. Desafectación dos montes de dominio público
1. A desafectación do dominio público dos montes de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia producirase cando desaparezan as causas que motivaron a súa afectación. Requirirá informe da Administración forestal e será necesario acordo expreso do Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido na lexislación sobre o patrimonio de Galicia.
2. A desafectación dos restantes montes demaniais será tramitada pola súa administración titular e requirirá, en todo caso, o informe favorable da Administración forestal.
3. A desafectación dos montes catalogados requirirá, en todo caso, a súa perda previa da condición de utilidade pública e a súa exclusión do catálogo.
Sección 2ª Dos montes patrimoniais
Artigo 26. Da usucapión ou prescrición adquisitiva
1. A usucapión ou prescrición adquisitiva dos montes patrimoniais só se dará mediante a posesión de boa fe, en concepto de dono, pública, pacífica e non interrompida durante trinta anos.
2. Entenderase interrompida a posesión, para efectos da prescrición, pola iniciación de expedientes sancionadores, pola realización de aproveitamentos forestais ou por calquera outro acto posesorio realizado pola administración propietaria do monte.
Sección 3ª Montes de utilidade pública. Catálogo de montes de utilidade pública
Artigo 27. Declaración de montes de utilidade pública
1. Poderán ser declarados de utilidade pública, e incluídos no Catálogo de montes de utilidade pública, os montes públicos comprendidos nalgún dos seguintes supostos:
a) Os que sexan esenciais para a protección do solo fronte aos procesos de erosión.
b) Os situados nas cabeceiras das bacías hidrográficas e aqueloutros que contribúan decisivamente á regulación do réxime hidrolóxico, evitando e reducindo aludes, enchentes e inundacións e defendendo poboacións, cultivos e infraestruturas.
c) Os que se atopen nas áreas de actuación prioritaria para os traballos de conservación de solos fronte a procesos de erosión e de corrección hidrolóxico-forestal e, en especial, as dunas continentais.
d) Os que eviten ou reduzan os desprendementos de terras ou rochas e o aterramento
de encoros e aqueles que protexan cultivos e infraestruturas contra o vento.
e) Os que se atopen nos perímetros de protección das captacións superficiais e subte-
rráneas de auga.
f) Os que se atopen formando parte daqueles tramos fluviais de interese ambiental, ben por estaren incluídos nos plans hidrolóxicos de bacías ben por estaren incluídos na Rede de Espazos Naturais Protexidos de Galicia. Así mesmo, os que sexan necesarios para acadar os obxectivos dos plans hidrolóxicos.
g) Os que estean situados en áreas forestais declaradas de protección dentro dun plan de ordenación de recursos naturais ou dun plan de ordenación de recursos forestais, de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.
h) Os que, sen reuniren plenamente, no seu estado actual, as características descritas nas alíneas a), b) ou d) deste artigo, sexan destinados á repoboación ou mellora forestal, cos fins de protección recollidos nas alíneas indicadas.
i) Os que contribúan, de maneira especial, á conservación da diversidade biolóxica, a través do mantemento dos sistemas ecolóxicos, e á protección da flora e da fauna e, en particular, os que constitúan ou formen parte da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.
j) Os que formen masas arbóreas de especial interese na conservación do patrimonio
xenético forestal ou constitúan masas de especial valor estratéxico na prevención de incendios forestais.
k) Os que se vinculen á satisfacción de intereses xerais e, en concreto, á protección e mellora da calidade de vida da zona ou ao lecer e esparexemento dos cidadáns. Son montes en que as características sociais ou recreativas prevalecen sobre outro tipo de aproveitamentos.
l) Os que, estando incluídos dentro das zonas de alto risco de incendios, sufran ou sufri-
sen, en todo ou en parte, incendios forestais, ou nos cales o seu potencial forestal se vexa afectado de forma substancial pola dita causa.
m) Os que amosen valores forestais de especial significación.
n) Os que, sen reuniren plenamente no seu estado actual as características dos montes protectores ou con outras figuras de especial protección, sexan destinados á restauración, repoboación ou mellora forestal cos fins de protección daqueles.
Nos supostos previstos nas alíneas b), c), d), e), f) e h) solicitarase informe preceptivo ao órgano competente en materia de xestión do dominio público hidráulico.
2. A declaración de utilidade pública farase de oficio ou por pedimento da entidade propietaria do monte ou por pedimento razoado doutros órganos, mediante orde da consellaría competente, por proposta do órgano forestal, logo da instrución do correspondente procedemento, no cal, en todo caso, se solicitará informe preceptivo da administración titular e se concederá audiencia aos titulares doutros dereitos sobre o monte.
3. No caso dos montes patrimoniais da Comunidade Autónoma, a súa catalogación producirase por acordo específico do Consello da Xunta de Galicia. O acordo de catalogación implica a afectación consonte o disposto no artigo 15.
Artigo 28. Perda de condición da utilidade pública
1. Poderá declararse a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do catálogo, de todo ou de parte dun monte, mediante orde da consellaría competente en materia de montes, por proposta do órgano forestal, de oficio ou por instancia da persoa titular do monte, e en procedemento tramitado para o efecto, oídos a administración titular e as persoas titulares doutros dereitos sobre o monte, cando desaparezan as causas que motivaron a súa declaración ou cando, por sentenza firme, se declare que o monte non é de titularidade pública.
2. Igualmente, poderá producirse a perda da condición de utilidade pública da totalidade ou dunha parte do monte, e a conseguinte exclusión do catálogo, por declaración de prevalencia doutro interese público debidamente motivada, mediante orde da consellaría competente en materia de montes ou, no caso de disparidade de criterios entre órganos administrativos competentes, por acordo do Consello da Xunta.
3. No caso de que por sentenza firme se declare que o monte non é de titularidade pública, se permanecen as causas da súa inclusión no Catálogo de montes de utilidade pública, promoverase de oficio a súa catalogación como monte protector.
Artigo 29. O Catálogo de montes de utilidade pública
O Catálogo de montes de utilidade pública é un rexistro público de carácter administrativo no que se inscriben todos os montes declarados de utilidade pública, así como os actos de permuta, prevalencia ou calquera outro que poida afectar a súa situación.
Artigo 30. Inclusión e exclusión dos montes do Catálogo de montes de utilidade pública
1. A inclusión ou a exclusión dun monte, ou de parte deste, do Catálogo de montes de utilidade pública será realizada, de oficio ou por instancia da persoa titular, pola consellaría competente en materia de montes, simultaneamente á obtención da condición de utilidade pública ou á súa perda.
2. As reclamacións sobre inclusións ou exclusións de montes no catálogo que non se refiran a cuestións de propiedade terán carácter administrativo e resolveranse ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
3. Regulamentariamente establecerase o procedemento para a levanza do Catálogo de montes de utilidade pública, que lle corresponderá á Administración forestal.
Artigo 31. Efectos xurídicos da inclusión dos montes no Catálogo de montes de utilidade pública
1. A titularidade que no catálogo se asigne a un monte só se pode impugnar en xuízo declarativo ordinario da propiedade ante os tribunais civís, e non se permitirá o exercicio das accións reais do artigo 41 da Lei hipotecaria e do artigo 250.1.7 da Lei de axuizamento civil.
2. Nos casos en que se promovan xuízos declarativos ordinarios de propiedade de montes catalogados será parte demandada a Comunidade Autónoma, ademais, se for o caso, da entidade titular do monte.
3. A administración titular ou xestora inscribirá os montes catalogados, así como calquera dereito sobre eles, no Rexistro da Propiedade, mediante certificación que irá acompañada por un plano topográfico do monte ou o levantado para o deslindamento, na escala cartográfica suficiente para a súa adecuada identificación. Na certificación expedida para a dita inscrición incluirase a referencia catastral do inmoble ou inmobles que constitúan o monte catalogado, de acordo coa Lei 48/2002, do 3 de decembro, do Catastro inmobiliario.
Artigo 32. Permutas de montes catalogados de utilidade pública
1. Poderá realizarse a permuta dunha parte non substancial dun monte catalogado de utilidade pública cando se acredite que aquela supoña unha mellora da definición das estremas, da súa xestión ou da súa conservación. Excepcionalmente, poderase autorizar a mencionada permuta por razóns distintas ás anteriores, sempre que non supoñan un menoscabo dos valores forestais do monte catalogado.
2. A permuta deberá ser expresamente autorizada pola consellaría competente en materia de montes, logo do informe do órgano forestal e coa conformidade dos propietarios, e comportará a automática exclusión do catálogo da parte permutada do monte catalogado e o simultáneo ingreso no dito catálogo dos novos terreos. No caso dos montes de titularidade da Comunidade Autónoma, o acordo de permuta será adoptado pola Administración forestal e implicará a desafectación da parte que se vai permutar e a correspondente afectación da parte permutada.
Artigo 33. Concorrencia de declaracións demaniais
1. Cando un monte catalogado resulte afectado por un expediente do que poida derivar outra declaración de demanialidade distinta da forestal, e sen prexuízo do que, se for o caso, dispoña a declaración de impacto ambiental, as administracións competentes buscarán canles de cooperación co obxecto de determinar cal das ditas declaracións debe prevalecer.
2. Sen prexuízo do disposto no artigo 18.4 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, no suposto de discrepancia entre consellarías ou entre a Administración autonómica e a Administración local, resolverá o Consello da Xunta mediante acordo. No caso de que ambas as demanialidades sexan compatibles, a consellaría ou a administración correspondente que xestionase o expediente tramitará, en peza separada, expediente de concorrencia, co fin de harmonizar o dobre carácter demanial.
3. Cando se trate de montes afectados por obras ou actuacións de interese xeral do Estado, e exista discrepancia entre a Administración xeral do Estado e a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, o expediente elevarase para a súa resolución ao Consello de ministros.
Sección 4ª Xestión dos montes públicos
Artigo 34. Xestión dos montes públicos
1. Os montes públicos non incluídos no Catálogo de montes de utilidade pública serán xestionados polo seu titular.
2. Os montes incluídos no Catálogo de montes de utilidade pública serán xestionados pola Administración forestal, agás que sexa solicitada a súa xestión pola entidade titular e autorizada esta pola Administración forestal nos termos que considere necesarios e consonte o procedemento que se estableza regulamentariamente.
3. En calquera caso, a contratación dos aproveitamentos dos montes de utilidade pública de titularidade de entidades locais será realizada por estas, conforme os plans de aproveitamento aprobados e a súa lexislación, con subordinación nos aspectos técnicofacultativos aos correspondentes pregos fixados pola Administración forestal.
Artigo 35. Proxectos de ordenación e plans de melloras
1. Todos os montes catalogados deberán contar para a súa xestión cun proxecto de ordenación forestal, que deberá ser presentado á Comisión de montes de Dominio Público Catalogados, para propoñer a súa aprobación, de ser o caso, tal e como se prevé no artigo 81 desta lei. A redacción destes proxectos corresponderá á entidade xestora, oída a entidade titular.
2. mentres non se doten de tales instrumentos, deberanse presentar á Comisión de montes de Dominio Público Catalogados os plans anuais de melloras no último trimestre do ano anterior, para propoñer a súa aprobación, se for o caso, pola Administración forestal.
3. Os traballos anuais programados no plan especial dos proxectos de ordenación ou nos plans anuais de melloras, do punto anterior, teranse que desenvolver con cargo ao fondo de melloras ou outras partidas habilitadas para o efecto, e serán de obrigado cumprimento. Consideraranse melloras os traballos tales como os de prevención e defensa do monte e de xestión forestal, a redacción de proxectos de ordenación forestal, accións de prevención e defensa contra incendios forestais, deslindamentos, colocación de marcos, reforestacións, traballos silvícolas e fitosanitarios, obras de execución e conservación de vías e infraestruturas, implantación ou mantemento de pastos e cercados gandeiros e cumprimento das obrigas derivadas da lei, ou aqueloutros que contribúan á mellora da conservación e do uso social dos montes.
4. A dirección e a execución das ditas actuacións corresponderán á entidade xestora, sen prexuízo de que a certificación das actuacións executadas permaneza baixo a supervisión da Administración forestal.
Artigo 36. Comisión de Montes de Dominio Público Catalogados
1. No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia existirá unha Comisión de montes de Dominio Público Catalogados, presidida pola persoa titular do órgano forestal, que contará coa participación das entidades locais titulares de montes de dominio público catalogados.
2. Son competencias desta comisión, que serán desenvolvidas regulamentariamente, as de:
a) Propoñer a aprobación dos proxectos de ordenación forestal ou dos plans anuais de melloras dos montes catalogados á Administración forestal, mediante informe favorable das actuacións recollidas.
b) Aprobar as contas xustificativas dos traballos e dos investimentos realizados anualmente con cargo á sección de montes catalogados de dominio público do fondo de melloras.
c) Elaborar, no primeiro trimestre de cada exercicio, unha memoria de xestión dos fon-
dos de melloras da sección de montes catalogados de dominio público, que conterá unha relación dos ingresos efectuados e a razón destes, así como a exposición dos investimentos realizados e as súas condicións técnicas e económicas en execución do plan durante o exercicio pasado.
d) Realizar aqueloutras competencias que lle sexan conferidas mediante orde da con-
sellaría competente en materia de montes.
Sección 5ª Réxime de autorizacións, concesións e servidumes nos montes de dominio público
Artigo 37. Concesións e autorizacións en montes de dominio público
1. A administración xestora dos montes demaniais someterá a outorgamento de autorizacións aquelas actividades que a requiran pola súa intensidade, perigosidade ou rendibilidade, de conformidade coa normativa de desenvolvemento desta lei. Nos montes catalogados é preceptivo o informe favorable do órgano forestal.
2. A administración xestora dos montes demaniais someterá a outorgamento de concesión todas aquelas actividades que impliquen unha utilización privativa do dominio público forestal.
3. Nos procedementos de concesión e autorización de actividades de servizos que se vaian realizar en montes demaniais, respectaranse os principios de publicidade, obxectividade, imparcialidade e transparencia. Aplicarase, ademais, o principio de concorrencia competitiva, nos seguintes supostos:
a) Cando se trate dun servizo que promova a administración xestora do monte conforme
os instrumentos de ordenación forestal aprobados.
b) Cando o exercicio do servizo exclúa o exercicio doutras actividades por terceiros.
4. Os criterios en que se basearán a concesión e a autorización para a realización dos servizos estarán directamente vinculados coa protección do medio.
5. As ditas autorizacións e concesións terán carácter temporal. Non poderán ser obxecto de renovación automática e estarán limitadas de acordo coas súas características, sen que en ningún caso sexan susceptibles de orixinar vantaxes a favor dun titular anterior ou de persoas vinculadas con el.
Artigo 38. Outorgamento de autorizacións
1. A administración xestora dos montes demaniais someterá a autorización aquelas actividades que, consonte a normativa autonómica, a requiran pola súa intensidade, perigosidade ou rendibilidade.
2. Nos montes inscritos no Catálogo de montes de utilidade pública, con carácter previo ao outorgamento da autorización, será preceptivo obter informe favorable da Administración forestal, que en todo caso terá carácter vinculante.
Artigo 39. Condicións xerais para o outorgamento de concesións para uso privativo en montes de dominio público
1. Poderanse outorgar concesións para uso privativo en montes de dominio público en todos aqueles casos en que, garantíndose a conservación das características que xustificaron a súa catalogación e o mantemento das funcións propias do monte, se cumpran as seguintes condicións:
a) Dificultade extraordinaria da súa localización nun lugar distinto do monte sobre o cal se procura o seu outorgamento.
b) Xeración dun impacto ambiental mínimo, independentemente da súa suxeición á nor-
mativa de avaliación de impacto ambiental cando proceda, segundo a lexislación vixente, que deberá consignarse no título concesional.
c) Conformidade da entidade propietaria co uso pretendido polo solicitante da conce-
sión, sen prexuízo do disposto para as concesións de interese público.
d) Compatibilidade co mantemento do uso forestal do monte e coa utilidade pública que
xustifica a súa clasificación.
2. Nos montes catalogados esta concesión require o informe favorable de compatibilidade coa persistencia dos valores naturais do monte por parte do órgano forestal.
3. No Catálogo de montes de utilidade pública tomarase razón das concesións demaniais que se poidan outorgar sobre os montes de utilidade pública, sen prexuízo da posibilidade da súa inscrición no Rexistro da Propiedade, conforme o disposto nesta lei, na lexislación forestal estatal e na lexislación hipotecaria.
Artigo 40. Concesións de interese público
1. A Administración forestal outorgará a concesión do uso do dominio público forestal nos montes catalogados, sempre que exista un interese público expresamente declarado, que deberá manterse durante todo o tempo de duración da concesión, e logo da tramitación do correspondente procedemento, no cal deberá constar acreditado o cumprimento das condicións establecidas no artigo anterior. O seu incumprimento ou conculcación determinará a súa revogación.
2. No caso de desconformidade ou discrepancia entre a entidade titular do monte e o solicitante da concesión, ou entre calquera destes dous coa Administración forestal, ou no suposto dunha dobre afección demanial, aplicarase, para os efectos da súa compatibilidade ou prevalencia, o disposto nesta lei e na lexislación básica estatal, e resolverá, en todo caso, o Consello da Xunta de Galicia.
Artigo 41. Concesións de interese particular
1. A Administración forestal poderá outorgar concesións para o exercicio de actividades que impliquen unha utilización privativa dos montes públicos non catalogados con carácter excepcional.
2. Regulamentariamente establecerase o procedemento administrativo que se debe seguir para o outorgamento das concesións de interese particular, en cuxo expediente deberá constar acreditado, ademais do cumprimento das condicións reguladas no artigo 39.1 desta lei, o cumprimento das condicións xerais que estableza a lei patrimonial que corresponda, así como os casos en que o dito procedemento se deba tramitar en réxime de concorrencia competitiva.
3. A concesión do uso privativo por interese particular en montes de dominio público comportará o pagamento periódico dun canon, nos termos e coas condicións que se establezan regulamentariamente.
Artigo 42. Servidumes en montes públicos
1. Os incendios producidos nos montes públicos poderán determinar a suspensión temporal do exercicio das servidumes existentes, cando así se considere para a rexeneración forestal. A suspensión declararase mediante resolución expresa da Administración forestal, e seralles comunicada aos interesados.
2. As servidumes en montes públicos non demaniais rexeranse polo réxime xurídico aplicable á administración titular e, subsidiariamente, polo do dereito privado que lles sexa aplicable.
Sección 6ª Recuperación posesoria
Artigo 43. Potestade investigadora e recuperación de oficio
1. Os titulares de montes demaniais, así como a administración xestora nos montes catalogados, investigarán a situación dos terreos que se presuman pertencentes ao dominio público forestal, para o cal poderán solicitar todos os datos e informes que se consideren necesarios.
2. Os titulares dos montes demaniais e, de ser o caso, a administración xestora nos montes catalogados poderán exercer a potestade de recuperación posesoria dos posuídos indebidamente por terceiros, que non estará sometida a prazo, e respecto á cal non se admitirán accións posesorias nin procedementos especiais.
CAPíTULO IV
Dos montes privados
Artigo 44. Xestión dos montes privados
1. As persoas titulares dos montes privados poderán xestionalos por si mesmos ou contratar a súa xestión a persoas físicas ou xurídicas de dereito privado ou público, ou crear agrupacións para a xestión forestal conxunta, que poderá ter por obxecto calquera tipo de aproveitamento forestal, de conformidade coas restantes disposicións desta lei.
2. Son deberes específicos das persoas propietarias dos montes privados:
a) O control fitosanitario na súa propiedade, de acordo coa normativa vixente en materia
de sanidade vexetal e coas disposicións desta lei e a normativa que a desenvolva.
b) A toma de medidas preventivas e de control respecto de calquera tipo de dano, no-
meadamente contra os incendios forestais.
c) A conservación da biodiversidade, do réxime hidrolóxico e dos demais valores am-
bientais, históricos e culturais dos montes.
d) A conservación e o mantemento do solo natural e, se for o caso, da masa vexetal nas condicións precisas que eviten a erosión e os incendios, impedindo a contaminación da terra, do aire e da auga.
e) O mantemento do uso forestal dos seus montes, agás resolución administrativa nos
termos previstos nesta lei e na normativa concorrente.
f) A colaboración nas actividades de inspección e control da administración sobre os
montes.
g) A información á consellaría competente en materia forestal da Comunidade Autóno-
ma de Galicia de todos aqueles datos necesarios para conformar e actualizar o sistema rexistral forestal de Galicia e para a formación da estatística forestal.
h) O cumprimento do instrumento de ordenación ou de xestión forestal.
i) A eliminación dos residuos e do lixo resultantes das obras, usos, servizos e aprovei-
tamentos que poidan afectar o monte, cando sexan depositados pola súa actividade, e a denuncia ás autoridades competentes cando os residuos e o lixo sexan depositados por persoas alleas á propiedade.
3. Son dereitos específicos dos propietarios dos montes privados:
a) A xestión do seu monte, nos termos previstos nesta lei e na demais lexislación apli-cable.
b) O aproveitamento sustentable dos recursos existentes nos montes.
c) A elección do uso ou usos do monte, de acordo cos preceptos desta lei.
d) As posibles compensacións por usos e aproveitamentos derivados das figuras de
protección ou de utilización pública dos montes privados.
e) A protección e o acoutamento das súas propiedades para o mellor aproveitamento
dos recursos forestais, de acordo coa lexislación vixente.
f) A limitación da circulación de vehículos pola infraestrutura viaria forestal privada.
g) A elaboración dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal nas súas pro-
piedades.
Artigo 45. Dos montes denominados de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo
1. Estes montes rexeranse polo costume do lugar e subsidiariamente pola Lei de dereito civil de Galicia e polo Código civil, sen prexuízo do establecido nesta lei, no que se refire aos montes privados, e nas disposicións que a desenvolvan.
2. Cando estes montes pertenzan a máis de dez persoas propietarias, para a súa xestión poderase constituír unha xunta xestora, que administrará os intereses de todos os copropietarios.
3. Para a constitución da xunta xestora, a Administración forestal convocará todos os copropietarios, garantindo a máxima difusión e publicidade da citada convocatoria. En primeira convocatoria deben estar presentes os representantes de máis da metade da propiedade e, en segunda convocatoria, será suficiente calquera que sexa o número de asistentes a ela. En ambos os casos será necesario o acordo unánime para que a dita constitución se considere válida.
4. Cando estes montes pertenzan a menos de dez persoas propietarias, ou no caso de non chegar a acordo por unanimidade para acadar unha xunta xestora, a maioría simple dos asistentes poderá constituírse en asemblea, que nomeará, co mesmo quórum, a presidencia e a secretaría.
5. A xunta xestora estará composta por un número impar de persoas, todas elas propietarias, cun mínimo de tres e un máximo de sete, actuando unha delas na función da presidencia, outra na da secretaría e outra na da tesouraría, sendo elixidas de entre as persoas integrantes da xunta xestora por maioría simple.
6. A xunta xestora terá unha vixencia de catro anos e estableceranse as maiorías simples para a toma de acordos; no caso de empate, o voto de calidade terao a presidencia.
7. En todo caso, se a xunta xestora non for elixida por un quórum mínimo dun terzo das persoas propietarias asistentes que representen cando menos o 50 % da superficie total, a vixencia da dita xunta non poderá ser superior a un ano, e deberá convocarse unha nova asemblea para a súa renovación.
8. A xunta xestora poderá ser autorizada pola asemblea para a realización dos actos de administración ordinaria e extraordinaria, a xestión e o gozo do monte e de todos os seus produtos, o alleamento de toda clase de aproveitamentos forestais, enerxéticos e mineiros e a elaboración do seu instrumento de ordenación ou de xestión forestal, así como calquera outro acto para o cal estean habilitados os propietarios de acordo coa lexislación forestal. Ademais, poderán realizar contratos coa administración, salvagardando sempre os dereitos de todos os propietarios.
9. A presidencia poderá convocar asembleas para a toma de acordos por maioría simple das persoas asistentes, agás que estatutariamente se determine outro réxime de maiorías.
10. Deberá investirse no dito monte para a súa mellora, cando menos, o 40 % dos ingresos obtidos polos aproveitamentos dos montes, os derivados dos actos de disposición voluntaria ou os procedentes de expropiacións forzosas, agás daqueles ingresos obtidos nas partes da propiedade non esclarecida, que deberá investirse na súa totalidade.
11. Se os traballos programados no correspondente instrumento de ordenación ou de xestión forestal quedasen satisfeitos polas cantidades xeradas destes ingresos nunha porcentaxe inferior á establecida, e se cumpren todos os requisitos legais, poderase reducir esta cota mínima, logo da aprobación da Administración forestal.
12. Estes montes, mentres se manteñan na indivisión, gozarán dos mesmos beneficios que esta lei recolle para os montes pertencentes ás agrupacións de particulares.
Artigo 46. Dos montes veciñais en man común
O réxime xurídico dos montes veciñais en man común rexerase polo disposto na súa normativa específica, nesta lei, na lexislación de dereito civil de Galicia e no costume.
CAPíTULO V
Deslindamento dos montes
Sección 1ª Do deslindamento dos montes públicos
Artigo 47. Potestade de deslindamento
1. Os titulares dos montes públicos gozarán da potestade de deslindamento administrativo dos seus montes, agás o disposto no punto 2 deste artigo.
2. O deslindamento dos montes inscritos no Catálogo de montes de utilidade pública e, en todo caso, o dos montes de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia será realizado pola Administración forestal, conforme o procedemento que se establece nos artigos que seguen.
3. O deslindamento dos montes non catalogados que non sexan titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia realizarase conforme o procedemento que determinen as respectivas administracións públicas titulares.
Por pedimento das ditas administracións, e ás súas expensas, a Administración forestal poderá deslindar os montes non catalogados pertencentes a elas, conforme os mesmos requisitos e formalidades que se detallan nos artigos seguintes.
Artigo 48. Inicio do procedemento
1. O deslindamento poderá ser promovido:
a) De oficio, pola Administración forestal.
b) Por instancia dos propietarios estremeiros ou titulares de dereitos reais sobre as par-
celas estremeiras.
2. Por orde da consellaría competente en materia de montes fixarase a participación económica da Administración forestal e dos propietarios privados, que unicamente satisfarán o seu custo cando o deslindamento se inicie por instancia de parte.
Artigo 49. Procedemento
1. O procedemento de deslindamento iniciarase por resolución do órgano forestal coa aprobación da memoria redactada previamente, que deberá consignar a situación do monte, unha xustificación da necesidade de realizar o deslindamento e o seu orzamento. A seguir, serán notificados individualmente todos os propietarios de predios estremeiros segundo o Rexistro da Propiedade ou o Catastro, e publicarase un anuncio de conformidade co artigo 59.6.a) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no Diario Oficial de Galicia, na web da consellaría competente en materia de montes e nos taboleiros de anuncios do concello ou concellos afectados. Abrirase un prazo de trinta días naturais a partir do día seguinte ao da publicación para presentar a documentación acreditativa da propiedade. Para estes efectos, só se considerará acreditativa da propiedade a titularidade reflectida nos asentamentos do correspondente Rexistro da Propiedade e, na súa falta, no Catastro e, se é o caso, a acreditativa de situacións posesorias por calquera medio de proba, nos termos que regulamentariamente se determinen. No anuncio indicarase, ademais, a data, a hora e o lugar de inicio do apeo, e o nomeamento do instrutor do expediente, que deberá ser un funcionario con titulación de técnico forestal competente.
2. A iniciación do expediente de deslindamento poderá implicar a suspensión do outorgamento de autorizacións de uso, concesións e servidumes, que será levantada coa aprobación do apeo, no caso en que non resultase alterada a superficie ou as condicións do predio sobre as cales estaban xa concedidas ou en tramitación.
3. Os traballos de apeo serán realizados baixo a dirección do instrutor designado pola Administración forestal, que, en caso necesario, logo de requirimento, poderá contar co asesoramento e coa asistencia dun integrante do servizo xurídico administrativo da xefatura territorial competente por razón do territorio. Estenderanse actas en calquera soporte documental ou dixital e colocaranse marcos e sinais provisionais.
4. Unha vez concluída a fase de apeo polo instrutor, darase traslado a todos os interesados que compareceron no procedemento, dándolles un prazo de vinte días naturais en que poderán examinar o expediente e presentar, se é o caso, alegacións.
5. Finalizado o prazo anterior, o instrutor elevará a proposta de resolución ao titular da consellaría competente en materia de montes.
6. Calquera procedemento de deslindamento que realice a Administración forestal desenvolverase consonte este procedemento.
Artigo 50. Aprobación
1. A resolución aprobatoria do deslindamento publicarase no Diario Oficial de Galicia e, unha vez firme na vía administrativa, será título suficiente para a inmatriculación do monte ou para a práctica dos pertinentes asentamentos no Rexistro da Propiedade.
2. O deslindamento aprobado e firme supón a delimitación do monte e declara con carácter definitivo o seu estado posesorio, coa reserva do que puider resultar dun xuízo declarativo de propiedade.
Artigo 51. Amolloamento
Unha vez que sexa firme na vía administrativa o acordo aprobatorio de deslindamento, procederase ao amolloamento colocando os marcos en puntos sobresaíntes de coordenadas xeográficas levantadas no dito deslindamento, no que poderán estar presentes as persoas interesadas.
Estas coordenadas deberán aterse ao sistema de referencia oficial en España consonte a normativa aplicable.
Sección 2ª Do deslindamento dos montes veciñais en man común
Artigo 52. Das fases do deslindamento
O deslindamento, total ou parcial, poderá realizarse en fases, actuando sobre as partes do perímetro estremeiro con outros montes veciñais en man común e sobre as partes do perímetro estremeiro con propiedades particulares, analizando a documentación acreditativa da propiedade mediante a titularidade reflectida nos asentamentos do correspondente Rexistro da Propiedade e, na súa falta, no Catastro e, se for o caso, a acreditativa de situacións posesorias por calquera medio de proba, nos termos que regulamentariamente se determinen.
Artigo 53. Do procedemento de deslindamento entre montes veciñais en man común
1. Os perímetros estremeiros con outros montes veciñais en man común deberán ser obxecto de deslindamento provisional polas comunidades de montes veciñais en man común. Logo de ratificado o deslindamento provisional polas asembleas xerais de cada unha das comunidades de montes veciñais en man común afectadas, darase traslado ao xurado provincial dos acordos alcanzados e da seguinte documentación ou calquera outra que se poida establecer por orde da consellaría competente en materia de montes: acta do deslindamento, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación levantada no xulgado de paz ou de primeira instancia correspondente e certificacións de aprobación por parte de cada unha das comunidades implicadas.
2. Unha vez realizado o deslindamento, o xurado provincial de montes veciñais en man común ditará resolución aprobatoria, nun prazo máximo de seis meses, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e debidamente notificada ás comunidades interesadas.
3. Os desacordos entre comunidades de montes no procedemento de deslindamento provisional poderán dar lugar, logo do compromiso das partes, a unha arbitraxe definitiva da consellaría competente en materia forestal consonte a normativa sobre arbitraxe, composta por un mínimo de tres membros designados polo xurado provincial de montes veciñais en man común.
4. Os desacordos que non se sometan a arbitraxe decidiranse na vía xurisdicional civil.
Artigo 54. Do procedemento de deslindamento de montes veciñais con propiedades particulares
1. A comunidade propietaria presentará á Administración forestal, logo do acordo da súa asemblea xeral, unha proposta coa liña de deslindamento, fundamentada histórica e legalmente, entre o monte veciñal e as propiedades privadas particulares, que se pretende adoptar. O servizo competente en materia de montes da correspondente xefatura territorial emitirá informe, nun prazo máximo de seis meses, respecto da existencia ou non de menoscabo da integridade do monte veciñal.
No caso de informe favorable, iniciarase o procedemento coa publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellaría con competencias en materia de montes, así como coa publicación de edictos no taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume da parroquia, nos cales se indicará o lugar ou lugares onde se atopa, o plano topográfico e demais documentación do monte, e concederase o prazo dun mes para presentar ante a comunidade propietaria as alegacións e os títulos que acrediten a propiedade ou a posesión de predios estremeiros.
2. A comunidade propietaria examinará e discutirá a documentación presentada e, sempre que non se produza menoscabo da integridade do monte veciñal en man común, remitirase á Administración forestal unha proposta con plano topográfico, xunto con toda a documentación e as alegacións presentadas. Examinadas a documentación e a proposta de deslindamento provisional, a Administración forestal emitirá informe.
3. No caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, darase traslado ao xurado provincial dos acordos alcanzados e, cando menos, da seguinte documentación: acta do deslindamento, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación levantada no xulgado de paz ou de primeira instancia correspondente e certificacións de aprobación por parte da comunidade. O xurado provincial de montes veciñais en man común ditará resolución aprobatoria do deslindamento e notificarállela ás persoas interesadas. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.
4. Nos casos de informe negativo sobre a proposta inicial de deslindamento, de informe desfavorable ao deslindamento provisional, de non aprobación pola asemblea xeral ou de non existir conciliación ante o xulgado de paz ou de primeira instancia correspondente, o deslindamento resolverase na vía xurisdicional civil.
5. Os desacordos nos deslindamentos provisionais entre comunidades de montes veciñais en man común e particulares poderán dar lugar, logo do compromiso de aceptación polas partes, a unha arbitraxe definitiva da consellaría competente en materia de montes consonte a normativa sobre arbitraxe. A comisión de arbitraxe estará composta por un mínimo de tres membros, designados polo xurado provincial de montes veciñais en man común. Artigo 55. Do amolloamento de montes veciñais en man común
1. Unha vez firme na vía administrativa a resolución aprobatoria de deslindamento, colocaranse marcos en puntos sobresaíntes de coordenadas xeográficas levantadas no dito deslindamento.
2. Se no procedemento de amolloamento se suscitaren cuestións relativas á propiedade, suspenderase o procedemento ata que exista un novo pronunciamento do xurado provincial ou a cuestión sexa resolta na vía xurisdicional civil.
3. O xurado provincial de montes veciñais en man común comunicará ao Catastro os resultados da representación cartográfica das parcelas de montes veciñais deslindadas, para que tome razón deles.
4. A consellaría competente en materia de montes poderá establecer liñas de axudas económicas específicas para a realización de deslindamentos provisionais entre montes veciñais en man común, para a realización de propostas de deslindamento entre montes veciñais e propiedades particulares e para o posterior amolloamento.
CAPíTULO VI
Adquisición de propiedades forestais
Artigo 56. Adquisición de terreos pola administración
1. A Administración autonómica terá dereito de adquisición preferente, coa reserva do disposto no punto 2, nos seguintes casos de transmisións onerosas:
a) De montes de superficie superior a 250 hectáreas.
b) De montes declarados protectores e outras figuras de especial protección.
A Administración autonómica poderá incrementar a súa propiedade forestal adquirindo os montes que máis axeitadamente poidan servir ao cumprimento dos obxectivos desta lei, a través de calquera negocio xurídico oneroso ou gratuíto válido en dereito.
2. No caso de parcelas ou montes enclavados nun monte público ou estremeiros con el, o dereito de adquisición preferente corresponderá á administración titular do monte lindante ou que contén o enclavado. No caso de montes estremeiros con outros pertencentes a distintas administracións públicas, terá prioridade no exercicio do dereito de adquisición preferente o monte que teña unha maior estrema común co monte en cuestión.
3. Non haberá dereito de adquisición preferente cando se trate de achega de capital en especie a unha sociedade en que os titulares transmitentes deberán posuír unha participación maioritaria durante cinco anos como mínimo.
4. Para posibilitar o exercicio do dereito de adquisición preferente a través da acción de tanteo, o transmitente deberá comunicar fidedignamente os datos relativos a prezos e características da proxectada transmisión á administración titular dese dereito. Esta dispoñerá dun prazo de tres meses, a partir da data de comunicación, para exercer o dereito, co correspondente pagamento ou consignación do importe comunicado nas referidas condicións.
5. As persoas titulares de notarías e rexistros da propiedade non autorizarán nin inscribirán, respectivamente, as correspondentes escrituras sen que se lles acredite previamente a práctica da dita comunicación de forma fidedigna.
6. Se se leva a cabo a transmisión sen a comunicación previa ou sen seguir as condicións reflectidas nela, a administración titular do dereito de adquisición preferente poderá exercer a acción de retracto no prazo dun ano contado desde a inscrición da transmisión no Rexistro da Propiedade ou, na súa falta, desde que a administración tiver coñecemento das condicións reais da dita transmisión.
7. O dereito de retracto a que se refire este artigo é preferente a calquera outro establecido no ordenamento xurídico vixente.
Artigo 57. Adquisición de terreos polas comunidades de montes veciñais en man común
1. As comunidades de montes veciñais en man común terán dereito de adquisición preferente tanto das superficies estremeiras, cuxa integración permita unha diminución ou mellor definición do perímetro do monte veciñal, como dos seus enclavados. No caso de que se exerza o dereito de adquisición preferente e unha vez consumada a adquisición, comunicarase ao xurado provincial de montes veciñais en man común, que integrará a superficie adquirida ao monte veciñal con plenos efectos xurídicos, modificando o perímetro e a extensión do dito monte, e que o comunicará ao correspondente Catastro e Rexistro da Propiedade, co fin de practicar a inmatriculación ou os asentamentos de inscrición oportunos.
2. O precitado dereito de adquisición preferente dos montes veciñais en man común rexerase polo disposto nos puntos 3, 4 e 5 do artigo precedente.
3. As adquisicións de terras por compra deberán ser motivadas pola comunidade veciñal titular no cumprimento dos seus fins, no interese xeral das persoas comuneiras, na defensa dos seus montes e dos seus accesos, no mellor aproveitamento dos recursos ou na mellora ou ampliación do monte veciñal en man común, e requirirá da autorización previa da Administración forestal, que deberá resolver a solicitude de compra no período máximo de tres meses. As terras adquiridas mediante compra serán cualificadas polos respectivos xurados provinciais de montes veciñais en man común como montes veciñais en man común e non poderán ser obxecto de permuta por un período mínimo de vinte anos. No caso de adquisición por doazón, non será precisa a dita autorización.
4. Aquelas adquisicións obtidas polas comunidades de montes veciñais en man común con anterioridade á entrada en vigor desta lei comunicaranse ao xurado provincial de montes veciñais en man común, que integrará a superficie adquirida ao monte veciñal con plenos efectos xurídicos, modificando o perímetro e a extensión do dito monte, e que o comunicará ao correspondente Catastro e Rexistro da Propiedade, co fin de practicar a inmatriculación ou os asentamentos de inscrición oportunos.
5. As comunidades de montes veciñais en man común terán plena capacidade xurídica para a realización de actos e negocios xurídicos vinculados á adquisición de novos terreos que redunden no beneficio da comunidade veciñal.
CAPíTULO VII
conservación e protección de montes
Artigo 58. Uso e actividade forestal
1. Para os efectos desta lei, enténdese por uso forestal calquera utilización de carácter continuado do monte que sexa compatible coa súa condición.
2. Para os efectos desta lei, enténdese por actividade forestal toda acción material relativa á conservación, mellora e aproveitamento dos montes –tanto madeireiros como non madeireiros–, pastos, caza, cogomelos, aromáticas, froitos etc., así como a subministración de servizos como o sociorrecreativo, paisaxe, protección dos recursos hídricos, do aire e do solo e da cultura e do coñecemento forestal.
3. As modificacións entre os usos forestais e agrícolas serán consideradas, para os efectos desta lei, como cambios de actividade.
Artigo 59. Cambio de uso forestal
1. O cambio de uso forestal dun monte, cando non veña motivado por razóns de interese xeral, e sen prexuízo do disposto no artigo 28.2 desta lei e da normativa ambiental aplicable, terá carácter excepcional e requirirá informe favorable do órgano forestal e, de ser o caso, do titular do monte.
2. A Administración forestal competente poderá regular un procedemento máis simplificado para a autorización do cambio de uso naquelas plantacións forestais temporais para as cales se solicite unha reversión a usos anteriores non forestais.
3. En terreos afectados por incendios forestais, non se poderá producir un cambio de uso en trinta anos. Con carácter singular, poderanse acordar excepcións sempre que, con anterioridade ao incendio forestal, o cambio de uso estiver previsto:
a) Nun instrumento do planeamento previamente aprobado.
b) Nun instrumento do planeamento pendente de aprobación se xa foi obxecto de ava-
liación ambiental favorable ou, de non ser esta esixible, se xa foi sometido ao trámite de información pública.
c) Nunha directriz de política agroforestal que recolla o uso de pastos ou agrícola exten-
sivo en montes incultos ou en estado de abandono que non estean arborados con especies autóctonas.
Artigo 60. Cambios de actividade forestal a agrícola
1. Os cambios de actividade forestal a agrícola rexeranse polo previsto nesta lei e na normativa concorrente, e para mellorar a viabilidade das explotacións agrarias atenderase aos seguintes supostos:
a) No caso de superficies poboadas por matogueiras ou especies do xénero Acacia, po-
deranse realizar, logo de comunicarllo á Administración forestal, en superficies de ata 15 hectáreas. Para superficies maiores, será necesaria autorización da Administración forestal.
b) Nos restantes casos, poderanse realizar cambios de actividade forestal a agrícola en superficies de ata 5 hectáreas, poboadas por especies non incluídas no anexo 1, ou especies do anexo 1 con idades medias inferiores a dez anos, logo de comunicarllo á Administración forestal. No caso de constituír enclavados en superficies arboradas, terán unha cabida mínima de 1 hectárea.
En superficies maiores de 5 hectáreas, será necesaria autorización da Administración forestal, logo da xustificación da actividade agrícola por parte do promotor.
c) En superficies poboadas por especies do anexo 1 con idades medias superiores a dez anos, precisarase de autorización da Administración forestal, logo da xustificación da actividade agrícola por parte do promotor.
2. Naquelas superficies arboradas lindantes coas superficies en que se produza un cambio de actividade forestal a agrícola non serán aplicables as distancias establecidas no anexo 2 desta lei ata o momento da reforestación da masa arborada tras o aproveitamento.
3. Tamén poderá realizarse, logo da autorización dos propietarios dos terreos e da Administración forestal, o cambio de actividade forestal a agrícola co fin de mellorar o hábitat das especies cinexéticas.
Artigo 61. Cambios de actividade agrícola a forestal
Soamente os terreos rústicos de uso agrícola en estado de manifesto abandono e que estean adscritos a un banco de terras agrarias ou instrumento semellante, por un período de polo menos dous anos, se poderán forestar, logo de comunicarllo á Administración forestal, cando cumpran algún dos seguintes supostos:
a) Que estremen con terreos forestais, cando se utilicen frondosas caducifolias.
b) Que constitúan enclaves de ata 5 hectáreas en superficie arborada, utilizando fron-
dosas caducifolias.
Artigo 62. Supostos especiais de cambio de actividade
1. Os cambios de actividade dun monte veciñal en man común están condicionados á modificación e posterior aprobación do seu instrumento de ordenación ou de xestión forestal.
2. Cando os cambios de actividade afecten espazos naturais protexidos ou a espazos da Rede Natura 2000, deberán contar coa autorización da dirección xeral correspondente da consellaría competente en materia de conservación da natureza.
3. En zonas incluídas nun proceso de concentración parcelaria, os cambios de actividade deberanse adaptar ao plan de ordenación de cultivos ou forestal, tal e como prevé a normativa vixente de concentración parcelaria.
4. As forestacións incluídas no artigo 61, cando se realicen en solo rústico de especial protección agropecuaria, requirirán autorización da Administración forestal, logo do informe preceptivo e vinculante da dirección xeral correspondente da consellaría competente en materia agropecuaria.
5. En todo caso, as plantacións para froito de nogueiras, cerdeiras, castiñeiros ou especies semellantes non supoñerán un cambio de actividade, independentemente de que se realicen nun terreo forestal ou agrícola.
6. As plantacións para a mellora da explotación agrícola ou gandeira consistentes en faixas cortaventos de ata 10 metros de largo e os bosquetes para a protección de gando de ata 500 m2 non terán a consideración de plantacións forestais, polo que se poderán realizar en terreos de uso agrícola. En ningún caso se poderán empregar para tal fin plantas do xénero Eucalyptus.
Artigo 63. Ocupacións
Prohíbese a ocupación de terreos forestais mediante instalacións, construcións ou obras feitas sen autorización do seu respectivo titular e do seu xestor, de ser o caso.
Artigo 64. Medidas de restauración
A Administración forestal establecerá, en caso necesario, medidas de obrigado cumprimento encamiñadas a restaurar os montes afectados por incendios forestais, catástrofes naturais, vendavais, pragas, enfermidades ou outros eventos, así como nos casos recollidos no artigo 65.2, alíneas c) e d). A administración competente en materia de montes poderá prestar apoio técnico e económico na elaboración e no desenvolvemento do proxecto. As ditas actuacións de restauración terán consideración de interese xeral, e poderán declararse de utilidade pública cando concorran razóns de urxencia que así o xustifiquen. No caso de incumprimento, a consellaría competente en materia de montes poderá executar subsidiariamente as ditas medidas.
Artigo 65. Restauración hidrolóxico-forestal
1. A restauración hidrolóxico-forestal terá como fins prioritarios a recuperación da funcionalidade dos ecosistemas forestais, a loita contra a erosión, a xestión, conservación e mellora dos recursos hídricos, a estabilidade dos terreos e a protección de infraestruturas de interese xeral.
2. A Administración forestal poderá declarar zonas prioritarias de actuación en materia de control da erosión e da restauración hidrolóxico-forestal atendendo preferentemente os montes protectores, así como os terreos forestais, que se atopen nalgún dos seguintes supostos:
a) Terreos afectados por incendios que xeren un risco para as áreas habitadas, os recur-
sos produtivos, con especial atención aos recursos hídricos, e as infraestruturas asociadas á súa xestión.
b) Terreos que xeren ou se atopen en risco por desprendementos, escorregamentos ou
movementos do terreo.
c) Terreos que se atopen en risco de sufrir graves episodios de erosión e escorremento
pola degradación ou pola sobreexplotación dos seus solos.
d) Terreos procedentes de explotacións mineiras históricas non afectadas pola actual normativa ambiental onde a sustentabilidade da súa xestión forestal se vexa seriamente comprometida como consecuencia das dificultades de acceso, do risco de graves danos persoais e de alteracións paisaxísticas e dos recursos hídricos, entre outros.
e) Outros terreos afectados por fenómenos ou causas meteorolóxicas, antrópicas, bióti-
cas ou outros que afecten gravemente a cuberta vexetal ou o chan.
No caso de que a declaración inclúa terreos no dominio público hidráulico, solicitarase informe preceptivo e vinculante ao órgano competente en materia de xestión deste dominio público.
3. Os plans, proxectos, obras e traballos de corrección ou restauración hidrolóxico-forestal que sexan precisos para a recuperación das zonas prioritarias de actuación, calquera que sexa a titularidade dos terreos ou o uso a que se destinen, poderán ser declarados de utilidade pública cando concorran razóns de urxencia que así o xustifiquen, para efectos de expropiación forzosa ou de ocupación temporal, e poderán ser obxecto de actuacións inmediatas por parte da Administración forestal, só no caso de existiren situacións de emerxencia que así o xustifiquen.
Artigo 66. Informes sobre os instrumentos de ordenación do territorio e sobre o planeamento urbanístico
Os instrumentos de ordenación do territorio, as normas subsidiarias e complementarias de planeamento urbanístico, os plans xerais de ordenación municipal, os plans de sectorización e os plans especiais non previstos nos plans xerais, así como a modificación destes instrumentos, cando afecten un monte ou terreo forestal, requirirán o informe sectorial da Administración forestal. O dito informe terá carácter vinculante cando se trate de montes catalogados, protectores e terreos rústicos de especial protección forestal.
Artigo 67. Condicións que deben cumprir as repoboacións forestais
1. Quedan prohibidas as repoboacións forestais en solo urbano, de núcleo rural, no solo urbanizable delimitado e no rústico de especial protección agropecuaria, agás os casos expresamente recollidos nesta lei.
2. Queda prohibida a sementeira ou a plantación, mesmo de pés illados, en todo terreo forestal ou agrícola e nas zonas de influencia forestal definidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, con exemplares do xénero Acacia e calquera outro sen aproveitamento comercial relevante que se determine mediante orde da consellaría competente en materia de montes.
3. As repoboacións ou as sementeiras nos cultivos enerxéticos en terreo forestal regularanse por orde da consellaría competente en materia de montes.
4. Quedan prohibidas as reforestacións e as novas plantacións intercaladas co xénero Eucalyptus naquelas superficies poboadas por especies do anexo 1, mesmo con posterioridade ao seu aproveitamento ou á súa afectación por un incendio forestal. Esta prohibición non será aplicable nos casos de rexeneración posterior á plantación ou rexeneración, en piso inferior ou sotobosque, de especies do anexo 1.
5. As novas plantacións que se realicen co xénero Eucalyptus superiores ás 5 hectáreas precisarán de autorización da Administración forestal. Non será aplicable ás masas preexistentes de Eucalyptus nos supostos de reforestación ou rexeneración desa superficie, ou que estean incluídas na planificación dun instrumento de ordenación ou de xestión forestal aprobado pola administración.
6. En todo caso, as repoboacións forestais estarán suxeitas aos supostos previstos no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, sobre avaliación ambiental de proxectos, e no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental de Galicia.
7. A repoboación forestal en montes catalogados de utilidade pública e nos montes patrimoniais priorizará as especies do anexo 1, e terá como obxectivo preferente o protector, ambiental e social, agás que na aplicación de programas de mellora e produción xenética sexa precisa a utilización doutras especies.
Artigo 68. Distancias das repoboacións
1. As novas repoboacións forestais que teñan lugar a partir da entrada en vigor desta lei deberán gardar as distancias sinaladas no anexo 2 desta lei a outros terreos, construcións, instalacións e infraestruturas.
2. As distancias mediranse desde o tronco do pé máis próximo á propiedade veciña ata o límite coa outra propiedade. No caso de tendidos eléctricos, as distancias mediranse ata a proxección do condutor máis externo, e a súa desviación máxima producida polo vento considerarase segundo a normativa sectorial vixente.
3. Para edificacións, vivendas illadas e urbanizacións situadas a menos de 400 metros do monte e fóra de solo urbano e de núcleo rural, as distancias mediranse ata o paramento destas.
4. Para cámpings, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais a menos de 400 metros do monte e fóra de solo urbano e de núcleo rural, as distancias mediranse ata o límite das instalacións.
CAPíTULO VIII
Organización da estrutura da propiedade forestal
Sección 1ª Límites á división dos montes
Artigo 69. Límites ás parcelacións, divisións ou segregacións
Non se poderán realizar nin autorizar, inter vivos ou mortis causa, parcelacións, divisións ou segregacións definitivas voluntarias de terreos cualificados como monte ou terreo forestal ao abeiro do establecido nesta lei cando o resultado sexan parcelas de superficie inferior a 15 hectáreas. Non será aplicable no caso de que a división sexa para transferir parte da propiedade a unha parcela estremeira.
Sección 2ª Reorganización da propiedade de parcelas forestais
Artigo 70. Concentración parcelaria en terreos forestais
1. As concentracións parcelarias que afecten terreos maioritariamente forestais rexeranse, en todo o non previsto nesta lei, pola normativa galega en materia de concentración parcelaria.
2. Para efectos de obter axudas públicas, esixirase que o proceso de concentración cumpra os seguintes requisitos:
a) Vincularse a unha agrupación con personalidade xurídica para a xestión conxunta
dos seus terreos, que se acreditará mediante a integración dos titulares nas correspondentes sociedades de fomento forestal ou similares.
b) Que a propiedade de polo menos o 70 % da superficie que se pretende concentrar
forme parte da agrupación de xestión conxunta.
c) Xestionar o arboredo preexistente, no marco dun instrumento de ordenación ou de xestión forestal.
d) Dispoñer dunha superficie mínima no ámbito que se pretende concentrar de, polo
menos, 15 hectáreas.
3. Na instrución do procedemento deberá contarse coa presenza dun técnico competente en materia forestal.
4. As axudas públicas para os procedementos de concentración que cumpran os requisitos sinalados no punto anterior poderán consistir en:
a) Axudas aos gastos do proceso de reorganización da propiedade.
b) Axudas aos gastos de escrituración e inmatriculación e inscrición rexistral.
c) Axudas para a redacción do instrumento de ordenación ou de xestión forestal.
d) Axudas para a redacción dos proxectos de infraestruturas comúns.
e) Axudas para a construción das infraestruturas comúns.
f) Calquera outra que se determine por orde da consellaría competente en materia de
montes.
5. Todos os proxectos de infraestruturas en terreos forestais concentrados realizaranse unicamente considerando as necesidades conxuntas de xestión da totalidade da superficie concentrada.
O acordo de reorganización da propiedade do perímetro que se pretende concentrar será de obrigado cumprimento cando conte, polo menos, coa conformidade dos propietarios do 70 % da superficie que se pretende concentrar.
6. Os montes concentrados manterán expresamente a súa cualificación e uso actual durante o proceso e unha vez entregadas as novas parcelas. As parcelas resultantes das operacións de concentración parcelaria que se adxudiquen a comunidades de montes veciñais en man común e antes non fosen monte veciñal en man común pasarán a selo. Esta reorganización da propiedade comunicaráselle ao xurado provincial de montes veciñais en man común, que integrará a superficie concentrada de monte veciñal con plenos efectos xurídicos, modificando o perímetro e a extensión do dito monte, e que o comunicará ao correspondente Catastro e Rexistro da Propiedade, co fin de practicar os asentamentos de inscrición oportunos.
TíTULO III
Da planificación e da xestión forestal sustentable
CAPíTULO I
Da planificación forestal
Artigo 71. Instrumentos de planificación forestal
Son instrumentos de planificación forestal da Comunidade Autónoma de Galicia o Plan forestal de Galicia e os plans de ordenación dos recursos forestais.
Artigo 72. Plan forestal de Galicia
1. O Plan forestal de Galicia é o instrumento básico para o deseño e a execución da política forestal galega, no cal se avalía a situación do monte galego e no que se establecen as directrices e os programas de actuación da política forestal de Galicia, así como os mecanismos de seguimento e avaliación necesarios para o seu cumprimento.
2. O Plan forestal de Galicia é o instrumento básico de planificación forestal e terá a consideración de programa coordinado de actuación, ao abeiro do disposto nos artigos 16 e seguintes da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.
3. A aprobación e, se é o caso, a modificación do Plan forestal de Galicia corresponderán ao Consello de Xunta mediante decreto, por proposta da consellaría competente en materia forestal, oído o Consello Forestal de Galicia, e axustaranse ao procedemento previsto no artigo 21 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.
4. Na elaboración do plan, co fin de propiciar a maior participación social, serán consultados, por medio dos seus órganos de representación, os propietarios forestais, particulares e montes veciñais, as entidades locais, o sector empresarial e os demais axentes sociais e institucionais interesados. Para estes efectos, establecerase un trámite de información pública conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
5. A revisión do plan fundamentarase no diagnóstico derivado da análise do inventario forestal de Galicia e doutros estudos que se consideren necesarios e implicará o cambio ou o axuste xeneralizado das medidas establecidas no plan así como dos seus obxectivos.
O procedemento de revisión será o mesmo que o de elaboración.
6. As alteracións que non afecten as características esenciais do plan nin os seus obxec-tivos consideraranse simples modificacións puntuais e poderán ser realizadas directamente pola consellaría competente en materia forestal, que dará conta da súa execución ao Consello da Xunta, oído o Consello Forestal de Galicia.
7. Nos prazos que fixe o propio plan, deberá avaliarse o seu grao de execución e, de se considerar pertinente, tramitar as oportunas modificacións.
Artigo 73. Eficacia vinculante do Plan forestal de Galicia
O Plan forestal de Galicia terá carácter vinculante en materia forestal e determinará o marco en que se elaborarán os plans de ordenación dos recursos forestais, e será indicativo para a elaboración dos instrumentos de ordenación e de xestión forestal e definirá as liñas de actuación das distintas administración públicas no ámbito desta lei.
Artigo 74. Plans de ordenación dos recursos forestais
1. A Administración forestal elaborará os plans de ordenación dos recursos forestais como instrumentos de planificación forestal, que afectarán preferentemente cada distrito forestal, como territorios de condicións xeográficas, socioeconómicas, ecolóxicas, culturais ou paisaxísticas homoxéneas e que terán carácter obrigatorio e executivo nas materias reguladas nesta lei, nos termos establecidos en cada plan. Así mesmo, terán carácter indicativo respecto de calquera outra actuación, plan ou programa sectorial, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria cuarta.
2. O contido destes plans deberá coordinarse cos correspondentes plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito establecidos na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Artigo 75. Procedemento de elaboración e aprobación dos plans de ordenación de recursos forestais
1. Os plans de ordenación de recursos forestais serán aprobados polo Consello da Xunta mediante decreto, por proposta da consellaría competente en materia de montes, oído o Consello Forestal de Galicia e tras a audiencia ás entidades locais que abranguen os plans de ordenación de recursos forestais e, a través dos seus órganos de representación, aos propietarios forestais privados, a outros usuarios lexítimos afectados e aos demais axentes sociais e institucionais interesados, por un prazo de entre un e dous meses, incluíndo igualmente na tramitación do expediente a información e a participación pública.
2. A súa elaboración será dirixida e redactada por técnicos competentes en materia forestal.
Artigo 76. Contido dos plans
1. Os plans de ordenación de recursos forestais, como mínimo, especificarán:
a) A delimitación do ámbito territorial e a caracterización do medio físico e biolóxico.
b) As características socioeconómicas da zona, como aspectos demográficos, dispo-
ñibilidade de man de obra especializada, taxas de paro, actividades agrosilvopastorís e industrias forestais, incluídas as dedicadas ao aproveitamento enerxético da biomasa forestal.
c) A descrición e a análise dos montes e dos seus recursos, das posibilidades de produ-
ción forestal e da demanda da industria forestal. Tamén analizará a paisaxe existente nese territorio, os seus usos e os aproveitamentos actuais, en particular os usos tradicionais, así como as figuras de protección existentes, incluíndo as vías pecuarias.
d) Os aspectos xurídico-administrativos da propiedade forestal, tales como titularidades, montes catalogados, proxectos de ordenación e instrumentos de ordenación e de xestión vixentes, montes veciñais en man común, mancomunidades e agrupacións de propietarios.
e) O establecemento de referentes de boas prácticas e modelos silvícolas orientativos
para a xestión e o aproveitamento dos montes, baseado na análise das especies existentes e nas súas quendas de corta, e garantindo que non se poña en perigo a persistencia dos ecosistemas e que se manteña a capacidade produtiva dos montes.
f) A zonificación por usos e vocación do territorio, establecendo para cada zona os obxectivos, as compatibilidades e as prioridades, e sinalando os ámbitos de solo rústico con valor forestal para os efectos da súa categorización como de especial protección forestal nos instrumentos urbanísticos e de ordenación do territorio.
g) A planificación das accións necesarias para o cumprimento dos obxectivos fixados no plan.
h) Os criterios básicos para o control, o seguimento e a avaliación e os prazos para a
revisión do plan.
2. Para os efectos dos aproveitamentos forestais en espazos da Rede Natura, cando non existan plans de conservación aprobados, serán válidas as especificacións dos plans de ordenación de recursos forestais, sempre que dispoñan de informe favorable da administración competente en materia de conservación da natureza.
3. Previamente á aprobación dun plan de ordenación de recursos forestais, poderán elaborarse uns modelos silvícolas orientativos e referentes de boas prácticas por distrito forestal, para os efectos de permitir a adhesión de propietarios de montes de particulares, que se aprobarán mediante orde da consellaría competente en materia de montes.
4. Os ámbitos de solo rústico delimitados nos plans de ordenación de recursos forestais como de valor forestal deberán categorizarse nos instrumentos urbanísticos e de ordenación do territorio como de especial protección forestal.
CAPíTULO II
Da ordenación e da xestión dos montes
Artigo 77. Da ordenación dos montes
1. A ordenación de montes ten como finalidade a conservación, a mellora e a protección dos recursos forestais, o seu rendemento sustentable e a máxima obtención global de utilidades. Estes fins deben contribuír ao desenvolvemento rural, á xeración de rendas, á fixación da poboación, á calidade paisaxística e ao mantemento da biodiversidade.
2. A ordenación de montes supón a organización no tempo e no espazo, tecnicamente xustificada, dos recursos forestais, de todos os aproveitamentos do monte e das especificacións técnicas para a súa xestión sustentable.
3. A consellaría competente en materia de montes fomentará técnica e economicamente a ordenación dos montes da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos respectivos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal.
4. Os montes públicos, os montes protectores e os de xestión pública deberán dotarse dun proxecto de ordenación, así como todos os montes de particulares superiores a 25 hectáreas en couto redondo para unha mesma propiedade. O prazo para dotarse do correspondente proxecto de ordenación non poderá superar o establecido na lexislación básica.
5. Os montes veciñais en man común cunha superficie superior ás 25 hectáreas deberán dotarse dun proxecto de ordenación ou, no caso de que a dita superficie sexa inferior ou igual ás 25 hectáreas, dun documento simple de xestión ou a través da súa adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas orientativos, segundo especies ou formacións forestais, previstos no artigo 76.3.
6. As agrupacións forestais formalmente constituídas e os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo superiores a 25 hectáreas en couto redondo deberán dotarse dun proxecto de ordenación ou, no caso de que a dita superficie sexa inferior ou igual ás 25 hectáreas en couto redondo, dun documento simple de xestión ou a través da súa adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas orientativos, segundo especies ou formacións forestais, previstos no artigo 76.3.
7. Os propietarios de montes de particulares de superficie inferior ou igual ás 25 hectáreas en couto redondo para unha mesma propiedade deberán dotarse dun instrumento de xestión forestal ou planificar a xestión dos seus montes a través da súa adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas orientativos, segundo especies ou formacións forestais, previstos no artigo 76.3.
8. Para a elaboración dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal, os plans de ordenación dos recursos forestais no seu ámbito de aplicación serán o marco de referencia, e terán carácter indicativo.
Artigo 78. Das instrucións xerais para a ordenación dos montes e as súas categorías
1. O Consello da Xunta, oído o Consello Forestal de Galicia, aprobará, mediante decreto, as instrucións xerais de ordenación de montes de Galicia, que poderán ser obxecto de desenvolvemento mediante resolución do órgano forestal.
2. As instrucións xerais conterán os principios reitores, os criterios e os requisitos que deberán cumprir todos os instrumentos de ordenación e de xestión dos montes situados na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco da xestión forestal sustentable.
3. A estrutura e os contidos mínimos dos instrumentos de ordenación e de xestión forestal axustaranse ás instrucións xerais de ordenación de montes de Galicia.
Artigo 79. Dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal: categorías
1. Os instrumentos de ordenación ou de xestión forestal terán en conta as previsións contidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e no planeamento contra incendios forestais, así como as indicacións dos plans de ordenación de recursos forestais no ámbito territorial en que se atope o monte, de acordo cos criterios establecidos nas instrucións xerais de ordenación dos montes de Galicia.
2. Os instrumentos de ordenación e de xestión forestal elaborados para os montes do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia deberán corresponder con algunha das seguintes categorías:
a) Proxecto de ordenación: instrumento de ordenación forestal que sintetiza a organiza-
ción do aproveitamento sustentable dos recursos forestais, madeireiros e non madeireiros, nun monte ou nun grupo de montes, para o cal debe incluír unha descrición do terreo forestal nos seus aspectos ecolóxicos, legais, sociais e económicos e, en particular, un inventario forestal cun nivel de detalle tal que permita a toma de decisións en canto á silvicultura que se debe aplicar en cada unha das unidades do monte e á estimación das súas rendas, co obxectivo de obter unha organización estable dos distintos usos e servizos do monte.
b) Documento simple de xestión: instrumento de xestión forestal que planifica as melloras e os aproveitamentos dos recursos forestais, madeireiros e non madeireiros, garantindo unha xestión forestal sustentable da superficie dunha mesma propiedade, sen que ningún couto redondo supere as 25 hectáreas.
c) Documento compartido de xestión: instrumento de xestión forestal, de iniciativa priva-
da para un conxunto de propietarios, onde ningunha superficie dunha mesma propiedade supere as 25 hectáreas en couto redondo, que debe incluír uns referentes de boas prácticas, unha planificación simple dos aproveitamentos dos recursos forestais, madeireiros e non madeireiros, e modelos silvícolas para os principais tipos de masa, de obrigado cumprimento, para os terreos forestais adscritos a el.
Artigo 80. Elaboración dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal
1. Os instrumentos de ordenación ou de xestión forestal elaboraranse por instancia do propietario ou do titular de dereitos sobre o monte, ou da entidade que teña a responsabilidade da súa xestión, e contará coa conformidade expresa do propietario ou do titular dos dereitos sobre o monte.
2. Os instrumentos de ordenación ou de xestión forestal serán redactados por técnicos competentes en materia forestal, seguindo as instrucións xerais de ordenación de montes de Galicia.
3. Con carácter xeral, os instrumentos de ordenación ou de xestión forestal serán específicos para cada monte, aínda que, logo de xustificación, poderán ser redactados conxuntamente para grupos de montes que sexan propiedade da mesma entidade e presenten características semellantes. En todo caso, o plan especial desagregarase no nivel de monte. Artigo 81. Aprobación e efectos dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal
1. A aprobación dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal corresponde ao órgano forestal da Comunidade Autónoma e comportará a inclusión de oficio no Rexistro Galego de Montes Ordenados. O proceso de solicitude de aprobación será iniciado polo propietario ou polo titular dos dereitos do predio.
2. Se transcorridos seis meses desde a solicitude de aprobación do instrumento de ordenación ou de xestión forestal a administración competente non resolve, entenderase estimada a solicitude. Deberá xustificarse a desestimación da aprobación.
3. Aprobado o instrumento de ordenación ou de xestión forestal, e cando obteña os preceptivos informes favorables dos organismos sectoriais dependentes da Administración autonómica de Galicia cuxas competencias poidan resultar afectadas pola aprobación do citado instrumento, as actuacións previstas nel, cun grao de detalle suficiente, consideraranse autorizadas por aqueles cando sexa preceptiva a dita autorización, e só requirirán de notificación ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio.
4. Transcorridos tres meses desde que a Administración forestal solicite os citados informes, entenderase que son favorables de non haber contestación expresa, sen prexuízo do establecido no artigo 25.4 do Real decreto lexislativo 1/2001, do 29 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, e continuarase coa tramitación da aprobación solicitada. Estes informes terán como obxecto o estudo das actuacións previstas e a súa autorización no marco das materias afectadas polas súas competencias.
5. Será condición indispensable, para efectos dos posibles beneficios fiscais aos predios forestais, dispoñer dun instrumento de ordenación ou de xestión forestal aprobado e vixente.
Artigo 82. Modificación e revisión dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal
A alteración debida á modificación de aspectos puntuais, ou ben pola revisión de aspectos substanciais, dos instrumentos de ordenación e de xestión forestal adaptarase ás condicións e aos prazos que se establezan nas instrucións xerais para a ordenación de montes.
Artigo 83. Incumprimento do instrumento de ordenación ou de xestión forestal
1. O incumprimento grave ou a reiteración inxustificada de incumprimento das prescricións previstas nun instrumento de ordenación ou de xestión forestal aprobado pola Administración forestal darán lugar á baixa do monte do Rexistro Galego de Montes Ordenados, logo da tramitación do correspondente procedemento, perdendo os beneficios inherentes, sen prexuízo da apertura do correspondente expediente sancionador.
2. Entenderanse por incumprimento grave os seguintes supostos:
a) Cando afecte o normal desenvolvemento do monte e sen que fose xustificado e co-
municado previamente o incumprimento á Administración forestal, para a súa aprobación.
b) O aproveitamento abusivo ou a sobreexplotación que degrade ou produza perdas de
solo ou poña en perigo a viabilidade do monte, incluíndo a non rexeneración tras o aproveitamento.
c) Non cumprir cos plans de aproveitamento nin coa posterior rexeneración tras a súa
realización.
3. Entenderase por reiteración inxustificada de incumprimento aquel que se repite nun prazo de dous anos de forma non motivada, logo da tramitación do oportuno procedemento, sen que resulte preciso un determinado grao de gravidade respecto de cada un dos incumprimentos que integran o reiterado.
TíTULO IV
Recursos forestais
CAPíTULO I principios
Artigo 84. Dos produtos e dos servizos do monte
1. A persoa titular do monte é o propietario dos recursos forestais que nel se producen, tanto madeireiros como non madeireiros, incluíndo, entre outros, a madeira, a biomasa forestal, os pastos, os aproveitamentos cinexéticos, os cogomelos, os froitos, as cortizas, as resinas, as plantas aromáticas e medicinais e os produtos apícolas, e ten dereito ao seu aproveitamento, que se realizará con suxeición ás prescricións desta lei e ás disposicións que a desenvolvan.
2. Serán, entre outros, servizos característicos dos montes aqueles relacionados coas actividades sociorrecreativas, sexan turísticas, culturais ou deportivas, a paisaxe, a protección dos recursos hídricos e do solo e a cultura forestal.
3. Os aproveitamentos dos recursos forestais, os servizos ou as actividades previstos nun instrumento de ordenación ou de xestión aprobado pola Administración forestal non necesitan de autorización para a súa execución, polo que será suficiente unha notificación previa, consonte o artigo 81.3.
4. A Administración forestal poderá efectuar as inspeccións, os controis e os recoñecementos que considere convenientes, tanto durante a realización do aproveitamento ou da subministración do servizo como unha vez finalizado este.
CAPíTULO II
Dos produtos non madeireiros e dos servizos do monte
Artigo 85. Pastos, caza, cogomelos, froitos, plantas aromáticas e medicinais, cortizas, resinas e outros produtos forestais
As persoas propietarias de montes teñen dereito ao acoutamento das súas propiedades orientado á viabilidade e ao mellor aproveitamento de pastos, cinexético, de cogomelos, castañas e outros froitos, plantas aromáticas ou medicinais, cortizas, resinas e outros produtos que puideren constituír unha fonte de rendas para o propietario, nas condicións que se determinen mediante orde da consellaría competente en materia de montes.
Artigo 86. Pastoreo
1. O dereito de pastoreo no monte corresponde ao seu propietario, que poderá autorizalo, prohibilo ou regulalo, e poderá solicitar a inscrición destes aspectos no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, así como a identificación do gando clara e visible a certa distancia, para posibilitar a vixilancia e o control dos animais e para permitir identificar a persoa propietaria destes, en especial no gando vacún e cabalar.
En todo caso, o pastoreo efectivo no monte requirirá dispoñer da documentación acreditativa da autorización expresa do propietario dos terreos. No caso dos montes veciñais en man común, a autorización debe ser por acordo expreso da asemblea xeral da comunidade propietaria.
2. O aproveitamento de pastos polo gando en terreos forestais é un aproveitamento forestal segundo o establecido nesta lei. Estará expresamente regulado no correspondente instrumento de ordenación ou de xestión forestal e a súa práctica levarase a cabo consonte o establecido no instrumento de ordenación ou de xestión ou, na súa falta, de conformidade cos condicionantes incluídos no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo. O aproveitamento de pastos realizarase de xeito compatible e respectuoso coa conservación do potencial produtivo do monte e coas actuacións de rexeneración do arboredo.
3. As zonas de pasto en terreos forestais de aproveitamento efectivo polo gando terán a consideración de explotación gandeira para efectos de sanidade animal e identificaranse cun código Rega único, onde estarán incluídos todos os propietarios dos animais con autorización de aproveitamento de pastos. O gando deberá estar identificado consonte a súa normativa específica de aplicación. Nos casos en que a actividade gandeira xere un risco manifesto para a viabilidade das explotacións agroforestais ou para a seguridade viaria ou persoal, poderá condicionarse o aproveitamento de pastos ao cercado da zona obxecto de pastoreo, mediante resolución motivada do órgano forestal.
4. O gando que deambule sen identificación nas zonas forestais ou en zonas de influencia forestal segundo o establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, terá a condición de mostrengo. A xestión e a administración dos animais mostrengos serán competencia dos concellos onde deambulen, que poderán dispoñer de xeito inmediato dos animais ou, se é o caso, o seu sacrificio, na forma que regulamentariamente se estableza.
5. No caso do gando identificado que deambule nas zonas forestais sen autorización acreditada para o pastoreo, ou cando, tendo autorización, o pastoreo se realice nas zonas incluídas no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo con prohibición expresa, ou cando careza da marcaxe expresamente indicada na regulación da zona de pastoreo, a xestión deste gando será competencia dos concellos por onde deambule, que poderá retiralo. Poderán devolverse ao seu dono, repercutíndolle os custos, nun prazo máximo de sete días naturais, contados desde a súa retirada do monte, sen prexuízo da incoación dos pertinentes expedientes sancionadores.
6. Nos casos previstos nos puntos 4 e 5 anteriores, os propietarios dos terreos forestais afectados poderán retirar polos seus propios medios o dito gando e poñelo á disposición do concello, repercutíndolle os custos da retirada ao dono do gando a través do propio concello para os efectos previstos nos anteditos puntos. Os danos causados no arboredo e nas infraestruturas polo gando alleo á propiedade forestal serán valorados e repercutidos ao dono do gando.
7. A consellaría competente en materia de montes establecerá canles de colaboración cos concellos para a realización dos labores establecidos nos puntos anteriores.
8. No caso de montes con contratos de xestión pública e nos montes de titularidade da Xunta de Galicia xestionados pola Administración forestal, a retirada do gando será competencia da Administración forestal, nas mesmas condicións establecidas nos puntos 4 e 5 para a Administración local.
9. Nos montes de dominio público, o aproveitamento con carácter privativo dos pastos esixirá concesión da administración titular, que deberá incluír unha contraprestación en especie, preferentemente en forma de melloras no propio monte, ou monetaria, suposto en que será destinada ao fondo de melloras do monte, nos mesmos termos que o resto dos aproveitamentos. As condicións que se establezan na dita concesión consignaranse no proxecto de ordenación forestal do monte e o seu incumprimento poderá supoñer a revogación da concesión.
10. Non poderán concederse axudas públicas para calquera tipo de actividade de aproveitamento gandeiro, incluíndo aquelas vinculadas coa xestión, captura e agrupamento dos animais nas superficies incluídas no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, cando estea prohibido o pastoreo.
11. Con carácter xeral, prohíbese o pastoreo en terreos forestais que resulten afectados por incendios forestais, de conformidade co disposto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
12. No Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo inscribiranse de oficio como zonas prohibidas as superficies queimadas naquelas parroquias definidas como de alta actividade incendiaria incluídas nas zonas declaradas como de alto risco de Galicia, durante o período que resulte por aplicación da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Regulamentariamente poderanse establecer outras causas extraordinarias que, coa debida xustificación, permitirán realizar a inscrición de oficio de calquera outro terreo forestal queimado.
13. Os cerramentos ou os cerrados para o aproveitamento de pastos, así como outros peches situados en montes ou terreos forestais, terán a consideración de infraestruturas forestais e as súas características e utilización serán reguladas mediante orde da consellaría competente en materia de montes.
Artigo 87. Aproveitamentos cinexéticos
1. Os aproveitamentos cinexéticos en terreos forestais axustaranse ao establecido na lexislación específica en materia de caza no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A Administración forestal emitirá un informe preceptivo do plan de ordenación cinexética que afecte terreos forestais con instrumento de ordenación ou de xestión aprobado pola Administración forestal. Entenderase que o dito informe é positivo de non haber contestación expresa transcorridos dous meses desde a súa solicitude.
Artigo 88. Servizos do monte
1. A Administración forestal e os propietarios poderán fomentar a creación e a mellora de montes periurbanos para fins sociais e educativos, e regularán o seu gozo baixo o principio do respecto ao medio natural.
2. A realización de actos, incluíndo os deportivos de motor, que leven consigo unha afluencia de público indeterminada ou extraordinaria, ou de actividades relacionadas co tránsito motorizado, desenvolverase mediante orde e estarán suxeitos ao disposto no correspondente instrumento de planificación, ordenación ou xestión. Na ausencia do dito instrumento, será solicitada a autorización da Administración forestal polo promotor do acto ou da actividade, que deberá acreditar a autorización expresa do titular. O promotor será o responsable de toda incidencia, dano ou prexuízo que poida producirse.
A solicitude de autorización farase cun prazo mínimo de tres meses antes do desenvolvemento do acto ou da actividade. O prazo para outorgar esta autorización administrativa será de dous meses, transcorridos os cales sen que se dite resolución expresa entenderase estimada a solicitude.
Nos montes incluídos na Rede de Espazos Naturais Protexidos de Galicia, así como, en todo caso, na realización de actos relacionados coa caza ou coa pesca fluvial, as autorizacións serán competencia, nos mesmos termos, do órgano competente en materia de conservación da natureza.
3. Deberanse manter os montes limpos de residuos, quedando prohibidos a vertedura ou o abandono de residuos, materiais ou produtos de calquera natureza en montes ou terreos forestais. As persoas responsables das verteduras e do abandono de residuos veranse obrigadas á súa recolla e retirada e á restauración dos terreos afectados, sen prexuízo da indemnización que se poida reclamar polos danos causados. Non terán consideración de residuo os restos forestais producidos como consecuencia das actividades silvícolas. As administracións competentes poderán executar a súa recolla e repercutirán os custos que esta poida ter nas persoas responsables.
4. Para a sinalización, prohíbese cravar ou esgazar con calquera elemento, manual ou mecánico, as árbores de forma tal que se lles produzan dano ou feridas, agás aquelas que se produzan como consecuencia dos labores de sinalamento para o seu posterior aproveitamento.
CAPíTULO III
Dos produtos madeireiros
Sección 1ª Dos aproveitamentos en montes públicos ou de xestión pública
Artigo 89. Alleamentos dos recursos forestais en montes públicos patrimoniais
1. Os alleamentos dos recursos forestais dos montes patrimoniais das administracións públicas terán o réxime seguinte:
a) Nos montes de titularidade da Comunidade Autónoma, realizaranse de acordo co
establecido na súa normativa patrimonial.
b) Nos montes de titularidade dunha entidade local, rexeranse pola súa lexislación es-
pecífica.
Artigo 90. Alleamentos nos montes de xestión pública
1. Nos montes de xestión pública, entendendo por tales aqueles cun contrato temporal de xestión pública a que se refire esta lei, o alleamento realizarase por poxa, procedemento negociado ou alleamento directo, nos termos que se determinen mediante orde da consellaría competente en materia de montes.
2. A realización de aproveitamentos madeireiros esixirá a correspondente licenza de corta e a súa execución rexerase mediante pregos de prescricións técnicas.
Artigo 91. Destino dos rendementos dos alleamentos de madeira en corta final
Nos montes a que se refire esta sección, os alleamentos de madeira en cortas de rexeneración deberán financiar a reforestación da superficie de corta nun prazo máximo dun ano, agás que por motivos técnicos, como a rexeneración natural, non o faga aconsellable ou non estea prevista a dita reforestación no proxecto de ordenación aprobado pola Administración forestal. Para este fin, poderanse realizar dentro do mesmo procedemento administrativo de contratación pública o alleamento da madeira e os traballos de reforestación.
Sección 2ª Dos aproveitamentos en montes de xestión privada
Artigo 92. Dos aproveitamentos madeireiros
1. Os propietarios de montes ou terreos forestais privados que desexen realizar neles aproveitamentos de madeira ou leña terán que solicitar a preceptiva autorización do órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio.
2. Quedan exceptuados da obriga sinalada no punto anterior deste artigo os aproveitamentos para uso doméstico, que necesitarán dunha comunicación á Administración forestal, nos termos que se determinen mediante orde da consellaría competente en materia de montes.
3. Os donos de predios poderán realizar aproveitamentos de masas forestais poboadas das especies que non estean incluídas no anexo 1 desta lei, e que non formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección, e executar cortas a feito, rareos ou entresacas, presentando a pertinente solicitude ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio, cunha antelación mínima de quince días ao comezo do aproveitamento. Transcorrido o prazo sen contestación, entenderase concedida a autorización solicitada. Se a contestación for negativa, deberá xustificarse.
En masas que cumpran cos requirimentos descritos no parágrafo anterior e inclúan pés nunha proporción reducida de especies incluídas no anexo 1, poderase admitir o seu aproveitamento coa mesma solicitude segundo as condicións que se determinen mediante orde da consellaría competente en materia de montes.
4. No suposto de que os montes ou terreos forestais estean poboados con especies do anexo 1, ou formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección, a resolución relativa á autorización de corta deberá ditarse no prazo de corenta e cinco días, que se contarán desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver.
Recibida a solicitude de autorización, o órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio requirirá os pertinentes informes das administracións sectoriais correspondentes. Transcorridos vinte días desde que este órgano solicite os ditos informes, entenderase que son positivos de non haber contestación expresa, sen prexuízo do establecido no artigo 25.4 do Real decreto lexislativo 1/2001, do 29 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, polo que se continuará coa tramitación da autorización solicitada.
5. Nos montes ordenados, cando a corta se faga de acordo co instrumento de ordenación ou de xestión aprobado, non se precisará autorización, e abondará a notificación á Administración forestal cunha semana de antelación ao inicio dos traballos. Cando os aproveitamentos non se axusten ao previsto no instrumento de ordenación ou de xestión, o propietario solicitará, de maneira xustificada, a autorización á Administración forestal. A denegación ou o condicionamento do aproveitamento producirase no prazo de quince días mediante resolución motivada; transcorrido o dito prazo sen contestación, entenderase concedida a solicitude. A Administración forestal poderá esixir a modificación do instrumento de ordenación ou de xestión con posterioridade ao aproveitamento.
6. As persoas físicas ou xurídicas que, en lugar do seu titular, realicen a xestión ou o aproveitamento dos montes ou dos terreos forestais poderán solicitar as autorizacións, ou facer as comunicacións ou notificacións sinaladas neste artigo, cando xustifiquen debidamente a súa representación.
7. As cortas de policía, os rareos e os demais tratamentos silvícolas sen aproveitamento comercial non requirirán comunicación nin autorización da administración competente.
8. O prazo máximo para a realización dun aproveitamento será de doce meses, contados desde a data de notificación da autorización ou desde a data en que se considere outorgada esta por silencio administrativo.
9. Cando se demore a execución dun aproveitamento por causas non imputables ao seu titular ou á empresa que o leve a cabo, o prazo para a realización dos aproveitamentos forestais a que se refire o punto anterior poderase prorrogar, logo da solicitude xustificada, por un único prazo, que en ningún caso poderá superar o da concesión inicial.
10. En relación cos aproveitamentos en zonas afectadas por unha expropiación, será suficiente que o órgano expropiante envíe unha comunicación ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio. A zona expropiada deberá ser sinalizada polo órgano expropiante ou polo afectado, por instancia deste órgano.
11. Nas cortas de arboredo de obrigada execución, de acordo co establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, será suficiente unha comunicación ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio.
12. A Administración forestal simplificará os procedementos administrativos, tales como a regulación mediante orde da consellaría competente en materia de montes dunha autorización compartida de diferentes propietarios de montes particulares, e impulsará o emprego dos servizos de atención telemáticos e a administración electrónica.
Artigo 93. Aproveitamentos en masas consolidadas de frondosas autóctonas
1. A Administración forestal rexistrará aquelas masas de frondosas do anexo 1 cunha superficie en couto redondo de polo menos 15 hectáreas e cunha idade media de polo menos vinte anos. Quedan excluídas as plantacións forestais.
2. Co obxecto de asegurar a súa sustentabilidade, precisarán, para o seu aproveitamento, dispoñer dun documento compartido de xestión aprobado pola Administración forestal.
3. A Administración forestal promoverá e fomentará a agrupación dos propietarios forestais das masas obxecto deste artigo, co fin de facilitar a planificación e a execución da súa axeitada xestión.
Artigo 94. Aproveitamentos nas zonas de servidume e de policía de dominio público
1. Calquera aproveitamento forestal que se produza na zona de servidume de dominio público non forestal non requirirá autorización do órgano forestal, sen prexuízo das autorizacións preceptivas por outra normativa que lle sexa aplicable.
2. Nos terreos forestais incluídos na zona de policía de dominio público, excluídos os referidos no punto anterior, cando unicamente sexa necesaria a autorización da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou de entidades públicas instrumentais dependentes dela, a solicitude de autorización terá en conta o seguinte:
a) Se os terreos forestais contan cun instrumento de ordenación ou de xestión forestal
aprobado pola Administración forestal, aplicarase o disposto no artigo 81.3 desta lei.
b) Cando carezan do dito instrumento de ordenación ou de xestión aprobado, aplicarase o disposto no artigo 92.4 desta lei.
3. Para aqueles terreos forestais incluídos na zona de policía de dominio público, excluídos os referidos no punto 1 deste artigo, cuxo dominio público estea adscrito a administracións públicas distintas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a Administración forestal autonómica promoverá acordos para acadar procedementos de colaboración tendentes a conseguir o mesmo procedemento e resultados descritos no punto anterior.
Artigo 95. Da biomasa forestal
1. A realización dos aproveitamentos madeireiros implicará a extracción ou a trituración da biomasa forestal residual, agás por dificultades de mecanización xustificadas, por motivos ambientais, orografía ou condicións de pluviometría que supoñan risco de erosión, ou aqueloutras que se determinen mediante orde da consellaría competente en materia de montes.
2. A Administración forestal, en aplicación de políticas dirixidas á redución paulatina no uso de combustibles fósiles con fins enerxéticos, e considerando o papel da biomasa como fonte de enerxía alternativa con emisións neutras de dióxido de carbono, regulará os aproveitamentos da biomasa forestal, cando proceda de cultivos enerxéticos forestais, de restos de aproveitamentos forestais e doutras operacións silvícolas nas masas forestais, para utilizarse como combustible principal.
3. O aproveitamento de biomasa forestal procedente de superficies declaradas como cultivo enerxético forestal requirirá a notificación á Administración forestal con quince días de antelación.
4. O control e o seguimento do aproveitamento da biomasa forestal exerceranse co fin de comprobar e garantir a fiabilidade dos sistemas de rastrexabilidade implantados polos xestores de biomasa.
5. O aproveitamento da biomasa forestal realizarase seguindo criterios de sustentabilidade e a regulación do aproveitamento da biomasa forestal garantirá a conservación da biodiversidade, a estabilidade dos solos, facilitando o desenvolvemento dos ciclos ecolóxicos, a valorización integral dos montes nos seus usos e aproveitamentos e a súa compatibilidade coas actividades tradicionais da industria forestal galega, como doutros sectores tradicionais.
6. A Xunta de Galicia promoverá políticas relacionadas coa compostaxe e coa eficiencia enerxética, tales como a instalación e o uso de caldeiras de biomasa forestal en procesos industriais e domésticos.
TíTULO V
Das infraestruturas forestais
Artigo 96. Construción de infraestruturas públicas non forestais
1. Os proxectos de construción de infraestruturas alleas á xestión dos montes articularanse de xeito que, sempre que sexa posible, non afecten ou teñan a menor incidencia nos montes, nomeadamente nos montes de utilidade pública, protectores, veciñais en man común e montes con instrumentos de ordenación e de xestión forestal aprobados pola Administración forestal.
2. A administración que elabore un instrumento de planificación que inclúa infraestruturas que teñan que instalarse en montes ou en terreos forestais deberá solicitar informe preceptivo da Administración forestal, previamente á súa aprobación. No caso de tratarse de montes de dominio público ou protectores, este informe será preceptivo e vinculante.
3. As infraestruturas públicas situadas en terreos forestais ou que atravesen áreas forestais deberán proxectarse e executarse tendo en conta os criterios establecidos na Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, especialmente no que se refire a facilitar os traballos de control da biomasa combustible.
Artigo 97. Da incidencia da normativa urbanística en materia de infraestruturas forestais
Para os efectos do disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia:
a) As vías de saca temporais para a actividade de extracción de madeira, independente-
mente da súa lonxitude, e os accesos para a prevención e defensa contra o lume non terán a consideración de vías ou camiños públicos.
b) Os cargadoiros temporais de madeira en rolo non serán considerados depósitos de
produtos inflamables nin de materiais, para os efectos do artigo 28 da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e do artigo 33.1.d) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.
c) A utilización de maquinaria forestal para realizar un aproveitamento ou un labor en terreo forestal non será constitutiva, en ningún caso, do suposto de estacionamento.
Artigo 98. Pistas forestais
1. Todo camiño de tránsito rodado de titularidade pública ou privada, fóra da rede de estradas, vinculado á xestión forestal e situado en solo rústico de protección forestal terá a consideración de pista forestal, e quedará adscrito á xestión agroforestal, e, en ningún caso, terá a consideración de acceso rodado público para os efectos previstos na lexislación urbanística.
2. A circulación con vehículos de motor por pistas forestais que non sexan de uso público ou situadas fóra da rede de estradas quedará limitada:
a) Ás servidumes de paso a que houber lugar, e non se poderá facer en actitude de
condución deportiva.
b) Á xestión agroforestal, incluída a actividade cinexética e piscícola.
c) Aos labores de vixilancia e extinción das administracións públicas competentes.
Queda prohibida a circulación motorizada campo a través, por sendeiros, por devasas ou por vías de saca de madeira, agás para aqueles vehículos vinculados á xestión agroforestal, incluída a actividade cinexética e piscícola, á prevención e defensa contra incendios forestais, aos labores de vixilancia e tutela propios das administracións públicas e aos eventos e ás actividades que fosen autorizados pola Administración forestal consonte o artigo 88 desta lei.
3. Os titulares das pistas forestais, tras a autorización da Administración forestal, poderán regular o tránsito aberto motorizado polas pistas forestais que se atopen fóra da rede de estradas e non formen parte das servidumes de paso, mediante a súa sinalización, sen prexuízo do disposto na lexislación en materia de prevención e defensa contra incendios forestais. O usuario será, en todos os casos, o responsable dos danos ou prexuízos que se poidan ocasionar, tanto a si mesmo como a terceiros, na súa utilización. Nos casos de realización de eventos e actividades culturais e deportivos alleos á propiedade que se desenvolvan mediante o tránsito motorizado polas ditas pistas, deberase contar coa autorización expresa por parte do titular, segundo o disposto no artigo 88 desta lei.
4. Toda obra de reforma, modificación, transformación ou renovación das pistas forestais principais non poderá alterar nin limitar o seu carácter prioritario agroforestal, agás autorización expresa da Administración forestal.
5. As características e as esixencias construtivas das pistas forestais principais, viradoiros e parques de madeira serán establecidas pola Administración forestal mediante orde da consellaría competente en materia de montes, e responderán á necesidade e á viabilidade dos requirimentos de amoreamento e transporte dos produtos forestais e do acceso aos montes da maquinaria forestal, minimizando o impacto sobre a paisaxe, os ecosistemas forestais de gran valor e a erosión e axustándose sempre que sexa posible á rede viaria existente.
6. Os sendeiros, as devasas e as vías de saca de madeira de carácter temporal non terán a consideración de pistas forestais.
7. A construción de pistas, camiños ou calquera outra infraestrutura permanente en montes ou terreos forestais, cando non estea prevista no correspondente instrumento de ordenación ou de xestión forestal, requirirá da súa modificación, de acordo co establecido no artigo 82 desta lei.
8. Os instrumentos de ordenación ou de xestión forestal preverán a recuperación ou a rexeneración da cuberta vexetal dos camiños forestais, devasas, faixas, parques de madeira ou calquera outra infraestrutura abandonada no medio forestal, co fin de evitar a súa progresiva degradación e facilitar a súa integración no ecosistema forestal.
TíTULO VI
Da cadea monte-industria
Artigo 99. A cadea monte-industria
1. Enténdese por cadea monte-industria o conxunto do sector forestal que integra a propiedade forestal, a silvicultura, a investigación forestal, a provisión de material forestal de reprodución, a prestación de servizos forestais, a execución de aproveitamentos, a comercialización e a primeira transformación, na cal se inclúen as actividades de serra, chapa, taboleiros, pasta de celulosa e cortiza, así como as restantes que transformen produtos forestais procedentes dos montes galegos, exceptuando as industrias dedicadas á transformación de produtos agroalimentarios.
2. A Administración forestal prestará especial apoio ao fortalecemento da cadea monteindustria, mediante:
a) O fomento das relacións entre o sector da produción forestal e o industrial dedicado á transformación dos produtos forestais.
b) A promoción de convenios de colaboración entre centros de investigación forestais
ou institucións, tanto públicas como privadas, as empresas do sector e os produtores forestais, que permitan a transferencia axeitada de tecnoloxía e a modernización e a mellora dos procesos de produción, transformación e comercialización.
3. A Administración forestal articulará mecanismos co fin de acadar a integración das producións forestais de natureza alimentaria no seguinte elo produtivo da cadea agroalimentaria.
Artigo 100. Mesa da Madeira
1. Créase a mesa da madeira como un órgano colexiado de representación sectorial que estará integrado pola Administración autonómica, polas organizacións de propietarios forestais, polas organizacións das empresas de servizos e produtos forestais e polas organizacións das empresas e industrias de transformación de produtos forestais leñosos.
2. Son funcións da Mesa da Madeira:
a) Promover as relacións entre os sectores de produción, comercialización e transfor-
mación da madeira e da biomasa forestal.
b) Realizar unha análise e un seguimento periódicos dos mercados da madeira, da pro-
dución e das necesidades da industria forestal.
c) Intercambiar información actualizada sobre o estado fitosanitario das masas forestais
galegas e sobre as medidas fitosanitarias de loita e de prevención.
d) Propoñer liñas de fomento e mellora no sector da madeira, así como liñas prioritarias de investigación, planificación e actuación en materia da prevención e loita contra pragas e doenzas forestais.
e) Promover e divulgar o uso da madeira como material renovable e respectuoso co
medio ambiente e dar a coñecer a súa contribución á loita contra o cambio climático.
f) Calquera outra que se determine na súa normativa organizativa.
3. A organización, o funcionamento e a composición da Mesa da Madeira determinaranse regulamentariamente mediante orde.
Artigo 101. Outras mesas sectoriais de produtos do monte
A Administración forestal impulsará e creará as mesas sectoriais que coide pertinentes para o fomento, a promoción e a mellora doutras producións forestais.
Artigo 102. Rexistro de Empresas do Sector Forestal
1. Créase o Rexistro de Empresas do Sector Forestal, no que se inscribirán as cooperativas, as empresas e as industrias forestais, tanto das que realizan traballos forestais nos montes galegos como das industrias forestais con sede social na Comunidade Autónoma, incluíndo nestas as de serra, chapa, taboleiros, pasta, papel, biomasa forestal, pellets, cortiza, cogomelos, plantas aromáticas, pequenos froitos, castaña e as que fagan aproveitamento doutros recursos forestais, segundo esta lei.
2. A consellaría competente en materia de montes será a responsable da levanza do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.
3. Regulamentariamente determinaranse a organización, o contido e o funcionamento do rexistro a que fai referencia este artigo, así como as condicións que deban cumprir as empresas e as industrias para poder ser inscritas e a coordinación con outros rexistros de carácter estatístico ou industrial.
Artigo 103. Estatística forestal galega
1. As cooperativas, as empresas de servizos, as de aproveitamentos dos diferentes recursos forestais, as industrias de primeira transformación forestal e as gandarías que sexan titulares de aproveitamentos de terreos forestais subministrarán anualmente á consellaría competente en materia de montes, para efectos estatísticos, a información relativa á súa actividade, en particular a relacionada co consumo de produtos forestais e coa produción, transformación e comercialización dos produtos forestais e co emprego.
2. Independentemente da súa natureza forestal, os terreos forestais que sexan obxecto de cambio de actividade, tal como se recolle no artigo 60 desta lei, ou cuxo aproveitamento principal sexa de pastos ou aqueles terreos dedicados á produción de froitos para a alimentación humana ou gandeira poderán figurar, para efectos estatísticos e de elixibilidade en materia de axudas relativas ao desenvolvemento rural, como superficie agraria útil. No procedemento de inclusión na dita superficie será preceptivo e vinculante o informe do órgano forestal competente en materia de montes.
3. A consellaría competente en materia de montes elaborará e publicará periodicamente os datos estatísticos do sector forestal necesarios para avaliar a evolución dos sectores de produción, servizos e transformación, tanto públicos como privados. A Administración xeral do Estado será informada do recollido no dito rexistro.
Artigo 104. Comercio responsable de produtos forestais
1. A Xunta de Galicia adoptará as medidas oportunas para evitar a comercialización da madeira e dos produtos derivados procedentes de cortas ilegais en bosques naturais de terceiros países, así como de cortas non autorizadas ou non respectuosas cos principios de xestión forestal sustentable.
2. Os operadores inscritos en sistemas que inclúan a verificación de conformidade dun terceiro independente da xestión forestal sustentable, tales como os procesos de certificación forestal e cadea de custodia, ou aqueles inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal, entenderase que dispoñen dun sistema de due diligence para a avaliación e a minimización de risco de entrada nos mercados de madeira e de produtos de madeira procedentes de cortas ilegais.
3. Para tal fin, a Administración forestal manterá un sistema de supervisión baseado no control e no seguimento da orixe dos aproveitamentos madeireiros que se realicen en Galicia, mediante a información subministrada polas comunicacións e polas autorizacións dispostas nos artigos 92, 93 e 94 desta lei. Así mesmo, mediante o Rexistro de Empresas do Sector Forestal, a Administración forestal poderá realizar os controis oficiais pertinentes ás empresas de aproveitamento e comercialización da madeira e dos produtos da madeira, avaliando os riscos e propoñendo accións correctivas cando sexa necesario.
4. A Xunta de Galicia, mediante campañas de divulgación, fomentará o consumo responsable dos produtos forestais.
Artigo 105. Certificación forestal
1. A consellaría competente en materia de montes promoverá a difusión e a implantación dos sistemas de certificación forestal recoñecidos e validados polos mercados nacionais e internacionais.
2. A Administración forestal velará por que os sistemas de certificación forestal recollan adecuadamente a estrutura da propiedade dos montes e as peculiaridades da cadea monte-industria en Galicia.
3. A Xunta de Galicia promoverá a utilización dos produtos forestais certificados, en especial a madeira, e fomentará o seu uso como elemento estrutural na construción pública. Ademais, incentivará a implantación de sistemas de certificación forestal nos montes privados, entendendo que aqueles montes que posúan o dito certificado se considerarán superficies forestais de alto valor natural para os efectos previstos en materia de axudas relativas ao desenvolvemento rural.
4. Nos montes públicos ou xestionados pola Administración forestal, promoverase a certificación da xestión forestal sustentable mediante sistemas internacionalmente recoñecidos ou validados polas correspondentes entidades de normalización, seguindo na súa elección os criterios de non discriminación e a demanda dos mercados.
TíTULO VII
Extensión forestal
CAPíTULO I
Educación
Artigo 106. Da educación
Co fin de promover unha adecuada cultura forestal na educación primaria e secundaria, a consellaría competente en materia de montes, en cooperación coa consellaría competente nas ensinanzas de tales etapas educativas, impulsará o coñecemento da realidade do monte adecuado ás diferentes idades, así como dos beneficios que a sociedade recibe do monte en forma de servizos, recursos e aproveitamentos forestais, e especialmente respecto das características propias e singulares do monte galego, como o monte veciñal en man común, o funcionamento das comunidades de montes e os seus valores.
CAPíTULO II
Formación e divulgación
Artigo 107. Formación
A Xunta de Galicia, co fin de contribuír ao desenvolvemento e á promoción dos aspectos sociolaborais do sector forestal e ao fomento do emprego, con especial atención ás poboacións rurais e ás mulleres, en colaboración con outras administracións públicas e cos axentes sociais representativos, actuará nos seguintes ámbitos:
1. Impulsará a formación das persoas propietarias e silvicultores, con especial atención aos propietarios de montes particulares e ás comunidades de montes veciñais, de acordo cos criterios de xestión forestal sustentable. Nos labores de formación fomentarase a participación das universidades, organizacións, entidades e asociacións profesionais do sector.
2. Desenvolverá, de forma continuada, actividades tendentes a incrementar a formación técnica dos profesionais no sector forestal, colaborando no fomento da formación profesional e no desenvolvemento de ensinanzas de grao medio e superior de formación profesional inicial, coa máxima participación dos centros de formación profesional e das universidades en que se imparten titulacións forestais.
3. Articulará programas de reciclaxe, perfeccionamento e actualización dos coñecementos das persoas que traballan no sector forestal, prestando especial atención á prevención de riscos laborais e á saúde laboral.
Artigo 108. Programas de divulgación
1. A consellaría competente en materia de montes, en colaboración con outras administracións públicas e cos axentes sociais representativos, promoverá o establecemento de programas de divulgación orientados a concienciar o conxunto da sociedade da importancia do monte galego como fonte de recursos naturais renovables e do sector forestal de Galicia como piar básico do desenvolvemento rural.
2. Para os efectos previdos neste artigo, a consellaría competente en materia de montes poderá formalizar convenios de colaboración con universidades, centros de investigación, colexios profesionais, empresas e asociacións do sector forestal, outras administracións públicas e demais entidades vinculadas ao fomento forestal.
3. Para fomentar o uso educativo do monte e dar a coñecer a diversidade dos seus usos, a consellaría competente en materia de montes elaborará un plan de divulgación forestal.
CAPíTULO III
Da investigación e da transferencia
Artigo 109. Investigación
A Administración forestal, no eido da investigación forestal, realizará as seguintes actuacións:
a) O impulso, así como o desenvolvemento, se for o caso, das actividades de investi-
gación forestal en programas de coñecemento do medio forestal, da mellora xenética e silvícola e da protección forestal, así como calquera outra que poida contribuír á mellora e ao desenvolvemento do sector.
b) A coordinación con outras administracións públicas e institucións na identificación das necesidades do sector forestal de Galicia, para efectos da súa inclusión nos plans nacionais e autonómicos de investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica.
c) A colaboración na promoción da investigación forestal co sistema universitario de Ga-
licia e con outras universidades e centros de investigación, públicos e privados.
d) A colaboración con outras institucións, públicas ou privadas, no eido da investigación
forestal, en particular coas plataformas tecnolóxicas galegas relacionadas co forestal.
Artigo 110. Transferencia da información, dos materiais e dos resultados
1. A información, os materiais e os resultados dos programas e dos proxectos de investigación executados con financiamento público deberán ser presentados e transferidos aos axentes públicos e privados do sector forestal.
2. A Administración forestal establecerá un sistema de transferencia da información ao sector forestal, que desenvolverá regulamentariamente.
3. A Administración forestal promoverá o uso das ferramentas e das novas tecnoloxías co fin de acadar a máxima difusión posible, dunha forma accesible e áxil, da información, dos materiais e dos resultados dos programas e dos proxectos de investigación.
TíTULO VIII
Dos recursos xenéticos forestais
CAPíTULO I
Da mellora xenética e do material forestal de reprodución
Artigo 111. Da conservación e da mellora dos recursos xenéticos forestais
1. A Administración forestal adoptará as medidas pertinentes para a conservación e a mellora dos recursos xenéticos forestais, co fin de:
a) Conservar o acervo xenético forestal.
b) Subministrar material forestal de reprodución mellorado.
c) Obter material forestal resistente a pragas e doenzas forestais.
d) Mellorar a produción dos produtos forestais madeireiros e non madeireiros en canti-
dade e calidade.
2. A Administración forestal colaborará con outras administracións públicas na elaboración e no desenvolvemento dos programas de ámbito estatal ou europeo que promovan a mellora xenética e a conservación dos recursos xenéticos forestais e na determinación das rexións de procedencia dos materiais forestais de reprodución.
Artigo 112. Do material forestal de reprodución
1. A Administración forestal autorizará os materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución identificados, seleccionados, cualificados e controlados que se obteñan en Galicia, os cales se inscribirán no Rexistro de materiais Forestais de Reprodución a que fai referencia o artigo 126 desta lei.
2. Os materiais forestais rexistrados como materiais de base de Galicia terán a consideración de interese xeral, e a Administración forestal poderá acceder a eles, calquera que sexa a titularidade dos terreos onde se atopen, segundo o procedemento que se estableza regulamentariamente.
3. A Administración forestal, co fin de incrementar a subministración de material mellorado de reprodución, creará unha rede de parcelas de alto valor xenético, que se situarán, de maneira preferente, nos terreos forestais de titularidade pública da Comunidade Autónoma de Galicia e nas cales se realizará unha silvicultura dirixida á conservación in situ de recursos xenéticos das principais especies forestais.
4. O material forestal empregado nas repoboacións forestais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia deberá ter como orixe a rexión de procedencia en que se inclúa a superficie que se vai repoboar ou, excepcionalmente, poderá facerse con material procedente doutras rexións de procedencia, sempre que este material sexa dunha categoría superior, logo da autorización da Administración forestal, que poderá solicitar xustificación da idoneidade e da capacidade de adaptación do dito material forestal. Se transcorrido o prazo dun mes desde a solicitude non se obtén contestación, entenderase concedida a autorización solicitada.
CAPíTULO II
Dos entes provedores de material forestal de reprodución
Artigo 113. Entes provedores de material forestal de reprodución
1. A consellaría competente en materia de montes promoverá o desenvolvemento dos entes provedores de material forestal de reprodución.
2. A consellaría competente en materia de montes inscribirá os entes provedores de material forestal con domicilio en Galicia ou fóra de Galicia pero con instalacións fixas na Comunidade Autónoma no Rexistro de Empresas do Sector Forestal recollido nesta lei.
3. A Administración forestal articulará un sistema de control para que os materiais de reprodución procedentes de unidades de admisión individuais ou de lotes sexan claramente identificables durante todo o proceso. Para tal efecto, os entes provedores do dito material forestal estarán obrigados a facilitar toda a información necesaria anualmente e a prestar a súa colaboración aos representantes da consellaría competente en materia de montes.
4. As actividades de comercialización feitas polos provedores de material forestal esixirán a expedición de documentos nos que se consigne, polo menos, a especie, o número de certificado patrón, o número de unidades vendidas e a identificación das persoas receptoras do material, así como aqueloutra información esixida pola lexislación aplicable.
Cando o destino do material sexa alleo á Comunidade Autónoma, deberase comunicar á Administración forestal os datos da dita comercialización.
5. Os requisitos para a implantación, a inscrición e o manexo dos campos de plantas nai de Galicia desenvolveranse regulamentariamente.
TíTULO IX
Pragas, enfermidades forestais e defensa fitosanitaria
Artigo 114. Marco xurídico da sanidade forestal
1. No que atinxe á prevención e á loita contra pragas e enfermidades forestais, ao Rexistro de Produtos Fitosanitarios que se utilizarán nos montes e á introdución e á circulación de plantas e produtos forestais de importación, así como a calquera outro aspecto da sanidade forestal, aplicarase o establecido na lexislación en materia de sanidade vexetal.
2. A autoridade sanitaria competente en materia forestal correspóndelle á consellaría competente en materia de montes.
Artigo 115. Declaración de pragas ou enfermidades forestais
1. A consellaría competente en materia de montes poderá declarar a existencia dunha praga ou enfermidade forestal, así como ditar as medidas e os tratamentos fitosanitarios obrigatorios para o control e a loita contra a praga e delimitar a zona afectada, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos, ao abeiro do establecido na Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, ou norma que a substitúa.
2. A declaración dunha praga ou enfermidade forestal, que terá carácter de interese público, implica a obrigatoriedade do seu tratamento polos titulares ou polos xestores dos montes afectados.
3. Para a execución de traballos de prevención, control e loita contra enfermidades e pragas, a consellaría competente en materia de montes poderá formalizar convenios de colaboración con persoas físicas ou xurídicas, con outras administracións públicas, con titulares ou xestores de montes e con calquera outra organización representativa do sector forestal.
4. A consellaría competente en materia de montes prestará asesoramento técnico ás organizacións representativas do sector forestal para o control e a loita contra pragas e enfermidades forestais.
Artigo 116. Actuacións da Administración forestal
1. A Administración forestal, no marco das súas competencias e baseada en métodos de loita integrada, velará pola protección dos montes cun servizo de avisos de enfermidades e pragas forestais, promovendo as medidas de prevención, protección e tratamento, tanto silvícolas como sanitarias, que favorezan a súa vitalidade e a utilización de axentes biolóxicos que impidan o incremento das poboacións de axentes nocivos.
2. Corresponde á Administración forestal, no marco das súas competencias:
a) A localización de focos, o seguimento e a inspección do estado sanitario das masas
forestais e o estudo dos axentes nocivos, pragas e enfermidades forestais en Galicia.
b) A regulación, a promoción e, se for o caso, a execución das medidas de prevención, erradicación e control dos axentes nocivos que se consideren oportunas.
c) A execución subsidiaria, respecto dos titulares ou dos xestores dos montes afectados,
do tratamento das pragas ou enfermidades forestais.
3. A Administración forestal, de forma xustificada, poderá realizar tratamentos de loita integrada, logo de comunicalo a través do servizo de avisos de enfermidades e pragas forestais da páxina web da consellaría competente en materia de montes, sen que sexa necesaria a declaración de praga ou enfermidade, e promoverá fórmulas de colaboración e difusión coas asociacións de propietarios forestais e con outros departamentos e administracións públicas.
Artigo 117. Obrigas dos titulares de montes e dos xestores forestais
1. As persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, titulares ou xestores de montes terán a obriga de:
a) Vixiar e manter en bo estado fitosanitario as masas forestais da súa titularidade ou
xestión.
b) Extraer aquelas plantas ou produtos forestais que, pola súa sintomatoloxía, poidan
constituír un risco de praga ou enfermidade.
c) Comunicar ao órgano que corresponda da consellaría competente en materia de montes toda aparición atípica de organismos nocivos ou de síntomas de enfermidade nas súas masas forestais.
d) Eliminar ou extraer do monte, cando tecnicamente sexa posible, os restos dos tra-
tamentos silvícolas ou dos aproveitamentos forestais que supoñan un risco pola posible aparición de pragas ou enfermidades forestais.
e) Executar ou facilitar a realización das medidas fitosanitarias que a consellaría com-
petente en materia de montes determine como consecuencia da declaración de existencia oficial dunha praga ou enfermidade forestal.
2. No caso de incumprimento do disposto no punto anterior, a consellaría competente en materia de montes poderá notificar, de oficio ou por instancia de parte, ás persoas responsables a súa obriga, advertíndoas da posibilidade de execución subsidiaria á súa custa no caso de incumprimento e sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda.
3. As persoas titulares de centros de produción e comercialización de material forestal de reprodución, así como os centros de transformación e almacenaxe de produtos de madeira, deberán cumprir coa lexislación en materia de sanidade vexetal vixente co obxecto de evitar a entrada e a transmisión de axentes patóxenos nocivos.
Artigo 118. Seguimento e controis
1. A Administración forestal impulsará e manterá actualizada unha rede de detección e seguimento das pragas, enfermidades e outros axentes nocivos que actúen sobre os ecosistemas forestais que permita avaliar o estado sanitario das masas forestais da Comunidade Autónoma.
2. Co fin de evitar a propagación de pragas ou enfermidades, a consellaría competente en materia de montes someterá a control fitosanitario os centros de produción e comercialización de material forestal de reprodución, así como aquelas instalacións destinadas á produción ou á comercialización de produtos forestais, e, de ser necesario, procederá á inmobilización e á destrución dos produtos existentes nas ditas instalacións, nos termos establecidos no marco xurídico vixente.
TíTULO X
Fomento forestal
CAPíTULO I
Disposicións xerais
Artigo 119. Das accións de fomento forestal
1. A Administración forestal desenvolverá accións de fomento do sector forestal co fin de promover o desenvolvemento sustentable dos montes galegos, baseándose no cumprimento dos obxectivos dos instrumentos de planificación, ordenación e xestión forestal, a conservación dos recursos xenéticos, o asociacionismo, a constitución de agrupacións de propietarios forestais, a mellora da xestión e o deslindamento dos montes veciñais en man común, a contribución dos montes na fixación da poboación no rural e na conservación da biodiversidade, a mellora da xestión, da ordenación e da produtividade forestal, a promoción do uso dos produtos forestais, a biomasa forestal como fonte de enerxía e a madeira como material renovable, así como a comercialización dos produtos do monte e do seu papel como sumidoiros de carbono.
2. Promoverase e fomentarase a implantación do seguro forestal.
Artigo 120. Medidas de fomento
As medidas de fomento poderán consistir en:
1. Investimentos directos, a fondo perdido ou reintegrables.
2. Subvencións, entendéndose como tales a percepción de axudas públicas en concepto de gasto compartido de investimento ou mantemento dirixidas á xestión forestal sustentable.
3. Créditos bonificados, que poderán ser compatibles con subvencións e incentivos.
4. Calquera outra que determine a consellaría competente en materia de montes.
Artigo 121. Das prioridades nas medidas de fomento
1. As medidas de fomento que adopte a Administración forestal priorizaranse conforme os seguintes criterios:
a) A xestión forestal sustentable e a certificación forestal.
b) A conservación e a mellora do demanio forestal.
c) A reordenación e a promoción da xestión conxunta da propiedade particular forestal.
d) A posta en valor dos montes veciñais en man común.
e) O reinvestimento forestal dos rendementos do monte.
f) A produción de madeira e doutros produtos forestais de calidade segundo as necesi-
dades do mercado.
2. Para os efectos da aplicación dos criterios enunciados no punto anterior, serán obxecto prioritario de fomento:
a) Os montes inscritos no Catálogo de montes de utilidade pública.
b) Os montes protectores.
c) Os montes veciñais en man común.
d) As sociedades de fomento forestal.
e) Os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.
f) Calquera outra forma de agrupación da propiedade ou da xestión forestal recoñecida
pola Administración forestal.
g) Os montes que dispoñan dun proxecto de ordenación ou dun instrumento de xestión
forestal aprobado.
h) Os montes con certificación de xestión forestal sustentable.
CAPíTULO II
Dos instrumentos de fomento forestal
Artigo 122. Sociedades de fomento forestal
Serán consideradas, para efectos desta lei, como sociedades de fomento forestal aquelas agrupacións que asocian propietarios forestais ou, de ser o caso, persoas titulares de dereitos de uso de parcelas susceptibles de aproveitamento forestal, que ceden os ditos dereitos á sociedade para a súa xestión forestal conxunta. O obxecto, a finalidade, os requisitos e o réxime xurídico destas sociedades rexeranse pola normativa aplicable.
Artigo 123. Contratos temporais de xestión pública
1. A consellaría competente en materia de montes poderá concertar contratos temporais, de carácter voluntario, para a xestión forestal sustentable, nos termos que se determinen regulamentariamente, e que poderán ser subscritos con:
a) Propietarios públicos ou privados de montes protectores.
b) Comunidades de montes veciñais en man común que carezan de recursos econó-
micos e financeiros suficientes e cuxa sustentabilidade económica, social e ambiental non estea garantida.
c) Propietarios de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo que care-
zan de recursos económicos e financeiros suficientes e cuxa sustentabilidade económica, social e ambiental non estea garantida.
d) Propietarios de montes particulares ou as súas agrupacións, en terreos forestais ocu-
pados por masas de alto valor xenético.
e) Propietarios de montes particulares ou as súas agrupacións, en terreos forestais ocupados por formacións significativas de frondosas do anexo 1 de máis de 15 hectáreas en couto redondo.
f) Agrupacións de propietarios de montes particulares naqueles casos en que as espe-
ciais dificultades para a posta en valor e as condicións do monte así o aconsellen.
2. O contido e o réxime xurídico dos contratos temporais de xestión pública serán os que se establezan conforme esta lei, a súa normativa de desenvolvemento e a normativa básica, sen prexuízo da aplicación do texto refundido da Lei de contratos do sector público para todas aquelas actuacións que, derivadas da súa xestión, estean incluídas dentro do seu ámbito de aplicación.
3. A xestión forestal sustentable dos montes con contrato de xestión pública realizarase a través dun proxecto de ordenación forestal, que estará inscrito no Rexistro Galego de Montes Ordenados. A xestión estará avaliada polo menos por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente e validado polas correspondentes entidades de certificación.
4. En calquera caso, manterase informada a entidade propietaria da execución das actuacións recollidas no proxecto de ordenación, así como das incidencias que poidan xurdir na xestión das súas propiedades.
5. Os propietarios que subscriban contratos temporais para a xestión pública dos seus terreos deberán reservar unha cantidade anual en concepto de servizos de xestión.
6. O importe desas cantidades anuais do punto precedente, e o dos investimentos nas obras e nos servizos realizados con cargo aos contratos de xestión pública, compensaranse con cargo aos ingresos obtidos polos aproveitamentos forestais, polos derivados de actos de disposición voluntaria, polos ingresos por expropiación ou por calquera outro ingreso de natureza extraordinaria, logo da aplicación da cota porcentual correspondente.
7. A xestión ou a execución das actuacións forestais poderán ser realizadas pola administración, ben directamente ou por medio dos seus entes instrumentais ben por terceiras persoas físicas ou xurídicas que desempeñen actividade no sector forestal mediante calquera negocio xurídico admitido en dereito.
8. As contas dos contratos de xestión pública actualizaranse anualmente de acordo cos xuros que regulamentariamente se establezan e serán comunicadas nos tres primeiros meses de cada exercicio, por escrito e en detalle, á propiedade.
CAPíTULO III
Do fondo de melloras
Artigo 124. Fondo de melloras
1. Crearase un fondo de melloras para a realización de investimentos de carácter forestal, que se dividirá en tres seccións:
a) Sección de montes catalogados de dominio público.
b) Sección de montes patrimoniais pertencentes á Comunidade Autónoma.
c) Sección de montes que presentan un contrato temporal de xestión pública.
2. O fondo terá carácter finalista, destinándose á xestión forestal sustentable dos montes ou grupos de montes de acordo co proxecto de ordenación forestal aprobado.
3. Os ingresos obtidos polo alleamento dos aproveitamentos forestais despois dun incendio nun monte pertencente a calquera das seccións creadas destinaranse integramente á restauración e mellora deste, agás que existan excedentes logo da restauración; neste caso, aplicarase o disposto nos puntos 4, 5 e 6 deste artigo.
4. As entidades locais titulares dos montes catalogados aplicarán á sección correspondente do fondo de melloras unha contía correspondente ao 40 % do importe polo que se adxudicasen os aproveitamentos forestais, ou dos rendementos obtidos por autorizacións, concesións, servidumes ou outras actividades que se desenvolvan no monte. Esta contía poderá ser acrecentada voluntariamente polas ditas entidades.
5. No caso dos montes catalogados ou patrimoniais dos que sexa titular a Xunta de Galicia, ingresará ao fondo de melloras o 100 % dos aproveitamentos e rendementos a que se refire o punto 4 deste artigo.
6. Para aqueles montes que presenten un contrato temporal de xestión pública serán depositadas as cotas porcentuais fixadas nos contratos subscritos, provenientes dos ingresos obtidos polos aproveitamentos e dos derivados de actos de disposición voluntaria, dos ingresos procedentes de expropiacións ou de calquera outro ingreso de natureza extraordinaria, ata satisfacer as cantidades investidas pola Administración forestal no monte en concepto de anticipos reintegrables e gastos por servizos de xestión, podendo ter como consecuencia a extinción automática do contrato, segundo o desenvolvemento normativo que o regule.
7. Os traballos anuais programados no plan especial dos proxectos de ordenación ou nos plans anuais de melloras teranse que desenvolver con cargo a este fondo ou mediante outras partidas habilitadas para o efecto. Estas partidas poderán ter un tratamento equiparable aos investimentos realizados ao abeiro dos contratos de xestión pública.
8. No fondo de melloras deberanse realizar os asentamentos contables de forma diferenciada segundo a sección correspondente. A Xunta de Galicia terá as facultades de inspección, control e coordinación do fondo mediante a fiscalización das contas dos traballos e dos investimentos realizados anualmente co fondo de melloras.
9. A regulación e o funcionamento do fondo de melloras desenvolveranse regulamentariamente.
Artigo 125. Cotas de reinvestimento en montes veciñais en man común
1. Nos montes veciñais en man común, as cotas mínimas de reinvestimentos en mellora e protección forestal do monte serán as seguintes:
a) Do 40 % de todos os ingresos xerados. En todo caso, os estatutos da comunidade
veciñal de montes poderán fixar unha cota anual de reinvestimentos superior.
b) Do 100 % dos ingresos xerados a partir dos produtos resultantes de incendios fores-
tais, pragas ou temporais, agás que se xustifique documentalmente ante a Administración forestal que non é necesario o dito nivel de reinvestimento nun prazo mínimo de dez anos. No caso de cobertura de seguro forestal, poderán aplicarse outros criterios a través de desenvolvemento regulamentario.
2. Para o cálculo dos ingresos obtidos, haberá que contabilizar non só aqueles que proveñen dos aproveitamentos e servizos forestais senón tamén os derivados de actos de disposición voluntaria, os procedentes de expropiacións forzosas ou calquera outro ingreso de natureza extraordinaria.
3. Estas cotas de reinvestimento deberán investirse primeiramente na redacción ou na actualización do instrumento de ordenación ou de xestión obrigatorio, que deberá ser obxecto de aprobación pola Administración forestal, para a continuación dedicalas aos traballos programados no dito instrumento, para os custos en materia de servizos de xestión que a súa aplicación comporte ou para o seu deslindamento e posterior marcaxe. Só no caso de que os precitados investimentos estean satisfeitos polas cantidades xeradas nos ingresos nunha porcentaxe inferior á establecida no punto 1 deste artigo e cumpran todos os requisitos legais, poderase reducir esta cota mínima, logo da aprobación da Administración forestal.
4. Estes reinvestimentos poderán realizarse ao longo do ano natural en que se obtivo o ingreso en cuestión ou dentro dun período máximo de catro anos contados a partir da finalización do dito ano.
5. Antes de finalizar ese período de catro anos, no caso de que non fose posible a aplicación total do reinvestimento antes indicado, a propiedade poderá presentar á Administración forestal un plan de investimentos plurianual, que deberá conter, cando menos, os traballos programados no instrumento de ordenación ou de xestión forestal ao longo do período de aplicación deste.
6. O plan de investimentos plurianual será aprobado pola asemblea xeral e pola Administración forestal.
7. No primeiro semestre de cada ano natural, a comunidade de montes comunicará ante a consellaría competente en materia de montes a realización da totalidade ou da parte prevista das actuacións incluídas no plan de investimentos para o ano anterior. As comunidades de montes veciñais en man común non poderán ser beneficiarias de axudas públicas mentres non presenten as comunicacións dos investimentos realizados no ano anterior ou, presentadas as comunicacións, estas non se axusten ao establecido nesta lei, sen prexuízo das sancións administrativas correspondentes. A Administración forestal, no seu labor de verificación, poderá requirir á comunidade de montes soporte documental que avale a dita comunicación. O procedemento de comunicación e de verificación será desenvolvido regulamentariamente mediante orde da consellaría competente en materia de montes.
8. Os ingresos sobrantes, unha vez aplicada a cota correspondente e sempre consonte o estipulado neste artigo e segundo acorden os estatutos ou a asemblea xeral, poderanse investir, no todo ou en parte:
a) Na adquisición de montes, que serán cualificados polos respectivos xurados provin-
ciais de montes veciñais en man común como montes veciñais en man común.
b) Na posta en valor do monte veciñal desde o punto de vista social, patrimonial, cultural e ambiental.
c) En obras ou en servizos comunitarios con criterios de repartición proporcional entre
os diversos lugares.
d) Na repartición, total ou parcial, en partes iguais entre todos os comuneiros. No su-
posto de expropiación forzosa, esta repartición, total ou parcial, do importe do prezo xusto será autorizada pola Administración forestal, e a comunidade de montes deberá xustificar o cumprimento do establecido nesta lei.
TíTULO XI
Do sistema rexistral
Artigo 126. Sistema rexistral forestal de Galicia
1. Créase o sistema rexistral forestal de Galicia, como rexistro administrativo de consulta pública adscrito á consellaría competente en materia forestal, no que se inscribirán, como seccións diferenciadas, o conxunto de datos pertencentes aos seguintes rexistros:
a) Catálogo de montes de utilidade pública, no cal se inscriben os montes declarados de
utilidade pública que estean situados dentro do territorio da Comunidade Autónoma.
b) Rexistro de montes Veciñais en man Común, no cal constará unha relación actualiza-
da dos montes veciñais en man común, así como todos os aspectos establecidos na súa normativa específica.
c) Rexistro de montes de Xestión Pública, no cal deberán figurar os montes ou as super-
ficies forestais cuxa xestión sexa responsabilidade da Administración forestal, a través dun contrato temporal de xestión pública.
d) Rexistro de Montes Protectores, no cal se inscribirán os declarados como protectores
de acordo con esta lei.
e) Rexistro de montes Ordenados, no cal se inscribirán os montes e as superficies fo-
restais situados na Comunidade Autónoma que teñan un instrumento de ordenación ou de xestión forestal aprobado pola consellaría competente en materia de montes.
f) Rexistro de materiais Forestais de Reprodución, no cal se inscribirán os materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución de Galicia e os campos de plantas nai, e aqueloutros que recolla, ou poida recoller, a normativa de aplicación.
g) Rexistro de Empresas do Sector Forestal, no cal se inscribirán as cooperativas, as so-
ciedades, as empresas e as industrias forestais que desenvolvan a súa actividade forestal na Comunidade Autónoma de Galicia.
h) Rexistro de Cultivos Enerxéticos Forestais, no cal se inscribirán as parcelas en que
se realicen cultivos enerxéticos forestais de acordo coa normativa vixente.
i) Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, no cal se poderán inscribir, por instancia de parte, os terreos forestais nos cales os seus titulares regulen ou prohiban o aproveitamento de pastos, ou de oficio, segundo o estipulado no artigo 86.12 desta lei, sen prexuízo do establecido no artigo 86.2.
j) Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, no cal se inscribirán as sociedades de
fomento forestal recoñecidas pola normativa que as desenvolve.
k) Rexistro de montes de Varas, Abertais, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo, no cal se inscribirán os montes denominados de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo que teñan constituída a xunta reitora ou, na súa falta, unha asemblea constituída.
l) Rexistro de Asociacións e Colexios Profesionais Forestais.
m) Rexistro de masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, onde quedarán rexistra-
das aquelas masas descritas no artigo 93 desta lei.
n) Calquera outro que se determine regulamentariamente.
2. A consellaría competente en materia de montes regulará o funcionamento do sistema rexistral forestal de Galicia, así como os contidos dos diferentes rexistros específicos.
TíTULO XII
Réxime sancionador
CAPíTULO I
Das infraccións
Artigo 127. Concepto
1. Constitúen infraccións administrativas en materia de montes, ademais das tipificadas no artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, as accións ou as omisións tipificadas como infraccións nesta lei, sen prexuízo da aplicabilidade, se é o caso, do establecido noutras normas sectoriais, como son, entre outras, a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; a Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal; a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza; e a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria de Galicia.
2. Os incumprimentos do disposto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento serán sancionables atendendo as disposicións xerais establecidas no título VII da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, sen prexuízo da aplicabilidade das peculiaridades que se recollen neste título XII.
Artigo 128. Infraccións en materia de montes
Ademais das infraccións tipificadas no artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, constitúen infraccións en materia de montes as seguintes:
a) O incumprimento das obrigas de dotación do fondo de melloras esixidas nos artigos 45 e 124 desta lei.
b) O uso ou a realización de actividades de servizos nos montes de dominio público vulnerando as condicións establecidas na preceptiva concesión ou autorización outorgada para o efecto.
c) A vulneración da obriga de suspensión temporal das servidumes nos casos previstos nesta lei cando a dita suspensión fose determinada mediante resolución ou mediante a aprobación do instrumento de ordenación ou de xestión forestal correspondente.
d) A transmisión onerosa de montes sen efectuar a comunicación previa prevista nos
casos recollidos no artigo 56 desta lei ou sen seguir as condicións reflectidas nela.
e) Infraccións en materia de cambios de actividade:
1. A realización de cambios de actividade forestal a agrícola ou de agrícola a forestal sen que se obtivese a preceptiva autorización para aqueles casos en que o esixa esta lei, o incumprimento das condicións previstas na autorización outorgada para o efecto ou o incumprimento do establecido no artigo 61 desta lei.
2. A realización de cambios de actividade forestal a agrícola sen efectuar a preceptiva comunicación para aqueles casos en que o esixa esta lei.
3. A realización de cambios de actividade agrícola a forestal sen efectuar a preceptiva comunicación.
4. A realización de cambios de actividade nun monte veciñal en man común, de carácter non forzoso, sen que se efectuase a modificación do seu instrumento de ordenación ou de xestión forestal e se obtivese a preceptiva aprobación ao respecto da Administración forestal.
f) Realizar a sinalización mediante a acción de cravar ou esgazar con calquera elemen-
to, manual ou mecánico, as árbores, agás os labores de sinalamento para o seu posterior aproveitamento.
g) A ocupación de terreos forestais en montes públicos, montes veciñais en man común, montes protectores e montes particulares mediante instalacións, construcións ou obras feitas sen autorización do seu titular.
h) O incumprimento das medidas de restauración dos montes que estableza a Adminis-
tración forestal con base no artigo 64 desta lei.
i) Infraccións en materia de repoboacións forestais, novas plantacións e cultivos ener-
xéticos:
1. A realización de repoboacións forestais nos solos ou coas especies que estean expresamente prohibidas nesta lei.
2. A realización de reforestacións ou novas plantacións intercaladas co xénero Eucalyptus naquelas superficies poboadas por especies do anexo 1, mesmo con posterioridade ao seu aproveitamento ou á súa afectación por un incendio forestal, ou a realización de novas plantacións co xénero Eucalyptus sen que se obtivese a preceptiva autorización nos casos recollidos nesta lei.
3. O emprego nos cultivos enerxéticos efectuados en territorio forestal de especies non utilizables consonte esta lei e o seu desenvolvemento normativo.
4. A realización de novas repoboacións forestais sen gardar as distancias mínimas establecidas no anexo 2 a outros terreos, construcións, instalacións e infraestruturas.
5. A non adaptación das repoboacións ás distancias sinaladas no anexo 2, no marco do establecido na disposición transitoria décima.
j) A realización, xa sexa inter vivos ou mortis causa, de parcelacións, divisións ou segre-
gacións definitivas voluntarias de terreos cualificados como monte ou terreo forestal, cando o resultado sexan parcelas de superficie inferior a 15 hectáreas.
k) Infraccións relativas ao instrumento de ordenación ou de xestión forestal:
1. A realización de actuacións que supoñan un incumprimento das prescricións previstas por un instrumento de ordenación ou de xestión forestal aprobado pola Administración forestal.
2. A realización de actuacións recollidas nun instrumento de ordenación ou de xestión forestal aprobado pola Administración forestal cando for preceptiva a autorización e non fosen notificadas previamente ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio.
l) Infraccións en materia de pastoreo:
1. A práctica do pastoreo incumprindo o establecido para o efecto no instrumento de ordenación ou de xestión forestal aprobado pola administración ou no plan de aproveitamento silvopastoril, ou, na súa falta, os condicionantes inscritos no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo.
2. A práctica do pastoreo onde estea prohibido ou sen contar co permiso explícito da propiedade.
3. O pastoreo que se realice en zonas de repoboación ou rexeneración natural que fosen obxecto dun peche.
4. O aproveitamento privativo dos pastos nos montes de dominio público sen dispoñer dunha concesión outorgada pola administración titular destes ou incumprindo as condicións establecidas na concesión que lle fose outorgada para o efecto.
m) A realización de actos no monte, incluídos os deportivos de motor, que comporten unha
afluencia de público indeterminada ou extraordinaria, ou de actividades relacionadas co tránsito motorizado, sen estaren recollidos nun instrumento de ordenación ou de xestión forestal ou sen contar coa preceptiva autorización nos termos sinalados no artigo 88 desta lei.
n) A vertedura ou o abandono de residuos, materiais ou produtos de calquera natureza en montes ou terreos forestais, sempre que non sexan restos vexetais triturados.
ñ) Infraccións en materia de aproveitamentos:
1. A realización de aproveitamentos forestais recollidos no artigo 92 desta lei, cando non se dispoña dun instrumento de ordenación ou de xestión forestal aprobado pola administración, sen que se obtivese previamente a preceptiva autorización da Administración forestal para a súa execución nos casos en que esta sexa preceptiva.
2. A realización de aproveitamentos madeireiros ou de biomasa en montes de xestión privada sen cumprir o requisito da comunicación ou notificación previa preceptiva nos casos establecidos nesta lei ou incumprindo os prazos para a súa execución.
3. A realización de aproveitamentos en masas consolidadas de frondosas autóctonas en superficies maiores de 15 hectáreas sen dispoñer dun instrumento de ordenación ou de xestión forestal aprobado pola administración.
4. A realización de aproveitamentos madeireiros sen extracción ou trituración da biomasa forestal residual, agás nos casos establecidos nesta lei.
5. A realización en montes de xestión pública de aproveitamentos madeireiros sen proverse da correspondente licenza de corta ou de calquera outro instrumento disposto nos pregos de prescricións técnicas, así como non rexerse o adxudicatario ao cumprimento de todas as obrigas e os requirimentos establecidos para a execución dos aproveitamentos en montes de xestión pública.
o) A falta de solicitude de informe preceptivo establecido no artigo 96.2 desta lei.
p) Infraccións en materia de pistas forestais:
1. A circulación con vehículos de motor por pistas forestais que estean debidamente sinalizadas e que non sexan de uso público ou estean situadas fóra da rede de estradas e non formen parte das servidumes de paso, cando esta non se faga consonte as limitacións ou a autorización requiridas nos artigos 98.2 e 88.
2. A circulación motorizada campo a través, por sendeiros, por devasas ou por vías de saca de madeira, agás para aqueles vehículos vinculados á xestión agroforestal, prevención e defensa contra incendios forestais, aos labores de vixilancia e tutela propios das administracións públicas e aos eventos e ás actividades que fosen autorizados pola Administración forestal consonte o artigo 88.
3. A execución de obras de reforma, modificación, transformación ou renovación de pistas forestais principais que limiten ou supoñan unha perda da prioridade da súa actividade agroforestal sen autorización expresa da Administración forestal.
q) Infraccións en materias referentes aos materiais forestais:
1. Non facilitar anualmente á administración os datos relativos á súa actividade polas cooperativas, entes provedores de material forestal de reprodución, empresas e industrias forestais inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal.
2. O emprego sen autorización da Administración forestal de materiais de base para a produción de materiais forestais de produción identificados, seleccionados, cualificados e controlados que se obteñan en Galicia.
3. A falta de inscrición no Rexistro de materiais Forestais de Reprodución dos materiais de base para a produción de materiais forestais de produción identificados, seleccionados, cualificados e controlados que se obteñan en Galicia.
4. O emprego nas repoboacións forestais de material forestal sen a obtención da autorización da Administración forestal nos casos en que esta sexa preceptiva, segundo o disposto nesta lei.
5. A realización de actividades de comercialización por parte dos provedores de material forestal sen a expedición de documentos nos que se consignen os datos previstos nesta lei.
6. A negativa por parte do provedores de material forestal a prestar a súa colaboración aos representantes da consellaría competente en materia de montes, en aplicación do sistema de control articulado pola Administración forestal.
7. A falta de comunicación á Administración forestal dos datos relativos á comercialización do material forestal por parte das persoas que o comercializan, cando o seu destino sexa alleo á Comunidade Autónoma.
r) Infraccións en materia de pragas ou enfermidades forestais:
1. A non extracción polos titulares ou polos xestores do monte daquelas plantas ou produtos forestais que, pola súa sintomatoloxía, poidan constituír un risco de praga ou enfermidade cando se declarasen medidas profilácticas.
2. A non eliminación ou extracción do monte, cando tecnicamente sexa posible, dos restos silvícolas ou aproveitamentos forestais que supoñan un risco pola posible aparición de pragas ou enfermidades forestais.
s) A falta de inscrición nos rexistros establecidos no artigo 126 desta lei na forma e nos
prazos que estableza a normativa de desenvolvemento.
t) Calquera actuación nos montes públicos deslindados que lles cause a estes grandes
estragos.
u) Infraccións en materia de gando mostrengo:
1. A produción ou provocación por parte do gando mostrengo dunha situación de dano efectivo real ou potencial nos casos previstos na normativa aplicable.
2. O incumprimento da normativa reguladora do gando mostrengo.
v) Infraccións en materia de reinvestimento en montes veciñais en man común:
1. O non reinvestimento nas porcentaxes e nos supostos recollidos no artigo 125 desta lei.
2. A non comunicación ou o envío, tras o seu requirimento, do soporte documental que avale a dita comunicación, esixida no artigo 125.7, á Administración forestal.
3. A repartición, total ou parcial, entre os veciños comuneiros do importe do prezo xusto de expropiacións sen a autorización da Administración forestal.
w) A alteración de sinais de amolloamento que delimiten un monte público, ou veciñal
en man común.
x) O incumprimento, total ou parcial, doutras obrigas ou prohibicións establecidas nesta lei.
Artigo 129. Cualificación das infraccións
As infraccións en materia de montes tipificadas no artigo anterior e no artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, cualificaranse como leves, graves ou moi graves, consonte os criterios previstos no artigo 68 da dita lei, coas seguintes especialidades:
1. Infraccións leves:
a) As infraccións tipificadas nas alíneas e).2 e e).3 do artigo 128 desta lei.
b) A infracción tipificada na alínea k).2 do artigo 128 desta lei.
c) A infracción tipificada na alínea l).4 do artigo 128 desta lei, cando a actividade non se
realice en zonas de alto risco de incendio.
d) A infracción tipificada nas alíneas m) e n) do artigo 128 desta lei, cando non se realice
en zonas de alto risco de incendio.
e) A infracción tipificada na alínea q).6 do artigo 128, cando non estea cualificada como
grave.
f) A infracción tipificada na alínea s) do artigo 128 desta lei.
g) As infraccións tipificadas nas alíneas u).1 e u).2 do artigo 128 desta lei, cando a acti-
vidade non se realice en zonas de alto risco de incendio.
2. Infraccións graves:
a) As infraccións tipificadas nas alíneas a), d), e).1, e).4 e i).5 do artigo 128 desta lei.
b) A infracción tipificada na alínea g) do artigo 128 desta lei.
c) A infracción tipificada na alínea k).1 do artigo 128 desta lei, cando o incumprimento
sexa grave ou inxustificadamente reiterado.
d) As infraccións tipificadas nas alíneas l).1, l).2 e l).3 do artigo 128 desta lei.
e) A infracción tipificada na alínea l).4 do artigo 128 desta lei, cando a actividade se rea-
lice en zonas de alto risco de incendio.
f) A infracción tipificada na alínea m) do artigo 128 desta lei, cando a actividade se rea-
lice en zonas de alto risco de incendio.
g) A infracción tipificada na alínea n) do artigo 128 desta lei, cando a actividade se rea-
lice en zonas de alto risco de incendio, agás cando quede acreditado que a vertedura ou o abandono dos residuos, materiais ou produtos favoreceron ou deron lugar á aparición ou á propagación de incendios forestais ou periurbanos.
h) A infracción tipificada na alínea q).6 do artigo 128, cando a infracción implique a ne-
gativa a permitir a entrada nas instalacións aos representantes da consellaría competente en materia de montes.
i) As infraccións tipificadas nas alíneas u).1 e u).2 do artigo 128 desta lei, cando a acti-
vidade se realice en zonas de alto risco de incendio.
j) As infraccións tipificadas na alínea v) do artigo 128 desta lei.
k) A infracción tipificada na alínea w) do artigo anterior cando a alteración de sinais de amolloamento non impida a identificación dos límites reais do monte público deslindado ou veciñal en man común.
3. Infraccións moi graves:
a) A infracción tipificada na alínea n) do artigo 128 desta lei, cando quede acreditado que a vertedura ou o abandono dos residuos, materiais ou produtos favoreceron ou deron lugar á aparición ou á propagación de incendios forestais ou periurbanos.
b) As infraccións tipificadas na alínea m) do artigo 128 desta lei, cando quede acreditado que a realización das actividades favoreceu ou deu lugar á aparición ou á propagación de incendios forestais ou periurbanos.
c) A infracción tipificada na alínea w) do artigo 128 desta lei, cando a alteración de sinais
de amolloamento impida a determinación sobre o terreo dos lindes legalmente establecidos.
Artigo 130. Prescrición das infraccións
1. As infraccións previstas nesta lei prescribirán nos seguintes prazos:
a) As infraccións leves, ao ano.
b) As infraccións graves, aos tres anos.
c) As infraccións moi graves, aos cinco anos.
2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese ou desde que se tivese coñecemento da súa comisión.
Interrompe a prescrición da infracción a incoación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, e o prazo de prescrición continuará se o expediente sancionador estiver paralizado máis dun ano por causa non imputable ao presunto responsable.
3. No caso de infraccións continuadas, o inicio do prazo de prescrición comezará a contarse desde que cesase a súa comisión.
4. No caso de concorrencia de infraccións leves, graves e moi graves, ou cando algunha destas infraccións sexa medio necesario para cometer outra, o prazo de prescrición é o establecido para a infracción máis grave das cometidas.
5. Nas infraccións permanentes, o prazo de prescrición non comezará a computarse ata que cese a situación infractora. Para estes efectos, enténdese que existe unha infracción permanente cando unha actividade concreta produce efectos que perduran no tempo. Considéranse, así mesmo, comprendidas dentro das infraccións permanentes as infraccións por omisión en que o incumprimento nun determinado momento dunha obriga produce efectos permanentes.
CAPíTULO II
Das sancións
Sección 1ª Multas aplicables
Artigo 131. Contía das multas
A contía das multas que se aplicará é a prevista na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, para cada tipo de infracción leve, grave ou moi grave.
Artigo 132. Criterios para a graduación das sancións
1. Para a concreta determinación da sanción que se debe impoñer, entre as asignadas a cada tipo de infracción, tomaranse en consideración, ademais dos criterios establecidos na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, os que seguen, que deberán ser debidamente motivados na resolución do procedemento:
a) A intencionalidade.
b) A situación de risco xerado para as persoas ou os bens.
c) O ánimo de lucro.
d) Os prexuízos causados e a súa irreversibilidade.
e) A transcendencia social, medioambiental ou paisaxística.
f) A agrupación ou a organización para cometer a infracción.
g) Que a infracción sexa cometida en zona queimada ou declarada como de especial
risco de incendios.
h) A reiteración, entendida como a concorrencia de varias irregularidades que se sancio-
nen no mesmo procedemento.
i) A reincidencia na comisión dunha infracción da mesma natureza no último ano. O pra-
zo comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución na vía administrativa.
j) Que a infracción teña lugar nun monte que posúa deslindamento, sexa este público
ou veciñal en man común.
k) O recoñecemento e a reparación das infraccións ou a restauración do dano causado
antes de que se resolva o correspondente procedemento sancionador.
l) A superficie afectada e o valor atribuído a cada tipo de cobertura vexetal.
m) O grao de perda da biodiversidade ou de erosión que implique a comisión da infrac-
ción.
2. Non se aplicarán como criterios para a graduación das sancións as circunstancias recollidas no punto anterior deste artigo cando estean contidos na descrición da conduta infractora ou formen parte do propio ilícito administrativo.
3. A resolución administrativa que recaia deberá concretar os criterios de graduación da sanción tidos en conta, de entre os sinalados no punto 1 deste artigo. Cando non se considere relevante para estes efectos ningunha das circunstancias enumeradas no dito punto, a sanción impoñerase no seu grao mínimo.
4. Cando a comisión dunha infracción derive necesariamente da comisión doutra ou doutras, impoñerase unicamente a sanción correspondente á infracción máis grave cometida.
5. A contía da sanción poderase minorar motivadamente, atendendo as circunstancias específicas do caso, cando a sanción resulte excesivamente onerosa ou cando o infractor corrixa a situación creada pola comisión da infracción. Este efecto minorador da culpabilidade poderá implicar que o órgano sancionador aplique unha sanción correspondente a categorías infractoras de inferior gravidade que a infracción cometida.
Sección 2ª Outras sancións
Artigo 133. Obriga de reparar
1. Sen prexuízo das sancións penais ou administrativas que en cada caso procedan, o infractor deberá reparar o dano causado na forma e nas condicións fixadas polo órgano sancionador. Esta obriga é imprescritible no caso de danos ao dominio público forestal.
2. A reparación terá como obxectivo a restauración do monte ou do ecosistema forestal á situación previa aos feitos constitutivos da infracción sancionada. Para os efectos desta lei, enténdese por restauración a volta do monte ao seu estado anterior ao dano, e por reparación, as medidas que se adoptan para lograr a súa restauración. O causante do dano estará obrigado a indemnizar a parte dos danos que non poidan ser reparados, así como os prexuízos causados.
3. Os danos ocasionados ao monte e o prazo para a súa reparación ou restauración determinaranse cun criterio técnico debidamente motivado na resolución sancionadora.
Artigo 134. Indemnización
Poderá requirirse ao infractor o aboamento dunha indemnización nos seguintes casos:
a) Cando non poida reparar a totalidade ou parte dos danos e perdas causados. A in-
demnización ascenderá á contía en que estean valorados estes.
Neste caso ingresaranse no fondo de melloras, establecido no artigo 124 desta lei, os pagamentos que o infractor teña que efectuar en concepto de indemnización por danos e perdas, imposta mediante resolución firme na vía administrativa, sempre que a infracción se cometa sobre montes catalogados de dominio público, montes patrimoniais pertencentes á Comunidade Autónoma ou montes que estean suxeitos a un contrato temporal de xestión pública.
b) Cando o beneficio económico do infractor sexa superior á máxima sanción prevista,
esta indemnización será como máximo do dobre da contía do dito beneficio, e deberá fixarse de forma motivada na resolución que poña fin ao procedemento.
Artigo 135. Sancións accesorias
O órgano competente para resolver o procedemento sancionador poderá impoñer de forma motivada, cando se trate de infraccións graves ou moi graves, as seguintes sancións accesorias:
1. A paralización ou a suspensión temporal ou definitiva da actividade.
2. A inhabilitación para realizar actividades de produción, xestión ou aproveitamento no eido forestal.
3. A revogación ou a suspensión das autorizacións ou das concesións administrativas nos casos en que se produza un incumprimento das condicións desas autorizacións ou concesións.
4. A privación do dereito a subvencións ou a outros beneficios outorgados pola Administración autonómica e polas súas entidades instrumentais relacionadas coa actividade forestal, durante o prazo de dous anos a partir da firmeza da resolución na vía administrativa.
Artigo 136. Comisos
1. A Administración autonómica poderá acordar o comiso tanto dos produtos forestais ilegalmente obtidos como dos instrumentos e dos medios utilizados na comisión da infracción.
2. Os concellos poderán acordar o comiso dos animais nos casos e na forma establecidos no artigo 86 desta lei.
3. Regulamentariamente estableceranse o procedemento e o destino dos bens comisados.
Sección 3ª Prescrición das sancións
Artigo 137. Prescrición
1. As sancións previstas nesta lei prescribirán:
a) As impostas por infraccións leves, ao ano.
b) As impostas por infraccións graves, aos dous anos.
c) As impostas por infraccións moi graves, aos tres anos.
2. A obriga de restaurar o medio forestal ao estado anterior á comisión da infracción non prescribe.
3. O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza na vía administrativa a resolución pola que se impón a sanción.
Interromperá a prescrición da sanción a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel estiver paralizado durante máis dun mes por causas non imputables ao infractor.
CAPíTULO III procedemento sancionador
Sección 1ª Tramitación
Artigo 138. Tramitación e competencia
1. A tramitación dos procedementos sancionadores axustarase ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e á súa normativa de desenvolvemento; á Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes; e ás prescricións contidas nesta lei.
2. A incoación dos correspondentes expedientes sancionadores corresponde á persoa titular da xefatura territorial da consellaría competente en materia de montes que sexa competente por razón do territorio, que actuará de oficio por instancia de parte.
A persoa titular da xefatura territorial que corresponda encomendaralle a instrución dos expedientes sancionadores ao servizo competente da dita xefatura.
3. Os órganos competentes para a imposición de sancións polas infraccións cometidas en materia de montes reguladas nesta lei serán os seguintes:
a) A persoa titular da xefatura territorial da consellaría competente en materia de mon-tes, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves.
b) A persoa titular do órgano forestal, para a imposición de sancións pola comisión de
infraccións graves.
c) A persoa titular da consellaría competente en materia de montes, para a imposición
de sancións pola comisión de infraccións moi graves.
Sección 2ª Das denuncias dos axentes da autoridade e forestais
Artigo 139. Presunción de veracidade
1. Os axentes forestais e os axentes facultativos medioambientais, no exercicio das súas funcións, son axentes da autoridade e velarán polo cumprimento desta lei.
2. Os feitos constatados por funcionarios públicos, aos cales se lles recoñece a condición de autoridade, que se formalicen en documento público observando os requisitos legais pertinentes terán valor probatorio, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan sinalar ou achegar os propios administrados.
Sección 3ª Do expediente sancionador
Artigo 140. Suxeitos responsables
1. Serán responsables das infraccións previstas nesta lei as persoas físicas ou xurídicas que incorran naquelas e, en particular, a persoa que directamente realice a actividade infractora ou a que ordene a dita actividade cando o executor teña con aquela unha relación contractual ou de feito, sempre que se demostre a dependencia do órgano ordenante.
2. Cando non sexa posible determinar o grao de participación das distintas persoas que interviñesen na realización dunha infracción, a responsabilidade será solidaria, sen prexuízo do dereito a repetir fronte aos demais participantes por parte daquel ou daqueles que fixesen fronte ás responsabilidades.
Artigo 141. Medidas preventivas
1. Antes da iniciación do procedemento, o órgano competente para iniciar o procedemento ou, se é o caso, os axentes da autoridade pública poderán adoptar as medidas de carácter preventivo que xulguen necesarias, incluídos os comisos e as incautacións de produtos, elementos naturais ou exemplares de tenza ilícita ou instrumentos ou medios materiais ou animais utilizados para a súa obtención, así como a paralización de calquera actividade, sempre que o dano o xustifique, para evitar a continuidade do dano ocasionado pola actividade presuntamente infractora, en especial cando se estea a producir en masas de frondosas autóctonas consolidadas ou en montes protectores.
2. As medidas provisionais do punto anterior deberán ser confirmadas, modificadas ou levantadas polo órgano competente para iniciar o procedemento no acordo de iniciación deste, que deberá efectuarse dentro dos quince días seguintes á súa adopción, o cal poderá ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellaría competente en materia de montes no prazo dun mes desde a súa adopción. En todo caso, as ditas medidas quedarán sen efecto se non se inicia o procedemento no citado prazo ou cando o acordo de iniciación non conteña un pronunciamento expreso acerca destas.
3. Unha vez iniciado o procedemento sancionador, o instrutor ou o órgano competente para resolvelo poderá adoptar, de oficio ou por instancia de parte, mediante acordo motivado, as medidas preventivas que xulgue oportunas para asegurar a eficacia da resolución que poida recaer, se existen elementos de xuízo suficientes.
Artigo 142. Vinculación coa orde xurisdicional penal
1. En calquera momento do procedemento sancionador en que o instrutor do procedemento ou o órgano competente para resolver considere que os feitos tamén poden ser constitutivos de ilícito penal, poñerao en coñecemento do órgano xurisdicional competente, dándolle traslado da denuncia e das demais actuacións practicadas e solicitándolle comunicación sobre as actuacións practicadas.
Solicitarase, así mesmo, a dita comunicación cando se teña coñecemento de que se está a desenvolver un procedemento penal sobre os mesmos feitos que son obxecto dun procedemento administrativo.
2. Se se coida que existe identidade de suxeito, feito e fundamento entre a infracción administrativa e a infracción penal que puider corresponder, o órgano competente para a resolución do procedemento sancionador acordará a súa suspensión ata que se teña coñecemento da resolución xudicial que recaia.
3. Unha vez que o órgano competente para resolver teña coñecemento da resolución xudicial penal, acordará a non esixencia de responsabilidade administrativa ou a continuación do procedemento sancionador. Durante o tempo en que o procedemento sancionador estea en suspenso pola incoación dun proceso penal, entenderase interrompido tanto o prazo de prescrición da infracción como o de caducidade do propio procedemento.
4. A sanción penal excluirá a imposición da sanción administrativa nos casos en que se aprecie a identidade do suxeito, do feito e do fundamento. Se non se estimase a existencia de delito ou de falta, o órgano competente continuará, se é o caso, o procedemento sancionador, tendo en conta os feitos declarados probados na resolución firme do órgano xudicial competente.
Artigo 143. Caducidade do procedemento
1. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa que poña fin ao procedemento será de nove meses, contados desde a data de inicio do procedemento administrativo sancionador, que corresponde coa data do acordo de incoación. Despois de transcorrer este prazo sen que se notifique a resolución, producirase a caducidade deste, co arquivo das actuacións, sen prexuízo da obriga de ditar a correspondente resolución.
2. No caso de que o procedemento se suspenda ou paralice por causas imputables ao interesado, interromperase o cómputo do prazo para resolver.
3. De conformidade co disposto pola lexislación básica do procedemento administrativo, o órgano competente para resolver, de oficio ou por instancia da persoa instrutora, pode acordar, mediante resolución motivada, unha ampliación do prazo de aplicación que non exceda a metade do prazo inicialmente establecido. A dita resolución debe ser notificada á persoa interesada antes do vencemento do prazo de caducidade establecido nesta lei.
4. A caducidade do procedemento non produce por si mesma a prescrición da infracción. Malia o anterior, os procedementos caducados non interromperán o prazo de prescrición.
Artigo 144. Executividade das resolucións
1. As resolucións sancionadores serán executivas cando poñan fin á vía administrativa.
2. Contra as resolucións sancionadoras poderán interpoñerse os recursos previstos na lexislación vixente.
Sección 4ª Medios de execución forzosa
Artigo 145. Multas coercitivas e execución subsidiaria
1. Se os infractores non proceden á reparación ou á indemnización, de acordo co establecido nesta lei, e logo de transcorrido o prazo sinalado no requirimento correspondente, a administración instrutora poderá acordar a imposición de multas coercitivas ou a execución subsidiaria.
2. As multas coercitivas serán reiteradas por lapsos de tempo que sexan suficientes para cumprir o ordenado, e a contía de cada unha das ditas multas non superará o 20 % da multa fixada pola infracción cometida.
3. A execución subsidiaria da reparación ordenada será á custa do infractor.
Artigo 146. Constrinximento sobre o patrimonio
1. No caso de que o sancionado mediante resolución firme na vía administrativa non pague a sanción ou a indemnización imposta no período voluntario conferido para o efecto, poderá esixírselle pola vía de constrinximento.
2. No suposto recollido no punto anterior seguirase o procedemento previsto nas normas reguladoras do procedemento recadatorio na vía executiva.
CAPíTULO IV
Do rexistro de infractores
Artigo 147. Rexistro de infractores
1. Crearase un rexistro de infractores en materia de montes dependente da consellaría competente, no que se inscribirán de oficio todos aqueles infractores que sexan sancionados por resolución firme.
2. Darase conta ao rexistro de infractores das resolucións sancionadoras firmes e dos infractores.
Disposición adicional primeira. Defecto de licenza municipal
As plantacións forestais e as accións de tipo silvícola, así como as de aproveitamento, incluídos as cortas e os abatementos das árbores que constitúan masa arbórea, espazo boscoso ou arboredo, haxa ou non planeamento urbanístico municipal aprobado, non requirirán licenza municipal se se realizan en solo rústico ou urbanizable non delimitado, e deberán someterse ao estipulado nesta lei.
Disposición adicional segunda. Mecenado
Para efectos do previsto no punto 1 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 2 de decembro, do réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, consideraranse incluídos entre os fins de interese xeral os orientados á xestión forestal sustentable.
Disposición adicional terceira. Dos bosques como sumidoiros de carbono
A consellaría competente en materia de montes articulará, consonte as previsións da Lei estatal 2/2011, do 4 de marzo, de economía sustentable, ou da normativa que, se for o caso, a substitúa, as medidas que se consideren necesarias para procurar a xeración e a conservación das masas forestais e da produción e comercialización de produtos forestais procedentes de explotacións galegas con certificación forestal, así como dos produtos derivados con certificación no seu proceso produtivo no ámbito galego, para os efectos de aumentar a capacidade de almacenamento de CO2 nos sumidoiros galegos.
Para tal efecto, a Xunta de Galicia promoverá:
a) O establecemento dun cálculo anual do efecto sumidoiro dos bosques galegos.
b) A captación de financiamento para a realización de forestacións para compensar a
emisión de CO2 en actividades empresariais.
c) Medidas de xestión forestal e de silvicultura encamiñadas á adaptación, á resiliencia e á resistencia dos montes aos cambios futuros das variables meteorolóxicas, mediante, entre outras, o fomento de repoboacións e a restauración con especies arbóreas e arbustivas adecuadas.
d) O desenvolvemento dos instrumentos baseados no mercado para abordar eficiente-
mente a conservación e a mellora dos activos naturais e dos servizos que estes prestan.
Disposición adicional cuarta. Rexeneración de masas arbóreas preexistentes
A rexeneración forestal logo dun aproveitamento forestal ou das masas afectadas por incendios, pragas ou outros desastres naturais, que deberá cumprir en todo caso as distancias establecidas nesta lei, non terá a consideración de novas plantacións para os efectos da lexislación ambiental cando se manteña o xénero da especie arbórea principal, cando supoña a transformación de eucaliptais en piñeirais ou, en todo caso, cando tras a rexeneración se creen masas de frondosas do anexo 1.
Disposición transitoria primeira. Terreos suxeitos a algún réxime de servidume ou afección de dereito público
Os terreos suxeitos a algún réxime de servidume ou afección de dereito público que no momento de entrada en vigor desta lei teñan un uso forestal ou estean ocupados por plantacións ou especies forestais conservarán ese uso, con suxeición ás previsións desta lei.
Disposición transitoria segunda. Servidumes en montes demaniais
As administracións xestoras dos montes que integren o dominio público forestal revisarán as servidumes e outros gravames que afecten estes montes para garantir a súa compatibilidade co seu carácter demanial, no prazo sinalado na lexislación básica.
Disposición transitoria terceira. Ordenanzas e disposicións municipais
Desde a entrada en vigor desta lei, as ordenanzas e as disposicións aprobadas polas entidades locais que non se axusten ao disposto nela quedarán sen efecto, e dispoñerase dun prazo dun ano para a súa adaptación.
Disposición transitoria cuarta. Adaptación dos plans xerais de ordenación municipal
Aos ámbitos do solo clasificado como non urbanizable ou rústico nos plans xerais de ordenación municipal aprobados definitivamente con anterioridade á entrada en vigor desta lei que se delimiten nos plans de ordenación de recursos forestais como de valor forestal seralles aplicable o réxime establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, para o solo rústico de especial protección forestal.
Disposición transitoria quinta. Cortas en solos urbanizables
O aproveitamento das masas forestais existentes no momento da entrada en vigor desta lei en solos urbanizables delimitados estará sometido ás disposicións desta lei ata o desenvolvemento urbanístico dos citados solos, momento en que deixará de ser aplicable.
Disposición transitoria sexta. Aproveitamentos forestais mentres non se aprobe o instrumento de ordenación ou de xestión forestal obrigatorio
1. Os montes ou terreos forestais deberán dispoñer dun instrumento de ordenación ou de xestión forestal obrigatorio e vixente, como máximo, no prazo de seis anos desde a publicación das instrucións de ordenación de Galicia. En todo caso, o cumprimento desta obriga non poderá superar o prazo sinalado na lei básica. Pasado este prazo sen aprobación, non se autorizarán aproveitamentos forestais nos ditos montes.
2. Mentres os montes ou terreos forestais non dispoñan do instrumento de ordenación ou de xestión forestal obrigatorio que preceptúa a normativa vixente, as solicitudes de autorización de corta en superficies de aproveitamento superiores a 1 hectárea para masas con especie principal incluída no anexo 1 ou de máis de 15 hectáreas para as outras masas deberán incluír un plan de cortas, asinado por técnico competente en materia forestal, onde se xustificará a necesidade ou a oportunidade do aproveitamento, así como a súa localización planimétrica, a superficie obxecto do aproveitamento, o número de pés, o volume por especie afectada e a taxación correspondente. Este plan deberá ser aprobado propiedade forestal ou polo titular dos dereitos de aproveitamento, sendo preciso para os montes veciñais en man común o acordo da asemblea xeral da comunidade de montes.
3. O pastoreo nos montes mentres non dispoñan de instrumento de ordenación ou de xestión forestal aprobado requirirá autorización, na que deberán incluír un plan de aproveitamento silvopastoril, onde se incluirá, como mínimo, a localización e a extensión da zona dedicada ao pastoreo, a carga gandeira admisible, o período de duración, as actuacións planificadas, os responsables dos aproveitamentos e as características do gando. Este plan deberá ser aprobado pola propiedade forestal ou polo titular dos dereitos de aproveitamento, sendo preciso para os montes veciñais en man común o acordo da asemblea xeral da comunidade de montes. Así mesmo, inscribiranse no Rexistro de Terreos Forestais de Pastoreo, de acordo co establecido no artigo 86.2.
Disposición transitoria sétima. Regulamento do fondo de melloras
Mentres non exista un novo regulamento para a aplicación do fondo de melloras dos montes catalogados, será aplicable o regulamento vixente.
Disposición transitoria oitava. Réxime transitorio das solicitudes de axudas, subvencións e beneficios fiscais
Os titulares dos montes que teñan a obriga de dotarse dun instrumento de ordenación ou de xestión forestal, ou, se é o caso, dunha adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas orientativos segundo especies ou formacións forestais incluídos nos casos dispostos nesta lei, non poderán percibir as axudas, as subvencións ou os beneficios fiscais regulados pola normativa vixente en materia forestal se, chegada a data máxima en que se deben dotar de tales instrumentos, incumpren a súa obriga ao respecto.
Disposición transitoria novena. Montes con consorcios ou convenios coa administración
1. Os consorcios ou convenios de repoboación coa Administración forestal existentes nos montes no momento da entrada en vigor desta lei serán obxecto de:
a) Cancelación de oficio nun prazo máximo de tres anos, contados a partir da entrada
en vigor desta lei, nos casos seguintes:
– Montes que non presenten saldo debedor na data de entrada en vigor desta lei ou en calquera momento dentro do prazo máximo estipulado.
– Montes catalogados de dominio público que pasen a xestionarse de acordo co esta-blecido no artigo 34 e seguintes desta lei.
– montes que non consigan os fins para os cales se subscribise o convenio ou o consorcio por causas relacionadas co estado legal, administrativo ou económico do monte.
b) Finalización nun prazo máximo de catro anos, contados a partir da entrada en vigor desta lei, prazo en que deberá asinarse un contrato temporal de xestión pública. No caso de non se formalizar o dito contrato no prazo establecido, o titular do monte deberá aboar o saldo debedor do convenio ou consorcio finalizado á Comunidade Autónoma, podendo para isto aboalo nun único pagamento ou a través dun plan de devolución plurianual. No caso de non se producir o aboamento total ou da cota anual disposta no dito plan, procederase á súa anotación preventiva, en concepto de carga real, das cantidades debidas á Comunidade Autónoma de Galicia, no correspondente Rexistro da Propiedade, e non poderán ter axudas ou beneficios de ningún tipo mentres non regularicen a súa situación nos termos previstos nesta lei.
2. Previamente á cancelación do convenio ou consorcio, a Administración forestal elaborará e aprobará un instrumento de ordenación ou de xestión forestal, consonte o artigo 81, que garanta a continuidade da xestión forestal sustentable.
3. O novo contrato de xestión pública, se procede dun convenio ou dun consorcio finalizado, considerará, como primeira partida do anticipo reintegrable de novo contrato, a diferenza entre a suma das partidas de gastos sufragados pola Administración forestal e os ingresos do consorcio ou do convenio, aplicando a partir dese momento o réxime previsto para a contabilización.
4. Para efectos contables, as débedas dos consorcios realizados pola Administración forestal serán condonadas polo importe a que ascendía a dita conta no momento da clasificación do monte como veciñal en man común.
5. As cancelacións referidas no punto 1 desta disposición transitoria publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellaría competente en materia de montes.
Disposición transitoria décima. Procedementos en tramitación e adecuación ás distancias previstas para repoboacións
1. Aos procedementos iniciados ao abeiro da normativa existente con anterioridade á entrada en vigor desta lei seralles aplicable a normativa vixente no momento da súa iniciación, agás o disposto no punto seguinte ou nos casos en que o previsto nesta lei sexa máis favorable para o interesado.
2. O réxime sancionador previsto nesta lei ou, de ser o caso, na modificación introducida na normativa de incendios forestais será aplicable aos procedementos en curso sempre que o réxime xurídico sexa máis favorable que o previsto na lexislación anterior.
3. As repoboacións existentes á entrada en vigor desta lei teñen un prazo máximo de dous anos desde a entrada en vigor dela para adecuarse ás novas distancias.
Disposición transitoria décimo primeira. Inscrición no Catálogo de montes de utilidade pública
Todos os montes que fosen declarados de utilidade pública con anterioridade á entrada en vigor desta lei e continúen mantendo as características esixidas para os montes de utilidade pública, así como os actos de permuta, prevalencia ou calquera outro que poida afectar a súa situación, deberán inscribirse no Catálogo de montes de utilidade pública no prazo dun ano desde a súa entrada en vigor.
Disposición transitoria décimo segunda. Concentracións parcelarias en tramitación
As concentracións parcelarias en tramitación na data de entrada en vigor desta lei rexeranse pola normativa galega en materia de concentración parcelaria vixente ata esa data.
Disposición transitoria décimo terceira. Revisión de esbozos de montes veciñais en man común
1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que esixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
2. Para estes efectos, o xurado provincial de montes veciñais en man común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitar á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común.
3. Unha vez aceptada a proposta polo xurado, poñerase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.
4. Aceptada a revisión, poderase proceder á marcaxe dos montes veciñais, que en todo caso se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.
5. Se no procedemento de revisión ou marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, poñerase fin ao procedemento sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivo do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade dos interesados de acudir á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.
Disposición transitoria décimo cuarta. Avinzas realizadas entre montes veciñais en man común
Para adecuar as avinzas realizadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei ao procedemento de deslindamento entre montes veciñais en man común segundo o artigo 54 desta lei, publicaranse no Diario Oficial de Galicia as resolucións dos xurados provinciais.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
1. Quedan derrogadas todas as disposicións legais de igual ou inferior rango e os usos e os costumes que contradigan o preceptuado nesta lei, e particularmente:
a) A disposición adicional segunda da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.
b) Os artigos 21.2 e 23 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man
común.
c) Os artigos 12, 48.2, 49.2, 52 e 53 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.
d) O artigo 1.d), os puntos 19 e 22 do artigo 2, o artigo 12, o punto 6 do artigo 15, o ca-
pítulo IV do título III (artigos 25, 26, 27 e 28), o artigo 41 e os puntos 5 e 6 do artigo 50.2 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
e) O Decreto 81/1989, do 11 de maio, sobre medidas de ordenación das novas planta-
cións co xénero Eucalyptus.
f) O Decreto 43/2008, do 28 de febreiro, polo que se determina o ámbito de aplicación
dos plans de ordenación dos recursos forestais para Galicia.
2. Todas as normas regulamentarias ditadas ao abeiro dos textos derrogados aos que se refire o punto anterior continuarán vixentes, mentres non se opoñan ao previsto nesta lei, ata a entrada en vigor das normas que a desenvolvan.
Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia
A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, queda modificada como segue:
Un. O punto segundo do número 1 do artigo 2 queda redactado do seguinte xeito:
«Teñen tamén a consideración de monte ou terreo forestal os demais terreos descritos no artigo 5 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, e na Lei de montes de Galicia».
Dous. O número 13 do artigo 2 queda redactado do seguinte xeito:
«13. Zona de influencia forestal: as áreas estremeiras que abranguen unha franxa circundante dos terreos forestais cunha largura de 400 metros, excluíndo o solo urbano, de núcleo rural e o urbanizable delimitado».
Tres. O número 20 do artigo 2 queda redactado do seguinte xeito:
«20. Época de perigo alto de incendios: o período durante o cal estean en vigor medidas e accións especiais de prevención e defensa contra incendios forestais, en consideración aos antecedentes estatísticos e climatolóxicos, así como cando as condicións meteorolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de incendios».
Catro. O número 25 do artigo 2 queda redactado do seguinte xeito:
«25. Persoa directora de extinción: persoa responsable do dispositivo de extinción nun incendio forestal, dotada da autoridade necesaria para organizar os medios propios da Xunta e os que proporcionen o resto das entidades e administracións implicadas no dispositivo. Terá a condición de axente da autoridade e poderá mobilizar medios públicos e privados para actuar na extinción de acordo cun plan de operacións».
Cinco. As alíneas f) e g) do artigo 6 quedan redactadas do seguinte xeito:
«f) Xestionar as redes primarias e terciarias de faixas de xestión da biomasa nos termos desta lei.
g) Ordenar a xestión da biomasa vexetal nos termos dos artigos 20 bis, 21 bis e 22 e consonte os criterios que se establecerán regulamentariamente por orde da consellaría competente en materia forestal».
Seis. As alíneas a), d) e e) do artigo 7 quedan redactadas do seguinte xeito:
«a) Elaborar e aprobar os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, consonte o previsto nesta lei e na lexislación galega de montes, e integralos nos plans de emerxencia municipais, de acordo co previsto na lexislación galega de emerxencias».
«d) Ordenar a execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios, en consonancia cos artigos 199.2 e 9.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e de xeito máis concreto a ordenación e a execución subsidiaria da xestión da biomasa nos termos dos artigos 21, 22 e 23 desta lei, contando para iso coa colaboración técnica e/ou económica da Xunta de Galicia nos termos previstos no artigo 59 desta lei, conforme o establecido no artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia».
«e) Xestionar as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa e as faixas laterais das redes viarias da súa titularidade, nos termos desta lei».
Sete. O punto 2 do artigo 9 queda redactado do seguinte xeito:
«2. A consellaría con competencias en materia forestal establecerá as datas correspondentes á época de perigo alto».
Oito. O punto 2 do artigo 10 queda redactado da seguinte forma:
«2. Para o establecemento do índice de risco diario de incendio forestal terase en conta a conxunción dos seguintes factores: a situación meteorolóxica, o estado da biomasa vexetal e o estado do solo».
Nove. O artigo 11 queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 11. Zonas de alto risco de incendio
1. Para os efectos desta lei, e con base nos criterios da información histórica e dos datos estatísticos sobre a ocorrencia de incendios forestais, vulnerabilidade poboacional, ameazas aos ecosistemas forestais e protección do solo fronte á erosión, determinaranse as zonas de alto risco de incendio forestal existentes no territorio.
2. As zonas de alto risco de incendio forestal son as superficies onde se recoñece como prioritaria a aplicación de medidas máis rigorosas de defensa contra os incendios forestais ante o elevado risco de incendio, pola especial frecuencia ou virulencia dos incendios forestais ou pola importancia dos valores ameazados.
3. Estas zonas serán identificadas e delimitadas a nivel de parroquia e concello no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito regulados nos artigos 14 e 15 desta lei.
4. A planificación das actuacións preventivas e de defensa que se elabore para estas zonas de alto risco de incendio integrarase nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito. A execución dos traballos incluídos nos plans de defensa das zonas de alto risco de incendio será considerada de interese xeral.
5. As zonas de alto risco de incendio serán declaradas por orde da consellaría con competencia en materia forestal».
Dez. O punto 6 do artigo 13 queda redactado do seguinte xeito:
«6. Os plans previstos neste artigo deberán ser redactados por técnicos competentes en materia forestal».
Once. Os puntos 1, 2 e 5 do artigo 14 quedan redactados do seguinte xeito:
«1. O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia reflectirá a política e as medidas para a defensa dos terreos forestais e das áreas de influencia forestal, englobando os plans de prevención, protección, sensibilización, vixilancia, detección, extinción, investigación e desenvolvemento, soporte cartográfico, coordinación e formación dos medios e axentes do servizo, así como unha definición clara de obxectivos e metas por acadar, a programación das medidas e accións, o orzamento e o plan financeiro, así como os indicadores da súa execución».
«2. A elaboración do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia correspóndelle á consellaría competente en materia forestal.
A aprobación deste plan correspóndelle ao Consello da Xunta, por proposta da dita consellaría, oído o Consello Forestal de Galicia.
O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia integrarase no
Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolvendo o nivel 0 de emerxencia por incendios forestais».
«5. As modificacións do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia serán integradas no Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais da Comunidade Autónoma de Galicia».
Doce. Os puntos 2 e 7 do artigo 15 quedan redactados do seguinte xeito:
«2. A elaboración, a adaptación e a revisión dos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito correspóndenlle á dirección xeral da consellaría competente en materia forestal, e serán aprobados pola persoa titular da dita consellaría».
«7. A consellaría competente en materia forestal poderá crear e aplicar programas especiais de intervención no ámbito dos plans de prevención e defensa contra incendios forestais de distrito para áreas forestais contiguas a infraestruturas de elevado valor estratéxico e para áreas forestais estratéxicas de elevado valor, de acordo co establecido nos plans de ordenación de recursos forestais. Igualmente, nos ditos plans poderán establecerse zonas de actuación preferente para os efectos de prevención de incendios, para cuxa xestión poderán concertarse convenios de colaboración coa propiedade ou axudas específicas».
Trece. O punto 2 do artigo 16 queda redactado do seguinte xeito:
«2. A estrutura dos plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais será establecida por orde da consellaría con competencias en materia forestal, de acordo coas directrices que estableza a normativa aplicable en materia de emerxencias. En todo caso, incluirá a rede das pistas, vías, camiños, estradas e montes de titularidade municipal e a definición das redes de faixas secundarias, así como a análise da propiedade destas redes de faixas. Poderán incluír ordenanzas de prevención de incendios concordantes co obxecto desta lei en solo urbano, núcleo rural e urbanizable delimitado situado a menos de 400 metros do monte».
Catorce. Os puntos 2 e 4 do artigo 18 quedan redactados do seguinte xeito:
«2. As redes de defensa contra os incendios forestais do distrito integran os seguintes compoñentes:
a) Redes de faixas de xestión de biomasa.
b) Rede viaria forestal.
c) Rede de puntos de auga.
d) Rede de vixilancia e detección de incendios forestais.
e) Outras infraestruturas de apoio á extinción».
«4. A xestión das infraestruturas a que se refiren as alíneas c), d) e e) deste artigo que sexan titularidade da Comunidade Autónoma poderá ser cedida pola Xunta de Galicia ás entidades locais ou a outras entidades xestoras, consonte o previsto na lexislación patrimonial e no seu regulamento de execución».
Quince. O artigo 20 queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 20. Redes de faixas de xestión de biomasa
1. A xestión da biomasa existente nos terreos forestais e nas zonas de influencia forestal é realizada a través de faixas, situadas en lugares estratéxicos, onde se procede á modificación ou á súa remoción total ou parcial, buscando a rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa presente.
2. As faixas de xestión de biomasa divídense en redes primarias, secundarias e terciarias.
3. As redes primarias de faixas de xestión de biomasa son infraestruturas lineais de prevención e defensa, e localízanse ao longo:
a) Da rede de autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencio-
nais.
b) Das infraestruturas ferroviarias.
c) Das liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica e de gas natural.
4. As redes secundarias de faixas de xestión de biomasa teñen un ámbito municipal e posúen a función prioritaria de protección dos núcleos poboacionais, das infraestruturas, dos equipamentos sociais, das zonas edificadas, dos parques e dos polígonos industriais.
5. As redes terciarias de faixas de xestión de biomasa localízanse nos terreos forestais e nas zonas de influencia forestal e están vinculadas ás infraestruturas de uso público, así como ás seguintes infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais: camiños, vías, pistas forestais, devasas, faixas auxiliares de pista, áreas cortalumes e outras infraestruturas ou construcións relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais.
6. As especificacións técnicas en materia de defensa do monte contra os incendios forestais relativas a equipamentos forestais e ambientais e de uso social situados en terreos forestais serán definidas mediante orde conxunta das consellarías competentes en materia forestal e de conservación da natureza.
7. Sen prexuízo do disposto nos artigos seguintes, as especificacións técnicas relativas á construción e ao mantemento das redes de faixas de xestión de biomasa desenvolveraas a consellaría competente en materia forestal.
8. Os proxectos de repoboación forestal deberán respectar as faixas de xestión de biomasa previstas neste artigo».
Dezaseis. Engádese un novo artigo 20 bis, que queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 20 bis. Redes primarias de faixas de xestión de biomasa
Nos espazos definidos como redes primarias de faixas de xestión de biomasa será obrigatorio para as persoas responsables, nos termos establecidos no artigo 21 ter desta lei:
a) Ao longo da rede de autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas
convencionais, deberase xestionar a biomasa vexetal, de acordo cos criterios estipulados nesta lei, nos terreos incluídos na zona de dominio público. Ademais, nos ditos terreos non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira desta lei.
b) Ao longo da rede ferroviaria, deberase xestionar a biomasa vexetal, de acordo cos criterios estipulados nesta lei, nos terreos incluídos na zona de dominio público. Nesta faixa non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira desta lei.
c) Nas liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica, sen prexuízo do necesario respecto das especificacións da regulamentación electrotécnica sobre distancia mínima entre os condutores, as árbores e outra vexetación, deberase xestionar a biomasa nunha faixa de 5 metros desde a proxección dos condutores eléctricos máis externos, considerando a súa desviación máxima producida polo vento segundo a normativa sectorial vixente. Ademais, nunha faixa de 5 metros desde a estrema da infraestrutura non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira desta lei.
A xestión da biomasa incluirá a retirada desta por parte da persoa responsable regulada no artigo 21 ter desta lei, sen prexuízo da facultade do propietario do terreo afectado de proceder á súa retirada. Para estes efectos, a persoa responsable deberá remitir ao taboleiro de edictos do concello un anuncio, con quince días de antelación ás operacións de xestión da biomasa, para os efectos de que os propietarios dos terreos poidan executalas previamente, no caso de estaren interesados. Transcorrido o dito prazo, a persoa responsable estará obrigada á realización da xestión da biomasa.
d) Nas conducións de transporte do gas natural deberase xestionar a biomasa nunha
faixa de 1 metro e medio a cada lado do seu eixe».
Dezasete. O artigo 21 queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 21. Redes secundarias de faixas de xestión de biomasa
1. Nos espazos previamente definidos como redes secundarias de faixas de xestión de biomasa nos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, será obrigatorio para as persoas responsables, nos termos establecidos no artigo 21 ter desta lei, xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, así como arredor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, situadas a menos de 400 metros do monte, de acordo cos criterios para a xestión de biomasa estipulados nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento. Ademais, nos primeiros 30 metros non poderá haber as especies sinaladas na disposición adicional terceira desta lei. As distancias mediranse desde o límite do solo urbano ou núcleo rural, de ser o caso. As distancias no caso de edificacións, vivendas illadas ou urbanizacións mediranse desde o seu paramento. No caso de depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, mediranse desde o límite das instalacións.
2. No caso de cámpings, gasolineiras e industrias en que se desenvolvan actividades perigosas consonte o establecido na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, as distancias para as especies sinaladas na disposición adicional terceira serán de 50 metros, desde o límite das instalacións. No caso dos cámpings, esta distancia medirase desde o peche perimetral.
3. A xestión da biomasa e a retirada de especies da disposición adicional terceira nas faixas de protección a que se refire este artigo, nas edificacións e nas instalacións construídas sen licenza municipal ou incumprindo os termos do proxecto que obtiver licenza darán dereito a unha indemnización polos danos e perdas que poida ocasionar, así como ao lucro cesante, a cargo das persoas propietarias dos terreos edificados e a favor do propietario das especies afectadas.
Así mesmo, a xestión da biomasa será realizada pola persoa propietaria dos terreos edificados, para o cal dispoñerá dunha servidume de paso forzosa para acceder á faixa establecida. Este acceso farase durante o tempo estritamente necesario para o labor de xestión da biomasa, e polo punto menos prexudicial ou incómodo para os terreos gravados e, de ser compatible, polo máis conveniente para o beneficiario.
A retirada de especies arbóreas será realizada polo seu propietario».
Dezaoito. Engádese un novo artigo 21 bis, que se redacta do seguinte xeito:
«Artigo 21 bis. Redes terciarias de faixas de xestión de biomasa
Nos espazos previamente definidos como redes terciarias de faixas de xestión de biomasa nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais do distrito, que en todo caso se actualizarán incluíndo as infraestruturas preventivas recollidas nos proxectos de ordenación ou de xestión forestal no ámbito do correspondente distrito, será obrigatorio para as persoas responsables, nos termos establecidos no artigo 21 ter desta lei:
a) Xestionar a biomasa vexetal na totalidade da superficie das infraestruturas de uso
público ou áreas recreativas, así como nunha franxa perimetral de 50 metros.
b) Xestionar a biomasa vexetal na totalidade das parcelas que se atopen dentro dunha
franxa circundante de 50 metros arredor de zonas forestais de alto valor, especificamente declaradas por orde da consellaría competente en materia forestal, consonte o previsto nos criterios para a xestión de biomasa definidos nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento.
c) Nas vías e nos camiños forestais, a xestión da biomasa vexetal farase, no estrato arbustivo e subarbustivo, na plataforma de rodadura do camiño e nos 2 metros desde a aresta exterior da vía ou do camiño.
d) No resto de infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais (devasas, faixas auxiliares de pista, rozas, áreas cortalumes e outras infraestruturas de prevención e defensa contra incendios forestais), a xestión da biomasa vexetal farase de acordo co planeamento de prevención e defensa contra os incendios forestais dos distritos e deberán recollerse nos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal».
Dezanove. Engádese un novo artigo 21 ter, que se redacta do seguinte xeito:
«Artigo 21 ter. Persoas responsables
1. Para os efectos do establecido nos artigos 20 bis, 21 e 21 bis, entenderase por persoas responsables as persoas titulares do dereito de aproveitamento sobre os terreos forestais e os terreos situados nas zonas de influencia forestal en que teñan os seus dereitos para os supostos dos artigos 21 e 21 bis, así como as administracións, as entidades ou as sociedades que teñan encomendada a competencia sobre a xestión, ou cedida esta en virtude dalgunha das formas previstas legalmente, das vías de comunicación e das liñas de transporte de enerxía eléctrica para os supostos referidos no artigo 20 bis e na alínea b) do artigo 21 bis, se é o caso.
2. En solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, aplicaranse subsidiariamente os criterios establecidos nos artigos 20 bis, 21, 21 ter, 22 e 23, agás aprobación específica de ordenanza municipal ou na falta dela, que poderá elaborarse de conformidade co artigo 16 desta lei».
Vinte. O artigo 22 queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 22. Procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas
1. As persoas físicas ou xurídicas responsables, segundo o disposto no artigo 21 ter, procederán á execución da xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa antes do 30 de xuño de cada ano e consonte os criterios establecidos por orde da consellaría competente en materia forestal.
2. No suposto de incumprimento do disposto no número anterior, os entes locais, no caso do artigo 21 e nas faixas laterais das redes viarias da súa titularidade, así como a consellaría competente en materia forestal nos restantes casos, poderán notificar, de oficio ou por instancia de parte, ás persoas responsables a súa obriga de xestión da biomasa vexetal, advertíndoas da posibilidade de execución subsidiaria no caso de incumprimento e sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda e da aplicación de multas coercitivas, se é o caso.
3. Se no prazo máximo de quince días naturais os citados titulares non acometen a xestión da biomasa, as citadas administracións públicas, consonte as atribucións competenciais definidas con anterioridade, poderán proceder á execución subsidiaria dos traballos de xestión de biomasa, repercutíndolles os custos ás persoas responsables segundo o disposto no artigo 21 ter.
4. No caso de execución subsidiaria, as persoas responsables segundo o disposto no artigo 21 ter están obrigadas a facilitarlles os necesarios accesos ás entidades responsables dos traballos de xestión da biomasa, que non requirirán de ningunha autorización para a execución subsidiaria da xestión da biomasa nas redes de faixas de xestión.
5. malia o anterior, a consellaría competente en materia forestal poderá proceder á execución directa de traballos preventivos nas redes de faixas de xestión de biomasa establecidas nos artigos 20 bis, 21 e 21 bis, sen necesidade de requirimento previo, cando se declare un incendio forestal que supoña un risco inminente para as persoas ou os bens».
Vinte e un. O artigo 23 queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 23. Novas edificacións en terreos forestais e en zonas de influencia forestal e medidas de prevención de incendios forestais nas novas urbanizacións
1. Os instrumentos de planeamento urbanístico deberán ter en conta a avaliación de risco de incendio forestal, no que respecta á zonificación do territorio e ás zonas de alto risco de incendio que constan nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.
2. As novas instalacións destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais e as vivendas vinculadas a estas, así como as novas urbanizacións e edificacións para uso residencial, comercial, industrial ou de servizos resultantes da execución de plans de ordenación urbanística que afecten zonas de monte ou de influencia forestal, e que non teñan continuidade inmediata coa trama urbana e que resulten estremeiras con monte ou con zonas de influencia forestal, terán que cumprir coas seguintes medidas de prevención:
a) Asegurar a existencia dunha faixa perimetral de protección de 30 metros de largo
dentro da mesma propiedade, arredor da urbanización, edificación ou instalación, computada desde o límite exterior da edificación ou instalación destinada ás persoas, libre de vexetación seca e coa masa arbórea rareada, que en ningún caso conterá especies da disposición adicional terceira, consonte os criterios que se establecerán mediante orde da consellaría competente en materia forestal.
b) Nas zonas de alto risco de incendio, será necesario adoptar medidas especiais de autoprotección pasiva da edificación ou da instalación fronte a posibles fontes de ignición procedente de incendios forestais.
c) No caso de urbanizacións e edificacións para uso industrial deberán dispoñer de xeito perimetral dunha rede de hidrantes homologados para a extinción de incendios ou, na súa falta, de tomas de auga, de acordo co que se estableza regulamentariamente.
d) Presentar ante a Administración municipal un proxecto técnico de prevención e de-
fensa contra incendios forestais que garanta o cumprimento do que establece esta lei e a normativa que a desenvolva, así como o cumprimento do plan municipal de prevención e defensa contra incendios forestais, se é o caso.
3. A partir da faixa perimetral de 30 metros indicada na alínea a) do punto anterior, establécese unha franxa perimetral de 20 metros de largo na cal os propietarios dos terreos serán responsables da realización das medidas de xestión da biomasa.
4. No caso de incumprimento da xestión da biomasa vexetal, corresponderalle ao concello a súa realización, acudindo á execución subsidiaria de acordo co establecido no artigo 22 desta lei, sen prexuízo da instrución do correspondente expediente sancionador».
Vinte e dous. O artigo 24 queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 24. Silvicultura preventiva
1. A silvicultura preventiva recolle o conxunto de accións no ámbito da defensa dos montes contra incendios forestais e engloba as medidas aplicadas ás masas forestais, matogueiras e outras formacións espontáneas, no nivel da composición específica e do seu arranxo estrutural, cos obxectivos de diminuír o perigo de incendio forestal e de garantir a máxima resistencia do territorio á propagación do lume.
2. Os instrumentos de ordenación ou xestión forestal deben explicitar as medidas de silvicultura e da rede de infraestruturas de terreos forestais que garantan a descontinuidade horizontal e vertical da biomasa forestal, no ámbito das orientacións do planeamento de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.
3. Regulamentariamente desenvolveranse os criterios para a ordenación preventiva do territorio forestal e a súa aplicación nos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal».
Vinte e tres. Engádese un novo artigo 24 bis, que ten a seguinte redacción:
«Artigo 24 bis. Depósitos de subprodutos forestais
1. Durante os meses de xullo, agosto e setembro, só será permitido o amoreamento en cargadoiro de subprodutos resultantes de corta ou extracción forestal tales como a biomasa forestal residual, estelas e cortiza, sempre que sexa salvagardada unha área sen vexetación cun mínimo de 10 metros arredor.
2. Os depósitos temporais de madeira en rolo quedan expresamente excluídos da aplicación deste artigo».
Vinte e catro. O artigo 31 queda redactado como segue:
«Artigo 31. Limitacións de acceso, circulación e permanencia por razóns de risco de incendios
1. Durante a época de perigo alto de incendios forestais, definida no artigo 9 desta lei, queda condicionado o acceso, a circulación e a permanencia de persoas e bens nos terreos forestais incluídos:
a) Nas zonas de alto risco de incendio referidas no artigo 11.
b) Nas áreas baixo xestión da Xunta de Galicia sinalizadas para tal fin.
c) Nas áreas onde exista sinalización correspondente á limitación de actividades.
d) As condicións de limitación de acceso e as sinalizacións correspondentes incluídas neste punto para áreas non incluídas en zonas de alto risco desenvolveranse por orde da consellaría competente en materia forestal.
2. O acceso, a circulación e a permanencia de persoas e bens nos terreos e condicións establecidas no punto anterior quedan condicionados nos seguintes termos:
a) Cando se verifique que o índice de risco diario de incendio forestal sexa moi alto ou
extremo, non estará permitido acceder, circular e permanecer no interior das áreas referidas no número anterior, así como nos camiños forestais, camiños rurais e outras vías que as atravesan.
b) Cando se verifique que o índice de risco diario de incendio forestal sexa alto, non estará permitido, no interior das áreas referidas no número anterior, executar traballos que supoñan a utilización de maquinaria sen os dispositivos previstos no artigo 39.
c) Cando se verifique que o índice de risco diario de incendio forestal sexa moderado e
alto, todas as persoas que circulen no interior das áreas referidas no número 1 e nos camiños forestais, camiños rurais e outras vías que as atravesan ou delimitan están obrigadas a identificarse perante os membros das forzas e corpos de seguridade do Estado, axentes forestais e axentes facultativos medioambientais.
3. Fóra da época de perigo alto, e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de niveis moi alto e extremo, non estará permitido acceder, circular e permanecer no interior das áreas referidas no número 1, así como nos camiños forestais, camiños rurais e outras vías que as atravesan.
4. Fóra da época de perigo alto, e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de niveis moderado e alto, a circulación de persoas no interior das áreas referidas no número 1 queda suxeita ás medidas referidas na alínea c) do punto 2 deste artigo.
5. Nas áreas a que se refire a alínea b) do número 1 deste artigo o acceso queda condicionado, ademais, ao sinalado pola consellaría competente en materia de conservación da natureza cando afecte espazos naturais protexidos.
6. O incumprimento das condicións establecidas neste artigo será sancionado consonte o disposto no artigo 67.k) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes».
Vinte e cinco. O artigo 32 queda redactado como segue:
«Artigo 32. Excepcións
1. Constitúen excepcións ás medidas referidas nas alíneas a) e b) do número 2 e no número 3 do artigo 31:
a) O acceso, a circulación e a permanencia no interior das referidas áreas de persoas residentes, propietarias e produtoras forestais e persoas que alí exerzan a súa actividade profesional.
b) A circulación de persoas no interior das referidas áreas sen outra alternativa de acce-
so ás súas residencias e locais de traballo.
c) O acceso e a permanencia nas áreas recreativas cando estean debidamente equipa-
das, nos termos da lexislación aplicable.
d) A circulación en autovías e autoestradas, itinerarios principais, itinerarios complemen-
tarios e estradas da rede estatal e autonómica.
e) A circulación en estradas de titularidade local para as cales non exista outra alterna-
tiva de circulación con equivalente percorrido.
f) O acceso, a circulación e a permanencia no interior das referidas áreas de autorida-
des e persoal dependente das administracións con competencias en materia forestal, de axentes das forzas e corpos de seguridade das distintas administracións e de autoridades, forzas armadas e persoal de protección civil e emerxencias no exercicio das súas competencias.
g) O acceso, a circulación e a permanencia no interior das referidas áreas de persoal
militar en misión intrinsecamente militar.
h) O acceso, a circulación e a permanencia nos predios rústicos de réxime cinexético especial para aqueles cazadores socios das súas sociedades xestoras que participen en actividades cinexéticas autorizadas.
i) O acceso e a permanencia de persoas debidamente acreditadas que desenvolvan ou participen en actividades recreativas, deportivas ou turísticas expresamente autorizadas pola consellaría competente en materia forestal.
2. O disposto no artigo 31 non se aplica, en ningún caso:
a) Ás áreas urbanas e ás áreas industriais.
b) Aos accesos habilitados para tal efecto ás praias fluviais e marítimas.
c) Aos medios de prevención, vixilancia, detección e extinción dos incendios forestais.
d) Á execución de obras de interese público, con tal recoñecemento, baixo a responsa-bilidade do seu adxudicatario.
e) Á circulación de vehículos prioritarios cando estean en marcha de urxencia.
f) Ás áreas baixo xurisdición militar».
Vinte e seis. O artigo 33 queda redactado como segue:
«Artigo 33. Uso do lume
Como medida preventiva, prohíbese o uso do lume nos terreos agrícolas, terreos forestais e zonas de influencia forestal definidas no artigo 2 desta lei, agás para as actividades e nas condicións, períodos ou zonas autorizadas pola consellaría competente en materia forestal nos termos desta lei e do que estableza a súa normativa de desenvolvemento».
Vinte e sete. modifícase o artigo 34, que queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 34. Comunicacións e autorizacións de queimas de restos agrícolas e forestais
1. A queima de restos agrícolas amoreados en terreos agrícolas e naqueles terreos situados nas zonas de influencia forestal será comunicada previamente, con carácter obrigatorio, á consellaría competente en materia forestal, nos termos que se fixen regulamentariamente. Queda prohibida a queima de restos agrícolas e de actividades de xardinaría en terreos forestais.
2. A queima de restos forestais amoreados en terreos agrícolas, forestais ou naqueles situados nas zonas de influencia forestal deberá contar con autorización preceptiva da consellaría competente en materia forestal, nos termos que se fixen regulamentariamente. En todo caso, para a concesión da autorización de queima de restos forestais teranse en conta os riscos e a superficie que se solicita queimar».
Vinte e oito. modifícanse os puntos 2 e 4 do artigo 35 e engádese un novo punto 6 no dito artigo, que quedan redactados do seguinte xeito:
«2. A realización de queimas controladas en terreos agrícolas e forestais e en zonas de influencia forestal só será permitida, nos termos que se establezan regulamentariamente, despois da súa autorización expresa e coa presenza de persoal técnico autorizado para a xestión de queimas controladas e con equipos de extinción de incendios. As autorizacións a que se refire este punto serán outorgadas pola consellaría competente en materia forestal». «4. A realización de queimas controladas só estará permitida fóra da época de perigo alto e cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa baixo ou moderado».
«6. Así mesmo, no caso de que as queimas controladas se desenvolvan en terreos cualificados como espazos naturais protexidos, segundo a normativa sectorial de aplicación, será necesario o informe previo da consellaría competente en materia de conservación da natureza».
Vinte e nove. modifícanse a alínea a) do número 1 e os números 2, 3, 4 e 5 do artigo 36 e o número 4 pasa a ser o número 6. Os números 1.a), 2, 3, 4 e 5 quedan redactados do seguinte xeito:
«1. Nas zonas agrícolas, forestais e nas de influencia forestal, durante a época de perigo alto, queda prohibido:
a) Realizar fogueiras para recreo ou ocio e para a preparación de alimentos, así como
utilizar equipamentos de queima e de combustión destinados á iluminación ou á elaboración de alimentos».
«2. Nas zonas agrícolas, forestais e nas de influencia forestal, fóra da época de perigo alto e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de niveis moi alto e extremo, manteranse as restricións referidas no número anterior».
«3. Exceptúase do disposto na alínea a) do número 1 e no número anterior a preparación de alimentos en espazos non incluídos en zonas de alto risco de incendio sempre que sexa realizada nas áreas expresamente previstas para o efecto, como son as áreas recreativas e outras cando estean debidamente identificadas e conten con infraestruturas adecuadas para tal fin».
«4. Excepcionalmente, a consellaría con competencias en materia forestal poderá autorizar áreas recreativas incluídas en zonas de alto risco de incendio nas cales se poidan preparar alimentos, sempre que conten cos requisitos, instalacións e equipamentos específicos que se sinalen regulamentariamente».
«5. Exceptúase así mesmo do disposto na alínea a) do número 1 e no número anterior o uso de lume nas festas locais ou de arraigada tradición popular, que requirirá autorización previa do concello, na cal figurarán, en todo caso, as medidas de seguridade e prevención de incendios forestais».
Trinta. modifícanse os números 1, 4 e 5 do artigo 37, que quedan redactados do seguinte xeito:
«1. En todos os terreos forestais e zonas de influencia forestal, durante a época de perigo alto, os artefactos que leven aparellado o uso do lume, así como a utilización de fogos de artificio, o lanzamento de globos e doutros artefactos pirotécnicos, que en todos os casos estean relacionados coa celebración de festas locais ou de arraigada tradición cultural, están suxeitos á autorización previa do respectivo concello, que incluirá as medidas específicas de seguridade e prevención axeitadas. O concello comunicará as autorizacións ao distrito forestal correspondente ao seu ámbito territorial con corenta e oito horas de antelación como mínimo.
No caso de que o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo, o concello non poderá autorizar a utilización de artefactos que leven aparellado o uso do lume, fogos de artificio, globos e artefactos pirotécnicos. Nos casos de que o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo o día da celebración, entenderanse revogadas as autorizacións emitidas con anterioridade.
Os lanzamentos de fogos de artificio ou artefactos pirotécnicos nos terreos forestais e nas zonas de influencia forestal só poderán ser realizados por persoal autorizado das empresas que figuren no rexistro sectorial desta actividade. Os fogos de artificio e artefactos pirotécnicos deberán empregar materiais ignífugos, ou ben ignifugados.
A autorización outorgada non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos e perdas a que houber lugar no caso de que concorra neglixencia ou imprudencia».
«4. Fóra da época de perigo alto e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de nivel extremo, mantéñense as restricións referidas no número 1 deste artigo».
«5. Fóra da época de perigo alto e desde que se verifique o índice de risco diario de incendio forestal de niveis alto, moi alto e extremo, mantéñense as restricións referidas nos números 2 e 3 deste artigo».
Trinta e un. modifícase a denominación do capítulo I do título VI, que queda redactado do seguinte xeito:
«CAPíTULO I
Cambios de actividade en terreos queimados»
Trinta e dous. modifícase o artigo 40, que queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 40. Cambios de actividade de forestal a agrícola
1. Con carácter xeral, o cambio de actividade de forestal a agrícola rexerase polo disposto na Lei de montes de Galicia.
2. No caso de que se produza un incendio forestal, non se autorizará o cambio de actividade de forestal a agrícola ou pasteiro desde a data en que se produza o incendio forestal ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran dous anos deste. Soamente de forma excepcional, e atendendo as circunstancias especiais que se determinen regulamentariamente, nos termos previstos no artigo 50.1 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, poderá autorizarse o dito cambio de actividade».
Trinta e tres. modifícase o artigo 42, que queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 42. Aproveitamento de madeira queimada
Os aproveitamentos de madeira queimada, con independencia da especie forestal, requirirán a autorización previa do órgano inferior competente por razón do territorio da consellaría competente en materia forestal. Desenvolveranse regulamentariamente as condicións para a autorización do aproveitamento da madeira queimada por incendios forestais».
Trinta e catro. modifícase o artigo 43, que queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 43. Limitacións ao pastoreo
1. Con carácter xeral, prohíbese o pastoreo en todos os terreos forestais que resulten afectados por incendios forestais, nun prazo mínimo contado desde a data en que se produza o incendio ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran dous anos deste e ata que as adecuadas condicións de restauración da masa arborada, se é o caso, o permitan. Neste caso, precisarase de autorización administrativa, nos termos que se establezan para o efecto.
2. Regulamentariamente poderán preverse excepcións á prohibición establecida no punto anterior, baseadas na acreditación de perdas de difícil reparación pola prohibición ao pastoreo ou na inexistencia de alternativas ao pastoreo nas áreas afectadas por incendios forestais dentro da mesma demarcación forestal, agás que se trate de superficies arboradas queimadas, ou superficies de parroquias incluídas en zonas declaradas como de alto risco onde, polo número de incendios forestais reiterados ou pola súa gran virulencia, precisen medidas extraordinarias de prevención de incendios e de protección dos montes fronte aos impactos producidos por eles».
Trinta e cinco. modifícase o artigo 44, que queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 44. Limitacións á actividade cinexética
1. Os aproveitamentos e a repoboación cinexética en terreos queimados quedan prohibidos durante un período contado desde a data en que se produza o incendio ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran tres anos deste, agás autorización expresa do órgano competente en materia cinexética, logo do informe favorable da consellaría competente en materia forestal.
2. A falta desta autorización, ou a realización da actividade en condicións distintas ás autorizadas, sancionarase consonte o disposto na lexislación galega en materia cinexética».
Trinta e seis. modifícanse os puntos 4 e 5 do artigo 46 e engádese un punto 6, que quedan redactados do seguinte xeito:
«4. Os postos de vixilancia instalaranse segundo criterios de prioridade fundados no grao de risco de incendio forestal, valor do patrimonio que hai que defender e visibilidade, e serán dotados do equipamento tecnolóxico adecuado ás súas funcións.
5. A instalación de calquera equipamento de comunicación radioeléctrica que poida interferir na calidade das comunicacións da rede de radio dos servizos de prevención e defensa contra os incendios forestais requirirá de informe previo favorable da consellaría competente en materia forestal.
6. Calquera plantación que se realice no espazo de 50 metros arredor dun posto de vixía requirirá igualmente de informe previo favorable da consellaría competente en materia forestal».
Trinta e sete. modifícanse o título e os números 1, 2, 3, 6 e 8, e engádese unha alínea
d) no número 4 e un novo número 9 ao artigo 48:
«Artigo 48. Extinción, remate, vixilancia e investigación de incendios forestais
1. Toda persoa que observe a existencia ou o comezo dun incendio está obrigada a comunicárllelo aos servizos de prevención e defensa contra os incendios forestais, ás forzas e corpos de seguridade do Estado ou aos servizos de protección civil da forma máis rápida posible e, se é o caso, a colaborar, dentro das súas posibilidades, á extinción do incendio».
«2. A dirección técnica de extinción será realizada por persoal técnico dependente da consellaría competente en materia forestal. As operacións de extinción dos incendios forestais serán realizadas polo persoal pertencente ao Servizo de Defensa contra Incendios Forestais, polo persoal dependente dos servizos de protección civil e por profesionais habilitados para o efecto pola consellaría competente en materia forestal».
«3. O sistema de extinción de incendios forestais basearase nunha estrutura de base territorial, profesionalizada e integrada, baixo o mando único da administración competente en materia forestal, a través dos órganos que se especifiquen no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga)».
«4. Poden participar nas operacións de extinción e de remate de incendios forestais, baixo o mando único operativo dependente da consellaría competente en materia forestal:
d) O persoal dependente dos servizos de protección civil, dos grupos locais de pronto
auxilio e doutros vinculados a protección civil».
«6. En situacións de emerxencia, cando para a extinción dun incendio forestal for preciso, a persoa directora ou responsable técnica das tarefas de extinción poderá mobilizar os medios públicos e privados para actuar na extinción de acordo cun plan de operacións. Así mesmo, poderá dispoñer, cando sexa necesario e aínda que non se poida contar coa autorización das persoas titulares respectivas, a entrada de equipos e medios en predios forestais, agrícolas ou gandeiros, a circulación por camiños privados, a apertura de brechas en muros ou cercas, a utilización de augas, a apertura de devasas de urxencia e a queima anticipada mediante contralume nas zonas que se considere, dentro dunha normal previsión, que poden ser consumidas polo incendio».
«8. Despois do remate dun incendio forestal, procederase, en función dos medios dispoñibles, á investigación de causas, co obxecto de establecer as circunstancias en que se produciu e identificar e sancionar a persoa responsable da súa autoría. A investigación debe servir tamén para establecer as medidas preventivas para evitar os incendios. Esta investigación, sen prexuízo das competencias das forzas e corpos de seguridade do Estado, será realizada por técnicos dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e técnicos pertencentes aos distritos forestais, por axentes forestais ou axentes facultativos medioambientais especializados ou polas brigadas de investigación de incendios forestais, seguindo os protocolos oficiais e os procedementos técnicos establecidos pola consellaría competente en materia forestal».
«9. A inclusión no rexistro cartográfico e informático de superficies queimadas, recollido no artigo 4.2 desta lei, terá efectos de recoñecemento oficial do incendio».
Trinta e oito. modifícanse os puntos 1), 3), 4), 7), 9) e 10) do número 2 do artigo 50 e engádense dous novos puntos, 12) e 13), que quedan redactados do seguinte xeito:
«1) O incumprimento da obriga de xestionar a biomasa consonte o previsto nalgún dos artigos 20 bis, 21, 21 bis, 21 ter, 22 e 23 ou na disposición transitoria terceira desta lei».
«3) O incumprimento das medidas de prevención para as novas edificacións en zonas forestais e de influencia forestal, nos termos do artigo 23.2».
«4) A execución de medidas de silvicultura preventiva vulnerando o disposto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento».
«7) O depósito de produtos forestais e produtos inflamables en condicións distintas das previstas no artigo 24 bis desta lei».
«9) O cambio de actividade sen obter a autorización prevista no artigo 40 ou en condicións distintas ás autorizadas».
«10) A práctica do pastoreo nos terreos forestais que resulten afectados por incendios forestais vulnerando o disposto no artigo 43 desta lei ou incumprindo a autorización prevista nel».
«12) Repoboacións realizadas a menos de 50 metros arredor dun posto de vixía sen informe favorable da consellaría competente en materia forestal».
«13) Acampadas fóra das zonas delimitadas para tal fin».
Trinta e nove. modifícase a alínea b) do número 1 do artigo 51, que queda redactada do seguinte xeito:
«b) A conduta tipificada no número 2.8 do artigo 50 desta lei cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo».
Corenta. modifícanse as alíneas b), d) e e) do número 2 do artigo 51 e introdúcese unha nova alínea h) no número 2 do artigo 51, que quedan redactadas como segue:
«b) As condutas tipificadas no número 2.8 do artigo 50 desta lei, cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa moi alto».
«d) A conduta tipificada no número 2.7 do artigo 50».
«e) A conduta descrita no número 2.4 do artigo 50, cando as medidas de silvicultura se realicen en terreos incluídos nas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa».
«h) A conduta tipificada na alínea k) do artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa moi alto ou extremo».
Corenta e un. modifícase o número 1 do artigo 52, que queda redactado do seguinte xeito:
«1. Para a determinación concreta da sanción que se impoña, entre as asignadas a cada tipo de infracción, tomaranse en consideración, ademais dos criterios establecidos na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, os seguintes, que deberán ser debidamente motivados na instrución do expediente sancionador:
a) A superficie afectada e o valor atribuído a cada tipo de cobertura vexetal.
b) A adopción inmediata e eficaz de medidas tendentes a diminuír o dano ou o prexuízo
ocasionado.
c) A falta de acompañamento técnico adecuado na realización de queimas controladas,
consonte o previsto no artigo 35.3 desta lei.
d) A diferente consideración da época de perigo, zonas de risco e índice de risco diario de incendio forestal, na data da comisión da infracción, segundo o disposto nos artigos 9, 10 e 11 desta lei.
e) A reiteración, entendida como a concorrencia de varias irregularidades ou infraccións
que se sancionen no mesmo procedemento.
f) A intencionalidade.
g) A situación de risco xerado para as persoas ou os bens.
h) O ánimo de lucro.
i) Os prexuízos causados e a irreversibilidade destes.
j) A transcendencia social, medioambiental ou paisaxística.
k) A agrupación ou a organización para cometer a infracción.
l) Que a infracción sexa cometida en zona queimada ou declarada como de especial
risco de incendios.
m) A reincidencia na comisión dunha infracción das recollidas nesta lei no último ano. O
prazo comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución na vía administrativa».
Corenta e dous. Engádese un novo artigo 53 bis, que se redacta como segue:
«Artigo 53 bis. Multas coercitivas e execución subsidiaria
1. Se os infractores non proceden á reparación ou á indemnización, de acordo co establecido nesta lei, e logo de transcorrido o prazo sinalado no requirimento correspondente, a persoa instrutora do procedemento ou o órgano encargado da resolución poderá acordar a imposición de multas coercitivas ou a execución subsidiaria.
2. As multas coercitivas serán reiteradas por lapsos de tempo que sexan suficientes para cumprir o ordenado, e a contía de cada unha das ditas multas non superará o 20 % da multa fixada pola infracción cometida.
3. A execución subsidiaria da reparación ordenada será á custa do infractor».
Corenta e tres. modifícase o artigo 54, que queda redactado como segue:
«Artigo 54. Competencia sancionadora
1. Será competente para incoar o procedemento sancionador para as infraccións cometidas en terreos agrícolas, forestais e de influencia forestal a persoa titular da xefatura territorial da consellaría con competencias en materia forestal por razón do territorio en que se cometeu a infracción ou daquel con maior superficie afectada.
2. Serán competentes para a resolución dos procedementos sancionadores por infraccións tipificadas nesta lei e incoados no ámbito da consellaría con competencia en materia forestal:
a) A persoa titular da xefatura territorial da consellaría competente en materia forestal,
para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves.
b) O órgano competente en materia forestal, para a imposición de sancións pola comi-
sión de infraccións graves.
c) A persoa titular da consellaría que teña asignada a competencia en materia forestal,
para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves.
3. A incoación do procedemento sancionador en aplicación desta lei, por ausencia de ordenanzas municipais ao respecto, para as infraccións cometidas en terreos urbanos, de núcleo rural e urbanizables delimitados será competencia da respectiva administración local. A resolución dos expedientes pola comisión de infraccións leves e graves corresponderalle á persoa titular da alcaldía e a dos expedientes pola comisión de infraccións moi graves ao pleno do concello, de conformidade co establecido no artigo 21 ter.2 desta lei».
Corenta e catro. modifícase o artigo 55, que queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 55. Prazo de resolución
1. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa que poña fin ao procedemento será de nove meses, contados desde a data de inicio do procedemento administrativo sancionador, que corresponde coa data do acordo de incoación. Despois de transcorrer este prazo sen que se notifique a resolución, producirase a caducidade deste, co arquivo das actuacións, sen prexuízo da obriga de ditar a correspondente resolución.
2. No caso de que o procedemento se suspenda ou paralice por causas imputables ao interesado, interromperase o cómputo do prazo para resolver.
3. De conformidade co disposto pola lexislación básica do procedemento administrativo, o órgano competente para resolver, de oficio ou por instancia da persoa instrutora, pode acordar, mediante resolución motivada, unha ampliación do prazo de aplicación que non exceda a metade do prazo inicialmente establecido. A dita resolución debe ser notificada á persoa interesada antes do vencemento do prazo de caducidade establecido nesta lei.
4. A caducidade do procedemento non produce por si mesma a prescrición da infracción.
malia o anterior, os procedementos caducados non interromperán o prazo de prescrición».
Corenta e cinco. modifícase o punto 2 do artigo 58, que queda redactado do seguinte xeito:
«2. Terán preferencia na asignación de incentivos aqueles titulares de terreos forestais que teñan subscrito un seguro forestal ou dispoñan de instrumentos de ordenación ou de xestión forestal, debidamente aprobados de acordo co disposto nesta lei, e os propietarios que teñan un seguro de incendios».
Corenta e seis. modifícase o artigo 59, que queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 59. Colaboración coas entidades locais
1. A Xunta de Galicia colaborará coas entidades locais para a prevención e a extinción de incendios, ben a través de medios propios ben por medio de mecanismos de apoio económico.
2. A Xunta de Galicia incluirá nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dotacións económicas para o asinamento de convenios de colaboración cos concellos para a redacción dos plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais nos termos establecidos no artigo 16 e para a realización de traballos preventivos nas vías e montes de titularidade municipal e na xestión da biomasa das parcelas de propietario descoñecido, determinadas en análises da propiedade de conformidade co establecido no artigo 16.2, e co fin de que poidan ter recursos para exerceren as competencias previstas nela consonte o artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia». Corenta e sete. Suprímese o número 3 da disposición adicional segunda.
Corenta e oito. modifícase o número 2 da disposición adicional terceira, que queda redactado como segue:
«2. En todo caso, poderán conservarse árbores das especies sinaladas no punto anterior en calquera clase de terreos incluídos nas redes primarias e secundarias de xestión de biomasa no caso de se trataren de árbores senlleiras, ou aquelas que cumpran funcións ornamentais ou se atopen illadas e non supoñan un risco para a propagación de incendios forestais».
Corenta e nove. Inclúese unha nova disposición adicional quinta.
«Disposición adicional quinta
As referencias á Consellería de medio Ambiente contidas nos artigos 3.2, número 2; 15.4, número 2; 15.8, 31.5, 34.2 e na disposición adicional primeira desta lei entenderanse feitas á consellaría competente en materia de conservación da natureza».
Cincuenta. modifícase a disposición transitoria terceira, que queda redactada do seguinte xeito:
«Disposición transitoria terceira
1. mentres non se definan as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa nos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, serán directamente aplicables as obrigas derivadas do disposto no artigo 21.
2. En canto non se definan as redes primarias e terciarias de faixas de xestión da biomasa, consonte o disposto nesta lei, no Plan de defensa contra os incendios forestais de distrito, serán directamente aplicables as obrigas derivadas do disposto nos artigos 20 bis e 21 bis, agás a obriga establecida na alínea d) do artigo 20 bis, para cuxo cumprimento as persoas responsables dispoñerán do prazo dun ano para adaptarse ao disposto nela».
Cincuenta e un. modifícase a disposición transitoria cuarta, que queda redactada como segue: «Disposición transitoria cuarta
1. O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito deberá adaptarse ao disposto nesta lei no prazo de dezaoito meses desde a súa entrada en vigor.
2. Os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais deberán adaptarse ao disposto nesta lei nun prazo de cinco anos desde a súa entrada en vigor».
Disposición derradeira segunda. modificación da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.
modifícase o artigo 25 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man
común, que queda redactado como segue:
«A consellaría competente en materia de montes dará aos montes veciñais en man común carácter preferente nas súas actuacións de fomento e mellora da produción agraria e na concesión de axudas económicas para as mesmas finalidades. Ademais, desempeñará as seguintes funcións:
a) Velar pola súa conservación e integridade.
b) Asesorar tecnicamente as comunidades veciñais na redacción dos instrumentos de
ordenación ou de xestión forestal.
c) Vixiar polo cumprimento da execución dos plans de mellora que se citan nos arti-
gos 28 e 29.
d) Asinar contratos temporais de xestión pública coas comunidades veciñais dirixidos a
unha xestión sustentable do monte, nos casos e nas formas desenvolvidas normativamente.
e) Impulsar e promover o aproveitamento cooperativo do monte
f) Velar polo cumprimento do disposto nesta lei, aplicando as medidas correctoras e
sancionadoras que legalmente se establezan».
Disposición derradeira terceira. modificación da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
1. modifícase a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e concretamente o cadro incluído na subalínea 01 da alínea 36 do anexo 2, modificando as tarifas correspondentes ao grupo de «Ovino, caprino e outros ruminantes», que quedan redactadas como segue:
«Ovino, caprino e outros ruminantes:
– Animais de 12 ou máis kg/canal: 0,025411.
– Animais de menos de 12 kg/canal: 0,010291».
2. A devandita modificación será aplicable aos feitos impoñibles acaecidos desde o 1 de xaneiro do ano 2012.
3. Os ingresos efectuados polos contribuíntes pola tarifa anterior correspondentes aos feitos impoñibles acaecidos no ano 2012 e que se realizasen consonte os tipos da Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, serán axustados de acordo cos tipos do punto 1 anterior, mediante, de ser o caso, a devolución de oficio dos importes que procedan.
Disposición derradeira cuarta. Da modificación dos anexos
Facúltase a consellaría competente en materia de montes para a modificación dos anexos desta lei, oído o Consello Forestal de Galicia, cando a dita modificación derive de aspectos relacionados coa protección e ordenación dos recursos forestais ou a mellora na prevención e defensa contra os incendios forestais así o aconselle.
Disposición derradeira quinta. Habilitación normativa
Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei, oído o Consello Forestal de Galicia.
Disposición derradeira sexta. Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e oito de xuño de dous mil doce
Alberto Núñez Feijoo
Presidente
ANEXO I
– Coníferas:
Piñeiro silvestre: Pinus sylvestris L.
Teixo: Taxus baccata L.
– Frondosas:
Ameneiro: Alnus glutinosa (L.) Gaertn.
Pradairo: Acer pseudoplatanus L.
Bidueiro: Betula sp.
Freixo: Fraxinus excelsior L.
Freixa: Fraxinus angustifolia Vahl.
Castiñeiro: Castanea sativa Mill.
Castiñeiro híbrido: Castanea x híbrida (resistente tinta) Cerdeira: Prunus aviun L.
Carballo: Quercus robur L.
Cerquiño: Quercus pyrenaica Will.
Sobreira: Quercus suber L.
Carballo albar: Quercus petraea (matts) Liebl.
Aciñeira: Quercus ilex L. ssp. ballota (Desf.) Samp.
Quercus rotundifolia Lam.
Abeleira: Corylus avellana L.
Faia: Fagus sylvatica L.
Umeiro: Ulmus glabra Huds.
Ulmus minor Miller.
Loureiro: Laurus nobilis L.
Sorbeira do monte: Sorbus aria L.
Capudre: Sorbus aucuparia L.
Nogueira: Juglans regia L.
Érbedo: Arbutus unedo L.
ANEXO II
Distancias mínimas que deben respectar as novas repoboacións forestais
a) Con parcelas forestais 2 metros
b) Con terreos situados en solo rústico de especial protección agropecuaria 10 metros
c) Con zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos non clasificados de especial protección agropecuaria 4 metros cando se empreguen as especies frondosas do anexo 1, e 10 metros no resto de especies
d) Desde o límite do dominio público das vías (autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencionais) ou do ferrocarril 4 metros cando se empreguen as especies frondosas do anexo 1, e 10 metros no resto de especies
e) Con pistas forestais principais 2 metros cando se empreguen as especies frondosas do anexo 1; no resto de especies, 4 metros en xeral, e 6 metros nos concellos declarados como zona de alto risco
f) Desde a proxección do condutor máis externo, considerando a súa desviación máxima producida polo vento segundo a normativa aplicable a cada caso, da infraestrutura eléctrica 5 metros para todas as especies
g) Con canles fluviais de máis de 2 metros de largo 5 metros cando se empreguen as especies de frondosas do anexo 1, e 15 metros no resto de especies, contados desde o dominio público. Non será aplicable en actuacións de recuperación ambiental
h) Con edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte e fóra de solo urbano e de núcleo rural
i) Con solo urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable delimitado 15 metros cando se empreguen as especies de frondosas do anexo 1, e 30 metros no resto de especies
j) Con cámpings, gasolineiras e industrias ou instalacións preexistentes en que se desenvolvan actividades perigosas consonte o establecido na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, ou na súa normativa de desenvolvemento 25 metros para especies de frondosas do anexo 1, e 50 metros para o resto de especies